Santiago Agrelo Martínez (20/06/1942), natural de Asados, acode todos os anos ás festas da Guadalupe a oficiar a novena. Acode en coche dende Marrocos, onde foi nomeado en abril de 2007 arcebispo de Tánxer. Nunha entrevista que realizamos o ano pasado con motivo da exposición de Ruando Rianxo e que publicamos agora, puidemos falar con el durante case unha hora de relixión, emigración, fame, da súa actividade en Marrocos e de moitos outros temas. Velaquí a conversa ao completo.
Santiago Agrelo, arcebispo de Tánxer: “Só faltei dous anos á Guadalupe, e un deles estaba hospitalizado, a piques de morrer”
11 SetLelucha, xubilada e no seu día costureira a domicilio
15 MarÁs veces sorprende como cambia o mundo e como hai profesións que no seu día eran moi coñecidas e como hoxe en día son unha anécdota. Manuela Cándida Vicente Vicente (14/03/1921) é historia viva de como hai anos, cando non había nin Zaras, nin grandes centros comerciais a xente chamaba a costureiras que facían traballos por xornada.
Fotos da exposición de Ruando Rianxo
16 XanVelaquí algo que nos pedíades: a recompilación de todas as fotos que forman parte da exposición Ruando Rianxo. Cal vos gusta máis?
Entrevista ao canteiro Che O Golias
29 NovA pedra é unha arte que dende hai séculos conformou o patrimonio galego. Para coñecer algo máis sobre ela e sobre a cantería, falamos con José Fernández Figueira (1963), coñecido como Che o Golias. Este canteiro, recibiu no 2002 o premio Dólmen de Ouro á traxectoria profesional na Arte da Cantería. Ademais, el e a súa familia quedaron inmortalizados polo escritor Anxo Angueira. Lembrade, ademais, que Che é unha das persoas que forma parte da exposición de Ruando Rianxo.
Fotos da inauguración de Ruando Rianxo
15 NovO pasado sábado 9 de novembro tivemos o grande orgullo de poder presentar no Auditorio a exposición de “Ruando Rianxo”. Moitos fostes os que nos acompañastes nese momento tan especial e tan emotivo para nós. Pero a maior satisfacción foi, sobre todo, poder ver as vosas caras, saber que gustou e que xa queredes Ruando Rianxo 2 🙂
Ruando Rianxo: do 9 de novembro ao 6 de decembro no Auditorio
31 OutBen, pois por fin chegou a data en que Ruando Rianxo se vai materializar en forma de exposición.
Foi un ano enteiro de fotos, entrevistas e anécdotas que xa vos fomos desvelando e que van seguir, coma sempre venres a venres a través deste blog que tantas persoas seguides e do que nos sentimos tan orgullosos.
En primeiro lugar dar as grazas ó Concello de Rianxo, o cal financia integramente o custo das impresións e enmarcado das obras da exposición, a Fernando Lavandeira, Adolfo Muíños e Hadriana Ordóñez por acoller tan gustosamente e con tanto entusiasmo este proxecto que comezou cunha idea e que ó final se converteu xa nun traballo que nos apaixona e nos da tantos intres de bo pasatempo, por suposto tamén dar as grazas ó amigo David Alcalde (Toffe), pola súa desinteresada colaboración. Dar tamén un millón de grazas a esa xente á cal lle roubamos algunha que outra mañá ou tarde para que nos contara parte da súa vida, algunha que outra anécdota e para que posara diante das nosas cámaras. Fixérono, abofé que si, sempre cun sorriso, abríndonos o seu fogar , sen miramentos e coa mellor das predisposicións. A tod@s el@s moitísimas grazas. Ruando Rianxo non sería posíbel sen a vosa axuda, sen as vosas pistas, sen os vosos consellos, sen as vosas recomendacións, xa que a maior parte das veces cada persoa nos poñía en relación con outra á que descoñeciamos, pero con grandes historias que contar.
Ruando Rianxo foi así materializándose e agora podemos dicir que é xa unha realidade, e esta realidade tradúcese nunha exposición que estará pendurada en primeiro lugar no Auditorio de Rianxo, dende o próximo 9 de novembro até o 6 de decembro. A inauguración terá lugar o sábado 9 ás 12:30 da mañá e asegurámovos que haberá sorpresas para os que alí estean acompañándonos.
Aquí vos deixamos xa, e recén saído do forno o cartaz que sairá á rua nos próximos dias. Agracerlle á deseñadora Mercedes López o seu fantástico traballo:
Lembrarvos tamén que Ruando Rianxo non para aquí, e que, alomenos unha tempada máis voltaremos ás andadas. En Rianxo somos ricos en persoas e en historias, así que seguiremos a traballar nesta Historia Viva de Rianxo en Fotos.
Un pracer para nás e agardamos que vos guste o que vexades.
Unha aperta!
Óscar Reboiras Loureiro e Xoán Antón Castro Barreiro
Entrevista a Nieves Vicente, empresaria agrícola e membro do Pleno da Corporación Municipal
18 OutSorprende saber que cando un se ergue polas mañás, Nieves Vicente Varela (O Araño, 1967) xa leva horas esperta, traballando, e seguramente a collamos camiño a Negreira, Santa Comba, Camariñas… vender os produtos que ela mesma cultiva. O traballo dos empresarios agrícolas non ten horario. Non se rexe polo sol, nin moito menos, xa que a maior parte dos días se erguen antes de que canten os galos e a noite os colle aínda no choio. Falamos con ela do seu día a día e tamén da labor que fai como membro do Pleno da Corporación Municipal de Rianxo. Nieves estará tamén dentro da exposición de Ruando Rianxo que inauguraremos o mes que vén no Auditorio.
Entrevista a Silvia Ferré
11 OutÉ todo sorriso. Silvia Ferré Casar é desas persoas que che transmiten optimismo e vitalidade. De seguro que moitos a coñecedes porque estivo cantando na orquestra Gran Parada moito tempo e actualmente é a vocalista do grupo de Roi Casal. Pero se mañá ides á pasarela Castelo da Lúa (que terá lugar no pavillón de deportes de Rianxo a partir das 20.00h) poderedes ver as súas creacións, a través da súa marca SFC Artesanía Creativa. Nesta entrevista pasamos a coñecela un pouco máis. Ademais, o mes que vén tamén terá o seu lugar na na exposición de Ruando Rianxo que inauguraremos no auditorio.
Entrevista co Xixí sobre a Guadalupe 2013
6 SetRamón Iglesias Sánchez (1938), máis coñecido como o Xixí, é desas persoas que che sorprenden. Máis que nada porque leva unha cuarta parte da súa vida á fronte da Comisión de Festas de Rianxo. Con 75 anos enriba podemos velo cada día da Guadalupe pendente de como tocan ás orquestras ás 4 da mañá, e a primeira hora xa acompañando gaiteiros e bandas. Persoalmente creo que é moi de agradecer o traballo que se fai dende a Comisión de Festas, porque a todos nos gusta divertirnos, pero moi pouca xente se implica nunha tarefa que require de todo un ano. O Xixí, por certo, tamén estará na expo de Ruando Rianxo para a que contamos co apoio e o patrocinio do Concello.
Entrevista a David, o do Toffe
30 AgoNon chega aos 30 anos pero trátase de todo un exemplo de emprendedor. David Alcalde Costas (10/07/1984), máis coñecido por todos como “David, o do Toffe”, é un cu inquieto. Sendo xefe de cociña na Terraza de Chicolino da Pobra, deixou a un lado un posto seguro e apostou polo seu propio negocio en Rianxo. Táboas non lle faltaban, xa que traballou con Toñi Vicente e aprendeu dos mellores, incluído Arzak.
Podería quedar aí a cousa e acomodarse, pero xa digo que para min David non é un empresario, senón un emprendedor, porque non ten parada. Creou unha web de venda de produtos galegos gourmet, ten outra empresa de ocio infantil xunto á súa muller, vai levar a cafetaría do instituto de Rianxo, prepara a apertura doutra… E o mellor de todo é que aposta pola mocidade daquí, xa que patrocina uns 220 deportistas da localidade. Imos coñecelo un pouco máis, pero sabede que tamén estará representado na exposición de Ruando Rianxo, que terá lugar en outubro no Auditorio grazas ao apoio do Concello .