Suspendida a reunión da ANPA Os Gudiños polo recorte de mestres especialistas

9 Set

Fonte: web do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Actualización: hoxe chegouse a un acordo coa Consellería para este curso. Coméntannos que ía haber recortes si ou si, así que se acadou a solución “menos mala” para este curso. Contarase cunha persoa a media xornada, pero con base en Rianxo, polo que se poderá realizar ben o traballo de coordinación e seguimento do alumnado.

Lembremos que inicialmente, este xoves 11 de setembro, ás 20.00 horas, a Asociación de Nais e Pais (ANPA) Os Gudiños do CEIP ADR Castelao convocara a unha reunión para explicar a situación que pode vivir tanto o centro rianxeiro como os Centros Rurais Agrupados do Concello. Pero, como dicimos, está suspendida. A continuación contamos os detalles do que pasaba.

Como nos explican dende a propia ANPA, ata o de agora, o centro educativo dispoñía de dous profesores de Pedagoxía Terapéutica (PT). Trátase, resumindo moi por riba, de mestres de apoio ás activades escolares, que traten de ver as necesidades específicas de cada rapaz, para que consigan os obxectivos educativos.

Ata o de agora, o CEIP Castelao contaba con dous profesores de Pedagoxía Terapéutica: un con praza fixa e outro docente en situación de interinidade, pero presente no colexio dende hai 10 anos.  Estes dous profesionais, impartían 95 sesións de apoio durante o curso escolar. Pois ben, esta situación vai mudar de xeito radical, xa que se suprime un dos profesores, o que estaba como interino.

Que vai facer a Consellería de Educación? Van intentar compensar isto con media xornada dun profesor do centro de Noia e con outra media xornada do mestre do CRA de Rianxo. Que implica isto? Pois que todos saen perdendo. Por que? Porque en Noia perden “medio profesor” e no CRA, perden outro “medio”.

Ademais, o profesor de pedagoxía terapéutica con base en Noia xa ten que destinar 5 horas semanais do seu traballo a desprazamentos. E como está a media xornada en Rianxo, xa perdería un día de traballo. O mesmo lle pasa ao profesor do CRA de Rianxo, que perdería 2 horas á semana en desprazarse.

Ao existir tres profesores distintos, con base en tres centros distintos e continuos desprazamentos, existe tamén o risco de que se perda a coordinación e a organización á hora de organizar as tarefas lectivas. E, de novo, os rapaces serían os máis afectados.

Por se fose pouco, a isto haille que sumar que o mestre do CRA non é especialista en pedagoxía terapéutica, senón en audición e linguaxe. Dende a ANPA indican que “é como se quixéramos un cociñeiro e nos mandan un camareiro”.

Outra das queixas da asociación Os Gudiños é que dende a Consellería de Educación ninguén lles fai caso. Intentaron reiteradamente ter un encontro co xefe territorial, Indalecio Cabana,”e non tivemos resposta de ningún tipo“. O mesmo lles pasou ao alcalde, Adolfo Muíños, que intentou entrevistarse en dúas ocasións co responsable territorial e non conseguíu nada.

Por último, dende a ANPA sinala que contan co “apoio do alcalde ao 200%, ao igual que do resto das ANPAs”. Comentan que “todos están con nós; o que non está é Indalecio Cabana”. É por ese motivo polo que convocan ás nais e pais a unha reunión este xoves, para explicarlles a situación. Ao encontro tamén están convidados os responsables da ANPA do colexio de Asados e da gardería, porque “isto nos afecta a todos”. Buscan “un apoio conxunto, para tratar de facer forza para este curso e tamén para futuros, que non se sabe a quen lle tocará”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: