Vou intentar facer unha análise totalmente obxectiva do panorama que se debuxa tras os resultados das eleccións municipais en Rianxo. A día de hoxe só hai dúas cousas claras, que teremos unha alcaldesa do PP ou un alcalde do BNG e que semella que o PSOE non está moi pola labor de pactar co Bloque.
O panorama para o PP en Rianxo:
1. Se logra gobernar terá por diante catro anos en minoría (6 concelleiros fronte a 11 da oposición) bastante duros. O que está claro é que se non se levan adiante proxectos e traballos ao pobo de Rianxo isto non o vai pasar por alto e supoño que sairán perdendo os partidos que boicoteen porque si (simplemente por desestabilizar). A vantaxe que teñen é que o PP está na Xunta, así que supoño que (xa sabemos como van estas cousas) algo tirarían para Rianxo.
2. Se non goberna está claro que teñen en Vanessa Martínez a unha candidata para o futuro. O PP rianxeiro necesita unha certa estabilidade despois de tanto cambio no liderado do partido, e nela teñen unha persoa moza e con ganas.
O panorama para o PSOE en Rianxo:
1. Se non apoia ao BNG creo que unha parte do electorado progresista non llo perdonaría ao PSOE e sairía castigado nas próximas eleccións. Hai que pensar que unha parte dos votos que perderon os socialistas foi para a formación frontista, mentres que outra foi para o PP.
2. Se apoia ao BNG e este o fai bastante ben no goberno, o PSOE podería quedar en segundo plano gañando máis forza en Rianxo o Bloque.
3. Carlos Gey é para moitos un gran descoñecido, polo que durante os próximos anos debería traballar publicamente (non dende un despacho), dar ideas e tirar para adiante con propostas e iniciativas a prol de Rianxo.
O panorama para o BNG en Rianxo:
1. Se conta co apoio do PSOE para gobernar por diante terá catro anos duros. As arcas municipais, polo visto, están baleiras e non dan para moito. Como vantaxe tería o apoio dos socialistas para sacar adiante proxectos e como desvantaxe que na Xunta non hai un goberno afín (aínda que isto tampouco importou en concellos como Pontevedra, Carballo ou Teo).
2. Se non conta co apoio do PSOE e queda na oposición, o Bloque tamén ten en Adolfo Muíños un candidato de futuro. Demostrou o seu traballo na oposición durante estes anos e manéxase moi ben nas distancias curtas, algo moi importante para os votantes.
Vamos, que o panorama é moi complexo. Quen peor o ten e quen máis ten que demostrar agora en Rianxo é o PSOE, mentres que o PP e o BNG son as forzas emerxentes. Goberne quen goberne, o que nos importa sempre aos cidadáns é que se nos escoite, que vexamos traballo, esforzo e moitas ganas.
E ti, como ves o panorama? Será a próxima alcaldesa Vanessa Martínez? Ou ben Adolfo Muíños?
Deixar un comentario