Santiago Agrelo Martínez (20/06/1942), natural de Asados, acode todos os anos ás festas da Guadalupe a oficiar a novena. Acode en coche dende Marrocos, onde foi nomeado en abril de 2007 arcebispo de Tánxer. Nunha entrevista que realizamos o ano pasado con motivo da exposición de Ruando Rianxo e que publicamos agora, puidemos falar con el durante case unha hora de relixión, emigración, fame, da súa actividade en Marrocos e de moitos outros temas. Velaquí a conversa ao completo.
Sempre vén todos os anos a dar a novena da Guadalupe, non é así?
Faltei un par de anos: un estaba hospitalizado en Roma, estaba a morrer.
Que lle pasou?
Tiven un derrame pulmonar moi grave. Estiven tres meses hospitalizado. Entrei en agosto e saín en novembro, así que me colleu a Guadalupe. A outra vez que faltara non lembro que me pasara, pero só faltei por cousas de forza maior.
Son, por así dicilo, as súas vacacións?
Si, non teño outras.
E vai e vén dende Tánxer a Galicia en coche?
Si, gústame conducir. Desfruto conducindo. Trato de ir distraído, porque viaxo só. Vou cos indicadores do coche, un Megane, e poño o do consumo instantáneo, intentando tirar para abaixo todo o que podo. De feito, téñoo en 4,1 litros aos 100 quilómetros. Despois, en Tánxer, ao moverme por cidade, sube. Pero cando veño aquí, entre Tarifa e Tánxer, voulle baixando as décimas.
Os primeiros meses, estando en Tánxer, botaba de menos España?
Non. (Rise). Eu para os trasplantes nunca tiven problema. Xa aos 8 meses de vida me levaron da casa dos meus pais para a dos meus avós paternos. Creime con eles. Non me custan os cambios e, na vida relixiosa, son moi habituais.
Vamos, que non é dos que ve o sinal internacional da TVG por morriña.
Non. Teño televisión, pero non a TVG. Case me interesan máis as canles italianas; será porque estiven alá 18 anos. Non é que bote en falta isto.
Deféndese ben falando en árabe?
En árabe nada. En francés leo ben e din que tamén pronuncio ben, pero no me solto a falar. Para iso tiña que estar en Francia uns meses. E en árabe non falo, porque a cabeza xa non dá, intenteino, sei algunhas palabras, pero falar non. A Diócese ten sete parroquias: seis son de lingua española e outra é francófona. Nun hospital italiano tamén dou a misa todos os días en italiano, menos os domingos, que se dá na Catedral, en español.
A pesar da súa idade, é unha persoa moi metida nas redes sociais, tanto no Facebook como no Twitter.
Entrei aí porque me meteron, porque eu non sabía facelo. Preguntáronme por que non entraba e pedín que mo creasen e despois xa me encargaría eu de coidar eses perfís. Tamén teño un blog en Vida religiosa, tiven outro en Religión digital, pero retireino porque a liña editorial dese portal non me satisfacía. Tamén teño case 2.000 enderezos de correo electrónico, aos que cada semana lles mando algo, un pensamento… e moitas desas persoas, tamen lle reenvían aos seus contactos. Polo cal, teño unha Diócese moito máis grande en internet que en Marrocos.
Nunha entrevista súa lin que mentres que no mundo haxa algo indigno, os demais temos que preocuparnos, creamos ou non en Cristo. Ao final, sempre nos preocupamos por nimiedades cando, como vostede comenta, hai xente que non ten nada.
Niso boto en falta o compromiso dos mozos. Paréceme que durante moitos anos estiveron entretidos noutras cousas, en esquecerse. E iso non o entendo, porque é tempo no que un debe rebelarse e loitar por algo mellor. Non algo para min, senón algo para todos. E o mundo ten moitas necesidades, xente que o pensa moi mal. Falamos dos emigrantes, pero o problema da fame leva anos e anos e anos, e as guerras, os refuxiados…

Fonte: ir.gl/71103c
Semella que vivimos nun mundo que está de costas ao outro mundo. Nuns sitios pásase fame, mentres noutros hai un problema de obesidade.
Ou facemos unha festa para lanzarnos tomates os uns aos outros. E hai millóns de persoas que morren de fame. E vivimos nun mundo rico. Por iso eu estou moi contento de ter ido a Marrocos, porque me dei de fronte coa realidade. Lembro que estando de párroco en Vega de Valcarce, debeu ser no 2005, saltando o valado de Ceuta, morreron varias persoas. Recordo que o meu razoamento, dende lonxe, era “pero quen lle manda a esta xente? Porque saben que alí non os van deixar pasar”. Facía o razoamento de alguén que está ben na súa casa e se preguntaba que viñan facer aquí. Pero claro, chegas alá e ves que se trata de xente que vive nos montes, arredor de Ceuta, na intemperia. Ti dáslle algo para cubrirse e mañá, para escapar da policía, teñen que deixalo e a policía desfaino todo. Así que volta a empezar. Esa xente non ten nada, só a esperanza de poder chegar a un sitio mellor. Nin lles importa que os maten, nin morrer no Estreito. Saben que nese camiño morren persoas. E alí, en Marrocos, entendes polo que pasan. Dende aquí, sen máis, non o entendes. (Move a cabeza, como indicando que é moi inxusto).
Vostede é franciscano e o novo Papa púxose como nome Francisco. Que lle parece?
Ese é un proxecto de vida e de traballo. É dicir que o que vai facer como Papa ten que ver cun tal Francisco de Asís. Ese foi o maior golpe sobre a mesa que puido dar este Papa.
Nunha xuntanza en Brasil, o novo Papa díxolle aos bispos que deberían estar máis na rúa, coa xente e cos seus problemas.
Si, cheiras as ovellas, jeje Nunha reunión coas comunidades benedictina de Cuntis, sacaron a necesidade de sacerdotes. Eu, que intento ir máis alá, comentei que non basta, que necesitamos sacerdotes que saiban achegarse e comunicarse coa xente. Hai que ter humildade e estar dispostos a aprender, cos ollos ben abertos para ver o que pasa ao noso arredor.
Cre que a Igrexa ás veces está distante do que pasa na realidade?
Ás veces nada máis? (Rise).
Eu pregunto.
Moitas veces, moitas veces, moitas veces. Nós démoslle demasiada importancia á ortodoxia, ao que hai que dicir e facer. E a vida é máis que o que hai que dicir e que facer. Na catequese e na predicación estamos máis preocupados por isto en lugar que por ensinar a vivir, porque o Evanxeo é vida. O Evanxeo está cheo de posibilidades e de ledicia. E nós ás veces imos por aí que damos pena, cabreados co mundo… e iso non pode ser.
Considera que o Papa Francisco conseguirá que a Igrexa sexa máis próxima?
A xente conecta con el e tennos que abrir os ollos aos que tradicionalmente levamos a voz cantante na Igrexa. Hai outros camiños, hai que quitar barreiras. Eu hoxe ben a gusto daría a misa cunha camisa coma a túa. De momento non é posible, pero a todo se chegará.
Vostede foi nomeado no ano 2007 arcebispo de Tánxer. Dende un primeiro momento comentou que tiña a necesidade de traballar con moita proximidade e pensando nos pobres. Xa leva alá varios anos e gustaríamos saber como está a ser o seu traballo.
Eu non coñecía nada daquela diócese, salvo o que se pode coñecer a través da información que mandaban os misioneiros a Santiago. Eu fun durante 18 anos secretario na provincia de Santiago, e toda esa información pasaba pola secretaría. Era o que eu coñecía daquela igrexa. Pero non era a vida da igrexa, senón a da frades. Logo puiden comprobar que era algo moito máis rico e moito máis complexo. Para que te fagas unha idea, nun territorio equivalente a Galiza somos uns 2.500 católicos; menos dos que podes atopar en todo o concello de Rianxo. Deses 2.500 católicos, hai máis de 100 persoas consagradas, é dicir, relixiosas. Hai 15 institucións relixiosas diferentes traballando alí. Non sei a dificultade que terá un laico aquí en Galiza de facerse idea de todo o que fai unha comunidade relixiosa, pero é incrible. Ao sermos tan poucos, temos unha presenza moi significativa na sociedade. Penso que se de súpeto desaparecese dalí a Igrexa, se se deixasen de facerse todas as actividades que temos, a sociedade notaríao moito. Digo sociedade por non dicir directamente sectores moi desfavorecidos ou esquecidos da sociedade.
Nestes últimos anos, os emigrante, os clandestinos, os ilegais que acostumamos a dicir, xa estaban atendidos pola Igrexa cando eu cheguei, a través de Cáritas, apoiada polo Arcebispado e por institucións españolas e francesas. Cando cheguei, preocupeime sobre todo por dúas cuestións, da gravidade da situación dos emigrantes, que son sempre máis numerosos e teñen máis necesidades. E por outra parte, a falta dunha estrutura en Cáritas que permitise facer un acompañamento dos emigrantes racionalizado. Digo racionalizado porque tiñamos necesidade dun presuposto, dun finaciamento e dunha mellor organización. Creei unha delagación diocesana de emigracións para atender todas estas necesidades en todo o territorio da diócese. Está a funcionar ben.
Ese é un dos aspectos da vida da Igrexa alí, a atención aos emigrantes. O outro ten que ver coa sociedade marroquí. A Igrexa ten unha escola de xordomudos, ten unha escola para nenos con discapacidade psíquica, ten un centro de acollida para discapacitados profundos, ten moitos centros adicados á formación da muller… Nós en realidade non dicimos “formación”, senón “promoción” da muller. A Igrexa quere darlle á muller uns instrumentos que permitan que vaia gañando uns espazos de liberdade naquela sociedade. Comézase moitas veces pola alfabetización, séguese por ensinar un traballo, que sexan competentes e se poidan defender na vida, que non teñan que depender dun home.
O que menos tempo ocupa nas preocupacións da Igrexa nun país como Marrocos é a atención aos cristiáns. Somos poucos e hai unha ducia de sacerdotes espallados por todo o territorio que atenden esas necesidades da predicación e de sacramentos que poden ter os fieis. Pero é unha necesidade cuberta.
En relación ás actividades de carácter social da Igrexa, un dos últimos proxectos en marcha é Dartic, Casa da Confianza. Lévano relixiosas de Xesús María e é un proxecto de acollida de forma temporal, por un ano, de nenas que están en risco social, nas súas familias ou na rúas. A característica principal é que as nenas son derivadas a esta institución pola autoridade xudicial marroquí. É ela quen detecta o problema e as deriva. Está a funcionar moi ben, é un proxecto moi caro, porque se precisa moito persoal con elas. Non son conflitivas, non me gusta esta palabra, pero veñen dunha situación moi complicada. Veñen rapazas de 10, 11, 12 anos, que nunca foron á escola, que viviron na rúa, que foron maltratadas… E fai falla persoal especializado para estar con elas. E son este tipo de tarefas das que a Igrexa se sente máis orgullosa.

Fonte: archidiocesisgranada.es
Céntranse moito nos máis desfavorecidos, polo que vexo.
No estatuto xurídico da Igrexa en Marrocos, porque senón non nos poderiamos mover alí, entre as cousas que lle están recoñecidas é o dereito a facer beneficiencia cos nosos pobres. Literalmente di “cos nosos pobres”. Nós entendemos que os nosos son os de todos, e as autoridades non os poñen ningunha dificultade.
Ao final desenvolven a labor dunha ONG.
Non exactamente. Intentareime explicar. Para nós non tería sentido estar en Marrocos e traballar como unha ONG se non aparecese de inmediato que somos cristiáns. Non somos unha ONG, somos cristiáns que viven en Marrocos. Temos un estatuto coma cristiáns e, coma tales, permítesenos vivir a nosa fe. A nosa misión fundalmental alí, antes que facer algo, é o que somos. Coma cristiáns temos unhas esixencias que non nacen só da solidariedade cunha persoa que está necesitada, senón que temos esixencias moi radicais, como amar aos demais como a nós mesmos, de preocuparnos dos pequenos (é un mandato que recibimos de Xesús),… Non somos unha ONG que vai buscando medios para conseguir igualdade entre a xente, nós somos xente que entendemos que a vida é necesariamente así. O vida dun crente cristián é o dunha persoa que cre en Cristo, que fai do Evanxeo a súa norma de vida e no nome do Evanxeo vai facendo polo mundo o que fai.
Pero non se centran exclusivamente nos cristiáns.
Precisamente. Somos cristiáns, pero para todos. Nese sentido, tiven unha conferencia en Salamanca, nunhas xornadas organizadas por Cáritas e o título da miña da miña ponencia era “Dicir amar, para dicir evanxelizar”. A nosa forma de evanxelizar, de anunciar o Evanxeo é amar os pobres. É algo moi distinto de poder facer algo con eles con cartos, porque moitas veces os cartos non chegan, pero a nós terannos sempre ao lado deles.

Fonte: periodistadigital.com
É certo que en Marrocos está prohibido cambiar de relixión?
Si, está prohibido. É unha cuestión que cambia segundo os países árabes. E curiosamente Marrocos, que é un dos países onde a Igrexa se move con maior liberdade, onde temos temos máis posibilidades de acción, é un dos países que ten leis máis estritas con relación ao proselitismo. Nunca lin a lei, pero polo que teño entendido, o paso a outra relixión está penado coa cárcere. E para nós, se as autoridades entenden que estamos a facer algo para atraer a un musulmán á fe cristián podía ser a cadea, aínda que o normal é que che poñan na fronteira inmediatamente. Co cal, nós, cando entramos en Marrocos, entramos aceptando as súas leis, somos estranxeiros. Unha das cousas onde se ve esa relación Islán-nación é que non se pode ser marroquí e cristián. Se es cristián non podes ser marroquí, aínda que naceras alí. Nós aceptamos as regras, pero entendemos que iso non é renunciar a evanxelizar. Pero as palabras sobran tanto alí como aquí, estamos ata a coronilla de palabras e o que nos fai falla é un compromiso serio co Evanxeo, de tal forma que se vexa na vida o que as palabras non son capaces de levar. Hoxe temos unha dificultade moi grande coa linguaxe.
E como é a relación en Tánxer con outras relixións? Os musulmáns son maioría, pero creo que tamén hai outras relixións, non si?
Hai xudeu, confesións cristiás varias, como ortodoxos, evanxélicos, anglicanos… As relacións entre as confesións cristiás son boas, por non dicir moi boas. Son de colaboración, non só de respecto. A comunidade xudea agora é moi pequena, pero foi moi importante historicamente. O mellor amigo que teño en Tánxer é xudeu. E entre os musulmáns tamén teño moi bos amigos. En xeral a relación institucional entre a Igrexa e as autoridades, e as relacións a nivel de rúa co mundo musulmán son moi boas. Non coñezo problema ningún. Talvez para min sexa máis problemático ir así (refírese á indumentaria de sacerdote) por Santiago que non por Tánxer.
Por que?
Aquí mírante máis raro que en Tánxer. Aquel é un mundo moi especial. E non tan afastado de nós, nin xeograficamente, nin no que vén pola televisión. Si que quedan lonxe en canto a cultura e a costumes. Pero o pobo marroquí é moi acolledor. Teño activada unha alerta en Google en relación ás noticias dos subsaharianos en Marrocos e lía que a Asociación Nacional polos Dereitos Humanos denunciaba racismo con relación a eles. Entendo que si, que o hai. Pero non a niveis máis altos que aquí. E moito ten que ver co feito no que Europa ten alugado a Marrocos ou pagado, para que a súa policía teña lonxe das súas fronteiras aos subsaharianos.
Curiosamente, con respecto á emigración, os galegos tamén somos un pobo de emigrantes.
Sómolo, sómolo. Eu teño dous irmáns en América e xa non volverán. Veñen de vacacións, pero os seus fillos son estadounidenses e xa quedarán alá. E tiven outro en Suíza que regresou.

Fonte: elplural.com
Vostede, que está en contacto con eles, saberao mellor. Pero semella unha emigración moi distinta á nosa, moito máis complicada.
E tan distinta…. Estes mozos e mulleres que están en Tánxer, antes de chegar alí atravesaron máis de 1.000 quilómetros de area. Sabe Deus a cantidade deles que hai enterrados no deserto… Só niso xa hai unha diferenza enorme.
E iso non é noticia.
Nin sequera son noticia os que morren no Estreito. E se o son, é a noticia dun número, nunca dun nome. Pouco antes de vir para aquí, desapareceu no Estreito unha familia na que eu bautizara á meniña. A quen lle importa? Impórtanos a nós, que os coñecemos, que os viamos alí, na misa do domingo, rezando de tal forma que nunca vés aquí a xente rezando así. E ti sabes que ao día seguinte pasaron a fronteira, pero que os detiveron e os van devolver, que os colleu a policía marroquí e os devolve ao deserto, ou faleceron no camiño. Esa é unha traxedia tremenda. Nese sentido, aquí vemos noticias de españois que morren e hai unha cobertura tremenda e pídense responsabilidades políticas. Pero desta xente non, ninguén ten que responder de nada por eles. Ás veces penso que o responsable é o obispo de Tánxer, que lles dá de comer e fai posible que se vaian matar ao Estreito.
Pero que outra cousa pode facer?
Canto están a gastar agora só en discursos por Siria? E os 100.000 mortos de antes, eses non existían? Hai unha incapacidade de ver as cousas cos mesmos ollos e de dicir: isto non é tolerable. Non é tolerable que se usen as armas químicas, pero tampouco é tolerable que se usen as armas para crear 2 millóns de refuxiados. As Nacións Unidas teñen que tomar medidas, haxa ou non armas químicas. Como no Estreito non pode ser indiferente para ninguén que centos e miles de mozos africanos morran nas fronteiras de Europa porque non ofrecemos unha saída para ese problema.
Semella que hai persoas de primeira e persoas de segunda.
Claro. Eu teño dereito a todo e, ao meu carón, está un desgraciado que non ten dereito a nada. Iso non pode ser. E aí está o compromiso dos que nacemos nunha terra que nos deu dereitos, para loitar para que todos se acheguen a eses dereitos. Nese sentido, vivir nun país como Marrocos educa moito, faiche ver que ti tes moito e outros non teñen nada. É bo compartir cos demais, aínda que só sexa un abrazo. Saben que teñen alguén con quen contar, unha porta á que chamar. No seu día, cando os atendía Cáritas, eu levantábame ás 4 da mañá para abrirlles a porta da casa. Pero esta é a maneira na que te sentes ben contigo mesmo, cando podes compartir. E estas persoas non teñen. Non sabes o felices que se poñen cando lles dás un rosario. Ás veces penso que igual o toman como un amuleto ou porque queren que os identifiquen como cristiáns por se lles pasa algo no mar. Non o teño claro. Pero pídenche rosarios.
Os franciscanos levan en Tánxer máis de 100 anos. E vostede continúa co seu legado.
Si, eles son os fundadores da misión moderna en Marrocos. Iniciouna, alá por 1870 o pai José Lerchundi, natural de Orio e seguramente un dos vascos máis importantes dos últimos cinco séculos. Claro que era un pobre frade e, nese sentido, non lle van dar moita importancia. Pero foi o creador da misión moderna e católica en Marrocos. Tivo relacións moi intensas cos sultáns do momento e coa Santa Sede, levou ao sultán a Roma, escribíu a primeira gramática de árabe marroquí… Tivo unha personalidade fabulosa. En principio os arcebispos eran franciscanos en Marrocos e despois, a Diócese de Rabat comezou a traer a clero non franciscano, de Francia ou da África francófona. Na de Tánxer sempre foron franciscanos e da diócese de Santiago, porque era a provincia da orde franciscana que tiña un compromiso firmado co igrexa de Tánxer para darlle o clero que necesitase. Supoño que eu serei o último, porque agora xa non existe ese compromiso, aínda que eu espero que sexa franciscano, pero supoño que xa non sería de Santiago.
Vostede ordenouse sacerdote en 1966. Supoño que daquela non se imaxinaba chegar a arcebispo. Séntese con máis responsabilidade que cando era párroco?
Non, coa mesma. Fun ordenado sacerdote en 1966, pero a profesión relixiosa xa a teño dende o 59. Os franciscanos de Santiago, ademais de facer os tres xuramentos que fai todo o mundo, xurabamos ir a Terra Santa e a Marrocos, se os superiores nos mandaban. E nunca me mandaron, ata agora (risas).
Ao final tivo que cumprir.
Si, tiven que cumprir. Era das cousas que tiña esa provincia de Santiago, que tiña unha relación moi forte con Palestina e con Marrocos.
Tamén foi profesor. Non sei se o bota de menos.
Aínda o fun ata o ano pasado. Viña de Marrocos a dar clase a Santiago. Concentrábanse en dúas semanas, pero aínda viña. Comecei a ensinar Teoloxía en 1966 en Santiago. Un ano despois marchei a Roma a estudar liturxia cos benedictinos. No 69 regresei a Santiago, fun director espiritual en Herbón no curso 69-70. No 70 chamáronme a Roma para a universidade dos fransciscanos. Comecei daquela, e ata agora, aínda que xa son emérito. A pesar de estar xubilado, podíase dar clase ata os 70 anos, pero xa pasei esa idade.
Outra cousa que fai é ofrecer conferencias.
Si, ando dun lado para outro dando charlas. Non sei máis que cando estaba en Santiago, pero chámanme de moitos sitios: de Friburgo, de Lisboa, Zaragoza, Salamanca, Madrid, Murcia… A min preparar unha conferencia lévame moito tempo, porque as penso moito, doulles moitas voltas.
Deixar unha resposta