Arquivo | monte RSS feed for this section

María, a Cabreira

11 Abr

A última vez que coincidín con ela foi hai 7 anos. Daquela, ao igual que nesta ocasión, eu ía en bicicleta de montaña cara ao miradoiro do Pico Muralla.

Seguir lendo

A Patrulla Caprina, unha oportunidade para o monte e para o futuro

20 Feb

Dende hai uns días nos montes de Taragoña habitan novos veciños. En concreto cinco cabuxas, un castrón e varios cabritiños. Son a punta de lanza dun proxecto posto en marcha polo movemento veciñal Fousas ao Monte e que supón unha oportunidade para o monte. Seguir lendo

Fotos, crónica e vídeo da I Marcha BTT Concello de Rianxo.

8 Abr

Na nosa páxina do Facebook creamos un álbum con máis de 400 fotos, para non perder detalle do que pasou na I Marcha BTT Concello de Rianxo.

Como sabedes, dende a peña cicloturista Castro Barbudo traballaron duro para que máis de 500 competidores pasaran onte unha gran xornada coa súa bicicleta de montaña en Rianxo.

lonxa

Fotosderianxo, estivo no evento por partida dobre, por unha banda ao lombo dunha bicicleta e a outa parte coa cámara ó lombo. Eiquí vos deixamos unhas fotiños do que nos deixou facer o tempo tan chuvioso que onte tivemos…

-Cariña de felicidade do compañeiro Óscar  ás nove da mañán:

Image

E aquí ao chegar á casa, pasadas as 13.40 horas (foto sacada cun móbil), e despois de facer a ruta de 40 kilómetros:

fotooscar2

Como digo, dende a peña Castro Barbudo traballaron arreo para organizar unha marcha deste nivel. O sábado teño que dicir que pola parte fixen unha parte da ruta e había sitios con frechas un tanto difusas e, ao día seguinte, xa estaban retocadas e multiplicadas por tres, así que non pararon de traballar. Ademais, xa estaban na lonxa montando as mesas. O domingo á mañá foron os que máis madrugaron e pola tarde, ás 5, pasei por alí e estaban aínda recollendo, así que todas as grazas son poucas.

saida

Agradecer tamén ao concello de Rianxo esta oportunidade. Ademais, 6€ é un prezo máis que asequible, así que todos saímos gañando. E ver 500 persoas para unha proba deportiva en Rianxo non ten prezo. Hai que pensar que ao final moitos veñen de lonxe, con familiares e aproveitan para dar unha volta ou comer ou tomar algo no concello, así que é tamén unha boa oportunidade económica. Houbo xente que veu dende Portugal, de Monçao, outros de Vigo, da Coruña, Marín, Redondela… Tiven ocasión de andar cun que veu dende Cee e comentoume que se erguera ás 5.30 da mañá para acudir á proba.

A lástima foi, como non, o tempo. O sábado xa digo que tiven ocasión de andar por unha parte do tramo. A zona de Dodro, pasado o punto de avituallamento, estaba mal xa, pero o resto do circuíto. Total, que con tanta chuvia dende primeira hora do domingo, en lugar da I Marcha BTT Concello de Rianxo, podíase chamar perfectamente a I Marcha Lameiras de Rianxo 🙂

apelotonados

Certamente foi unha proba complicada e difícil a nivel técnico, pero as circunstancias complicárona máis.

Saímos puntuais, ás 9.30, do porto de Rianxo e demos un pequeno paseo por diante da praza de Castelao, onde os vendedores ambulantes aínda comezaban a montar os seus postos.

Un quilómetro máis adiante (foto superior), cando nos reagrupamos todos participantes por mor do estreito que é o paseo marítimo nesa zona, moitos puideron desfrutar da nosa costa, da praia de Tronco (algún parouse a facer fotos), pero despois xa comezaron as pistas con lama, aínda que a cousa se tranquilizou dende Isorna ata o alto de Asados. En Asados, pasado o monte Pelotiño, as subidas foron constantes e duras, aínda que sen lama. Pero máis dun tivo que baixar da bicicleta e subir andando porque tiraba do peito tanta rampla. Unha vez arriba de todo, os que tiñan biclicletas dobres puideron disfrutar dunha baixada intensa, estreita pero rápida e con pedras, destas das que é mellor non confiar.

Rematada esa baixada, tocou sufrir de novo e subir unhas costas duras (aínda que ao meu ver algo máis suaves que as anteriores). Ademais, a recompensa estaba preto, xa que chegábase ao quilómetro 20, onde estaba o punto de avituallamento sólido: bebidas, pasteis, froita… E moita xente collendo folgos. Dende a organización preguntaban se alguén ía facer a ruta de 60 kms e pedían que partiran xa, porque aínda quedaba o máis duro e non había tanto tempo.

E, certamente, pasado o punto de avituallamento, tocou sufrir moito. Era un morrer. En primeiro lugar, despois dun pequeno tramo de asfalto, chegamos a unha pista estreita que houbo que subir prácticamente, porque era imposible andar con tanta lama e auga. E, unha vez superado isto, chegamos a outra pista cunha pendente tan brutal que non quedaba outra. Ata custaba subila á pata. Pero as baixadas tamén tiña o seu aquel. Antes da Cruz do Abelán incluso había dous descensos moi perigosos por uns cortalumes, debidamente sinalziados pola organización. Eu mesmos sufrín de primeira man unha caída cando se me foi a roda de atrás. A persoa que viña xusto detrás miña, incluso me dixo que levara boa cuada, jeje

Despois, de Teaio ata Burés non había case costas, pero os camiños incluso empeoraron e desa lama-papilla pasamos directamente a regueiros con pedras. Normal que as pernas sufriran. Xa daba igual se chovía máis ou menos, porque todos estabamos enchoupados e coa cara bonita, bonita. Foi unha mágoa que tamén se cubrira con algo de néboa no monte, porque ao final a paisaxe nin se podía apreciar. Vamos, que foi a lei de Murphy elevada ao infinito (só hai que ter en conta que pola tarde non choveu).

lama

Atopeime polo camiño cun rapaz de Betanzos que estaba apuntado á proba de 60 Kms e tamén cun coñecido meu da Coruña que ía facer o mesmo percorrido, pero ao final, pola adversidade, foron a pola ruta de 40 kms. Así que a miña noraboa aos que puideron coa ruta longa, porque había que estar moi forte física e mentalmente. Eu rematei con calambres nas pernas e mesmo decidín ir un cacho por asfalto ante a imposibilidade de pedalear.

perna

Tamén quedei sen freos (na baixada por un cortalumes enriba da Castiñeiriña pasei medo e tiven que frear cos pés) a pesar de cambialos esta semana, e outra xente da marcha tamén me comentou que a penas podían frear e que os cambios, con tanta lama, ían moi mal. Vamos, que ata as monturas o pasaron fatal.

costas

Agora, volvo mencionar que a organización, para min, estivo de 10. En cada cruce sempre había alguén, ben de Protección Civil ou ben da organización, sinalando ben o camiño, parando os coches que ían polas pistas e informando co que necesitaras. Tamén pasaban de cando en vez quads, motos e incluso un rapaz da organización de Castro Barbudo, que merecía un premio, porque era o que máis rápido subía as costas, paraba a axudar con pinchazos ou cadeas rotas, e despois aínda che volvía a adiantar. Vamos, que estaba dun lado para o outro, pendente dos corredores e aínda tiña forzas para seguir. Así que, dende aquí, o noso recoñecemento.

axuda

Iso si, tamén había corredores que quixeron demostrar a súa fortaleza diante da cámara de Xoán Antón:

cabaliño

Tamén me dou algo de pena que o mal tempo provocara que algúns xa recolleran tan cedo. Cando eu cheguei a Rianxo, había coches que marchaban da vila xa coa bicicleta limpa, así que non quedaron á entrega de trofeos nin á comeola. Eles o perderon. Nós necesitamos unha pequena ducha para sacarnos tantas sales minerais do corpo:

lavado

Que xa digo que as calorías queimadas recuperáronse de novo grazas aos produtos da ría: xoubiñas, mexilóns, empanada (non é da ría, pero sabe tan ben ou mellor ca o marisco). Foi un día chuvioso pero onde desfrutamos un montón:

Image

E onde moitos puidemos competir contra nós mesmos nun deporte duro, e pasar un bo rato en compañía dos amigos:

mans

Aquí tedes ao superhome, ao titán entre os titáns, ao terror das lameiras e devorador de costas, Alejandro Trasbach Somoza, que foi o gañador masculino da marcha:

Image

Image

Aquí tedes tamén a Silvia Blanco Dosil, a superfémina que rematou a proba cando moitos quedaron polo camiño:

tia

Agardemos que para o 2014 haxa a II Marcha BTT Concello de Rianxo. E que o tempo nos dea unha tregua, para que os participantes poidamos desfrutar e aos organizadores lles chovan os parabéns, porque semella que o mal tempo escondeu toda a labor é todo o traballo que require un evento deste tipo. Brindamos para que se repita 😉

comida

Actualización: engadimos este vídeo gravado por Víctor Tasende, onde se pode ver a saída e algúns tramos do percorrido:

De novo, o monte como vertedoiro

26 Xul

É incrible que tendo un punto limpo en Rianxo, haxa moitos veciños que decidan ir tirar neveras, electrodomésticos ou mesmo restos de obras ao monte. Paréceme ben que se lles poña unha sanción exemplar. Velaquí un par de fotos do que tiraron preto de Rianxiño:

O mirador do Pico Muralla

27 Xuñ

Pico Muralla

19 Abr

Velaquí unha imaxe do Pico Muralla, un mirador que está a uns 650 metros de altitude sobre o nivel do mar, dende o cal se controlan as queimas incontroladas, se pode ver parte da Rianxo de Arousa e mesmo din algúns que en días moi despexados se pode ver Santiago.

O Castro Barbudo

21 Dec

O Castro Barbudo é un dos lugares máis famosos de Rianxo. É un monte que conta cun mirador e que está situado no alto da parroquia de Taragoña. Como podedes ver na primeira imaxe, o lugar ten unha altitude de 327 metros, ten unhas vistas privilexiadas ao mar e tamén á montaña, porque detrás hai moito máis monte e máis alto. Na segunda imaxe podedes ver arriba de todo o Pico Muralla e na última foto o estado lamentable do lugar, xa que para ir ata o mirador hai que pasar por un camiño que está cheo de toxos. Como para que vaian turistas!!

Subida ao Pozo Bastón dende a Igrexa do Araño

9 Nov

O pasado 9 de outubro tivo lugar unha ruta de sendeirismo no Araño.

Para comentar a xornada, dicir que se saíu ás 9.00 da mañá do aparcadoiro da igrexa parroquial con destino ao Pozo Bastón. Unha vintena de veciños apuntáronse ao roteiro, que pasaba pola Capela, Bergando e Buhía. Dende Arousa Norte tamén se regalaron uns kits cunha mochila e información sobre a bisbarra.

Velaquí as fotos, que tan amablemente nos pasou o secretario da Asociación de Veciños do Araño, Eduardo Moares.

Aquí, con bo ritmo, pasando xa pola Capela:

E na seguinte imaxe á altura de Bergando:

Aquí o grupo pasando por Buhía:

Pasando a Ferrería:

Collendo o desvío cara ao Pozo Bastón:

E xa no Pozo Bastón. A camiñata pagou a pena e, segundo me comentaron, á volta houbo unhas empanadas de Soto que voaron en nada 🙂

XII Subida ao Castro Barbudo

25 Mai

De cando en vez collo a miña bicicleta e vou dar unha volta polos montes de Rianxo. O caso é o que pasado sábado pola tarde, ao chegar á casa, o meu pai me di que hai unha marcha ciclista en Taragoña que organizaba a Peña Cicloturista Castro Barbudo. Así que co sabor da comida aínda na boca funme para Campo de Pazos montado na bici. Alí xa había un bo grupo de xente. Polo visto había que anotarse e velaí a miña sorpresa ao saber que tiña que pagar 27 euros por non ser federado.

Pareceume un pouco caro con respecto aos 5 euros que se cobran na marcha de Lousame. Despois entereime que 12 euros xa eran para un seguro por se me pasaba algo. De todos os xeitos, nos tempos nos que estamos ségueme a parecer algo caro. Teño que recoñecer que a organización estivo moi ben, que a abituallamento foi estupendo (faltoume un punto de auga entre Cerqueiras e o colexio de Taragoña), que houbo charanga, churrasco e pinchos, unha gorra e calcetíns para todos e mesmo un detalle a todos os que fixeron o tramo libre. Eu, sinceramente, prefería menos cousas e pagar algo menos, jeje

Velaquí o comezo da marcha, a iso das 16:35 horas:

O límite de inscritos eran de 150 persoas, e creo que se non se chegou a cifra estivo próxima porque vin xente co dorsal 140 (o meu era o 109):

Os primeiro metros foron pola estrada, ata que de súpeto desvío á dereita e tirar todo para arriba:

Teño que recoñecer que nunca fora por ese tramo, así que me gustou saber destes roteiros e, de seguro, que algún sábado o farei:

Algunhas rampas eran tan duras que os que non estabamos moi en forma tiñamos que botar o pé ao chan, mentres outros tiñan pernas e peito para tirar con forza:

Este foi o primeiro punto de abituallamento de auga:

E este foi o punto de abituallamento en Cerqueiras, cando levabamos 20 kilómetros. Había auga, refrescos, froita, rosquillas, chocolatinas…

Dende Cerqueiras fomos todo pola beira do río do Té. Ás veces o camiño era tan estreito e tan complicado que tiñamos que parar para que a xente puidese baixar da bici e ir poder atravesar un tramo:

E como vedes, non nos faltou nin unha zona pasada por auga:

Durante a marcha non faltaron nin pinchazos, nin saídas de cadeas (a min saíuseme 3 veces) nin mesmo caídas:

O tramo dende a Ferrería ata Taragoña foi bastante suave, a non ser a costa arriba que está xusto antes da escola de Taragoña. Eu cheguei alí ás 19:45 horas. Polo visto o agrupamento era ás 19:30 e aí iniciábase a subida libre ao Castro. Loxicamente quedei xa na escola, e despois entereime que os que subían tiñan un detalle de recordo 😦

Despois de tanto esforzo, as bicis merecían un baño:

E os corredores querían dar boa conta do churrasco e recibir os premios:

Para rematar, simplemente darlle a noraboa á organización, porque todo estivo moi ben. A ruta tiña tramos de bastante dificultade, pero estaba moi chula (estiven con dous rapaces de Porto do Son aos que lle gustou moito o tramo á beira do río). E se se pode baixar o prezo aínda a costa de facer menos cousas, eu agradeceríao 😉

Montes descoidados

1 Mai

Eu adoito pasear moito polo monte. Pois ben, aquí vedes o lamentable estado de varios camiños no monte de Isorna. Imaxinade que hai un incendio e ten que ir ata o lugar un retén de bombeiros ou un camión. Podería acceder? Eu véxoo complicado.