A Patrulla Caprina, unha oportunidade para o monte e para o futuro

20 Feb

Dende hai uns días nos montes de Taragoña habitan novos veciños. En concreto cinco cabuxas, un castrón e varios cabritiños. Son a punta de lanza dun proxecto posto en marcha polo movemento veciñal Fousas ao Monte e que supón unha oportunidade para o monte.

Bautizadas co simpático nome da Patrulla Caprina, teñen a mesma misión que os protagonistas dos debuxos animados: rescatar o noso monte. “Agora mesmo está abandonado”, salientan dende Fousas ao Monte, “hai que buscar alternativas para que estea limpo e ocupado”.

A comunidade educativa, 100% implicada

Por se iso fose pouco, buscaron implicar a comunidade educativa do colexio Brea Segade. Conviven porta con porta cos mestres e cos rapaces, que están pendentes en todo momento do rabaño. Non só lles abren polas mañás, senón que nos recreos se achegan para velas. “Trátase dun pequeno proxecto didáctico, para que os cativos estean preto dos animais e incluso fagan determinadas actividades”, explican os membros do movemento veciñal.

Dese xeito, os nenos tamén coñecerán a importancia que teñen estes animais e a necesidade de coidar e manter limpos os montes.

Uso alternativo

Os promotores da idea están tamén á fronte da comunidade de montes O Fieitoso de Taragoña, que ten unhas 50 hectáreas. Cren que, ademais da extracción de madeira, se poden dar outros usos alternativos aos terreos. Un exemplo é a recolleita de castañas e outro o gandeiro.

Despois de ver como traballaban outras comunidades de montes como a de Baroña, viron “que a cabuxa é un animal que se adapta moi ben ao monte e que come todo o que atopa”. Dese xeito, a zona queda limpo e libre de maleza, evitando os temidos e tráxicos incendios que non hai tanto que nos sacudiron.

Primeiro paso

O rabaño, procedente da Estrada, está composto por cabras galegas, unha raza autóctona. Este primeiro grupo supón unha aprendizaxe para o colectivo veciña, un primeiro paso do que é un proxecto máis ambicioso.

“Queremos facer explotación máis grande. Con 5 cabuxas non fas nada, pero se tes 50 ou 100 si, podes facer maior limpeza de terreo, ilas rotando ou metelas en zonas que che interesan”, como nos explican. De feito, contan cunha edificación que van acondicionar. Oxalá no futuro albergue a moitas inquilinas, que enchan os montes de Taragoña de vida verde e de futuro.

Agradecer, pois, o compromiso, as iniciativas e non só as palabras nun proxecto tan beneficioso para todos os veciños. Só hai que lembrar que Fousas ao Monte non aparece da noite á mañá e son moitas as ideas que puxeron en práctica. Dedican o seu tempo libre a limpar zonas para desfrute de todos e a plantar árbores autóctonas como carballos ou castiñeiros.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: