Arquivo | restos arqueolóxicos RSS feed for this section

Por que desapareceu o Castelo da Lúa?

22 Nov

Castelo da Lúa de Rianxo

Onde hoxe vemos as ruínas do que podería ser un fermoso edificio, no seu día só había maldade e terror. Polo menos para centos de labregos, comerciantes e burgueses.
A Idade Media é o final do Castelo da Lúa e de moitos outras fortalezas en Galicia. Son o símbolo do poder e da maldade da alta nobreza galega. Por iso, cando o pobo se levanta na Revolta Irmandiña (1467-1469), o de Rianxo será un dos castelos que se derruben. Caerán entre 50 e 150 máis segundo os historiadores.

A nobreza manda

Vívese unha época moi convulsa, onde a nobreza planta ao poder real e eclesiástico. Para marcar territorio e demostrar a súa forza, aparecen novas fortalezas por toda Galicia. Unha delas é a de Rianxo (que mesmo tivo unha orde de derribo do rei, por non contar coa licenza do arcebispo).

Na Revolta Irmandiña o señor de Rianxo é Sueiro Gomes de Soutomaior, que tamén conta cunha fortaleza en Lantaño (Meis) e outra na Insua de Vea (A Estrada). O castelo non era a súa residencia habitual, senón unha edificación que albergaba soldados. A misión dos castelos é controlar e explotar economicamente unha zona.

23511074_1942853655731579_3764540055974640782_o

Niño de malfeitores

Pero os castelos en boa parte de Galicia tamén se converten nun niño de malfeitores. Así o indica Carlos Barros, profesor de Historia Medieval da USC.

Tal era a impunidade da nobreza naquela época, que en lugar de defender os seus vasalos (a cambio de cartos, claro está), dan amparo a bandas que realizan secuestros, torturan, violan mulleres ou rouban os mercadores que ían polos camiños. Ou ben explotan cada vez máis aos vasalos.

Os gorrións perseguen os falcóns

Ante esta situación de indefensión, por toda Galicia se erguen as Santas Irmandades. Son organizacións que gozan de recoñecemento legal e contan coa aprobación real, formadas por xente de distintas clases. O seu cometido é garantir a orde fronte á inseguridade.
Escoitan a todos para frear os abusos. Como exemplo, está documentado que os pescadores de Vilanova de Arousa, diante dos alcaldes irmandiños, denuncian os agravios tanto do arcebispo de Santiago como de Sueiro Gomes de Soutomaior.

Ao final prodúcese un levantamento. Máis de 10.000 homes derrocan o castelo da Rocha Forte de Santiago (centro relixioso e político de Galicia). E se era posible despoxar gañar ao arcebispo, nada impedía facer o propio con outros señores.

Vitoria e derrota

Os irmandiños de Pontevedra e o Salnés botan abaixo, entre outras, as fortalezas de Lantaño e de Rianxo. Gomes de Soutomaior ten que escapar e esconderse. Incluso hai fonte documentais que din era alimentado por campesiños.

Como explica o historiador Carlos Galbán, destruír unha fortaleza non significa arrasala por completo, senón que moitas veces os irmandiños a volven inútil, derruíndo varias das súas partes. Era unha práctica máis rápida e efectiva, e seguramente foi o que pasou co castelo levantado no actual lugar do Pazo.

Con todo, os falcóns volveranse facer co poder un par de anos despois. Derrotado o movemento irmandiño, levantaranse de novo varias fortalezas arrasadas. Dese xeito, Sueiro Gomes trata de reconstruír o Castelo da Lúa (chamado así en teoría porque a súa segunda muller, filla do arcebispo de Toledo, era Juana de Luna).

Represión

Aínda que puidera semellar o contrario, a represión dos señores contra os vasalos non foi dura. Entre outras cousas porque os necesitaban vivos para traballar.

Así e todo, Rianxo foi unha desas excepcións. En 1480 os Reis Católicos reciben unha carta falando das crueldades feitas aquí por Luís de Acevedo (irmán do arcebispo Alonso de Fonseca, que tiña xurisdición ata Pontevedra).

Nesa misiva falábase de que Luís de Acevedo roubaba na vila, botaba abaixo e queimaba casas, torturaba e castraba homes, afogábaos no río coas mans atadas atrás e mesmo nalgún caso lles apertaba “as cabezas ata que lles facía saltar os sisos polos narices”.

Nova destrución

Ese mesmo ano (1480), Fernando Acuña, capitán e gobernador dos Reis Católicos, ordena que o Castelo da Lúa sexa destruído. Os reis buscan poñer couto ao poder da nobreza arrasando cos castelos que non son necesarios para a defensa do reino, que non son cabeza da xurisdición ou porque viven de roubos e abusos.

O de Rianxo queda nun estado lamentable a partir de aquí, como recollían no seu día Santos e Comoxo nun artigo en La Voz de Galicia. Sen portas e con parte da estrutura que daba ao río caída, abandónase e acentúase o proceso de desaparición. Co tempo, as súas pedras formarán parte do campanario da igrexa de Santa Columba e os veciños tamén empregarán os seus restos para construír muros e vivendas.

Vista aérea do Castelo da Lúa

16 Nov

No Castelo da Lúa estase a realizar unha intervención, coa que se pretende poñer en valor o novo patrimonio arqueolóxico. Dende o Concello de Rianxo pasáronnos estas fotos nas que podemos apreciar a lingua de terra na que se situaba este castelo, nun enclave privilexiado da ría de Arousa.

Seguir lendo

Sinalización para localizar o patrimonio arqueolóxico en Rianxo

5 Out

campos

 

A semana pasada, paseando entre o monte de Rianxo e o de Leiro, descubrín con asombro que ao lado dos camiños puxeron carteis indicativos de que preto hai petróglifos ou mámoas. Ata o de agora, os únicos carteis que podíamos atopar estaban a carón das estradas e, despois, alá te mataras no monte. Dende a Alcaldía, explícannos que foi unha acción de “Arousa Norte coa indicación do Concello”, e que sinalizará un roteiro arqueolóxico.

Seguir lendo

O patrimonio escondido e esquecido de Rianxo: a mámoa de Piñeiro

16 Xul

Hoxe vouvos falar dun descubrimento que realmente non é tal, pero que serve para amosar a gran riqueza arqueolóxica que temos en Rianxo. E o gran descoñecemento que temos dela (aínda que ás veces dá medo que os vándalos saiban destes temas).

O caso é que un día, indo pola autovía do Barbanza, pareceume ver un cartel un tanto estraño nunha das beiras da estrada. “Que Deus che conserve a vista!”, díxome unha vez un mestre na EXB.

mamoapineiro1

 

Seguir lendo

Moncho Ces, investigador de petróglifos en Rianxo

26 Abr

De novo, os rapaces do Félix Muriel realizaron un interesante documento: unha entrevista a Moncho Ces, dos primeiros rianxeiros en comezar a investigar sobre os petróglifos en Rianxo, ata o punto de qeu foi o descubrir dos Mouchos, en Leiro.

Como nos contou o seu fillo, Carlos Ces, “estaba aquela tempada rastrexando o monte entre Rianxiño e Brión porque hai aí unha liña importante de gravados. E un día deu con eles, que eran difíciles de ver pola terra e vexetación que os cubría”. O caso é un día Carlos acompañou o seu pai. Tiña daquela 16 anos Carlos, cando o seu pai lle “pediu que o axudase a turrar dunhas xestas para seguir unha liña grosa que ao principio pensamos que era da pedra. Ata que, sorpresa, apareceu o gran cervo da pedra nº1, ese de case 1 metro de altura. Imaxina o gozo de tal descubrimento!”

A información sobre estes petróglifos foi recompilada no traballo “Un complexo de gravados rupestres en Rianxo”, da revista Brigantium (volume 8, anos 1993/94), elaborador por Xoán Andrés Fernández Castro, Pedro Piñeiro Hermida e Ramón Ces Castaño.

Os escudos de Rianxo debuxados por Castelao

26 Dec

Como ben sabedes, hais uns días publicamos un post sobre os escudos rianxeiros nos que se baseou Castelao para facer o de “Denantes mortos que escravos”. Aí comentamos que fixo un traballo xunto con Bouza Brei sobre os Escudos de Rianxo, publicado pola revista Nós, no nº 113, de 17 de maio de 1933, px. 77-83. Castelao recolle máis de 30 escudos diferentes.

Grazas ao Museo de Pontevedra, podemos ver eses escudos, algúns dos cales non chegaron ata os nosos días:

casamaroma

Escudo na chamada Casa da Maroma, en Rianxo

Seguir lendo

Guía para a visita aos petróglifos dos Mouchos

16 Dec

Hoxe quero poñer outro interesante documento do Centro Arqueolóxico do Barbanza, unha guía explicativa para a visita aos petróglifos dos Mouchos, preto da praia de Cunchas. Como comentan Juan Carlos Collazo, “a dos Mouchos é a escena de caza e de monta (equitación)  máis espectacular de toda Europa”.

docGuía para a visita aos Mouchos

Artigo deste blog con fotos dos petróglifos.

mouchos

Catálogo da necrópole tumular dos Campiños, en Leiro

10 Dec

Hoxe quero poñer un gran documento realizado polo Centro Arqueolóxico do Barbanza. Trátase do catálogo dos Campiños e que recolle con todo detalle o que alí podemos ver. Así que é moi importante destacar o labor que realizan dende Neixón e que poidamos ter este tipo de documentos.

docCatálogo da necrópole tumular dos_Campiños

Oxalá algún día poidamos ter unha sinalización correcta ou algún tipo senda ou percorrido que nos permita descubrir os tesouros históricos que agochan os montes de Rianxo e que realmente a día de hoxe permanecen ocultos para unha maioría, xa que son moi difíciles de atopar.

campinhos1

No punto marcado como Campiños 6, podemos atopar a fermosa mámoa dos Campiños, que segundo se pode ver no catálogo elaborado polo Centro Arqueolóxico do Barbanza Centro Arqueolóxico do Barbanza foi “explorada no ano 1977 por aficionados vencellados ao Teleclube de Leiro”. Trátase dunha sepultura de corredor curto que sufriu unha espoliación na súa cámara norte, polo que venceu a parede do corredor dese lado.

Trátase dun momumento funerario “construído e utilizado no momento de pleno apoxeo do megalitismo galaico, quizais correspondendo a unha fase asimilable ao Neolítico Final I-Calcocítico Precampaniforme”.

No lugar tamén se atoparon instrumentos como machados, unha aixola (ferramenta que consta dunha prancha de aceiro co bordo cortante duns 10 cm, unida a un mango curto, que se usa para desbastar a madeira), dúas láminas de sílex ou tres puntas de frecha de base triangular ou restos cerámicos.

mamoacampinhos

> Post no blog de cando estivemos alí con Juan Carlos Collazo e con Rabunho Rexeita.

 

Paseo polo patrimonio arqueolóxico rianxeiro

24 Nov

O pasado mes de setembro tiven a grandísima sorte de compartir unha tarde cun dos maiores e mellores coñecedores do patrimonio arqueolóxico de Rianxo, Juan Carlos Collazo e cunha das mentes máis inquietas do Concello, Rabunho Rexeita (ou Tito).

Comezamos no Monte da Pena. No centro da imaxe, esa zona pronunciada e chega de vexetación, esconde unha mámoa, como moitas outras que hai na zona.

paseo1

Seguir lendo

A estela descuberta no Araño

31 Xan

En 1907, nas Miráns (parroquia do Araño), atopouse unha estela funeraria que hoxe en día se conserva no Museo de Pontevedra.

É de granito e ten unha altura de 2,43 metros. Arriba de todo hai unha figura, que unhas fontes din que é un home e outras que é unha muller, está vestida cunha túnica e ten o brazo brazo esquerdo levantado e un obxecto irrecoñecible na man dereita, á altura do cinto. Debaixo figura unha inscrición.

A inscrición, moi borrosa, semella dicir isto: “DIVS (sic por dibus) M S / POSINEIV / FILIA SV(o) / CONIVG(i) / DOIRAV / ANNOR(um) / XXX STTLE(vis) / PIVS IN[suis]”.

estelaAranho

Fonte: Cervantesvirtual.com e blog O noso patrimonio.