Segundo un estudo da Asociación Española de la Carretera (AEC) realizado este ano, o estado do firme das estradas españolas é o peor dende que comezaron a analizalo en 1985. Os autores sinalan que hai un grave deterioro, ata o punto de que “actualmente as estradas españolas se atopan nun estado de conservación ‘deficiente’, rozando xa o ‘moi deficiente'”. Galicia, como se ve arriba, está entre as peores comunidades en canto ao estado do firme, xunto con Asturias, Navarra, A Rioxa e Aragón. Non obstante, somos das comunidades con mellores notas en canto a sinalización vertical ou barreiras de seguridade.
Pero neste blog centrámonos no noso concello, en Rianxo. Así que quixemos ver o estado das estradas rianxeiras, sobre todo a raíz dalgún tuit que nos chamou a atención:
Asi están as pistas en #Corques, despois imos todos as urnas, nn digo nada… @concellorianxo pic.twitter.com/YSeFwajBKr
— Mariola (@aloiram_) agosto 7, 2014
Loxicamente, preguntamos por esta cuestión ao Concello. O alcalde, Adolfo Muíños, recoñecía que “o estado da rede de estradas municipais é en xeral deficiente, unha situación agravada nos dous últimos invernos polas condicións meteorolóxicas adversas, con moitísima chuvia, e tamén ao tipo de asfalto de moitas das pistas que se degrada axiña. Todas as estradas en xeral, ademais, das municipais esixen amaños pois tamén están afectados viais da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia. A estas entidades se lles está a reclamar que actúen nas estradas da súa competencia”.
Pola súa banda, dende a oposición, a voceira do PP, Vanessa Martínez Durán, sinalou que “en canto ás estradas de carácter supramunicipal, o que podo decir e que as Administracións correspondentes, Xunta e Diputación, sempre que se lles solicitou, mostraron un compromiso cas infraestruturas da comarca”.
Ao tempo, Martínez Durán indicaba que nas pistas responsabilidade do Concello “nada máis que hai que transitar por elas para ver como están”. Sinalaba por exemplo o mal estado das que “van ás aldeas de arriba das parroquias de Taragoña, Araño e nas outras parroquias”, ou ben “as pistas que unen as aldeas máis afastadas coa carretera principal”. Explicaba que levan moito tempo “sen asfaltar”, aínda que “de vez en cando se lles ‘fai un remendo‘”.
Dende a Alcaldía explícannos que “se aprobou un proxecto con fondos da Deputación que inclúe amaños en 25 pistas por importe de licitación de 154.800€, aos que se engaden outras actuacións máis pequenas da brigada de obras do Concello de reposición por obras de abastecemento e limpeza de cunetas”. É algo que, aclaran, estará “nas próximas semanas, pois só resta licitalo”.
Tamén comentan que se quere rematar o proxeto da pista de Ourille, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta. “Comezouse cun tramo e a intención é continuar até finalizar o vial completo, o que dependerá da contía da subvención que recibamos”, aclaran dende o Concello.
Por último, Adolfo Muíños, nunha reflexión persoal, destacada o “altísimo” custo das obras públicas. A modo de exemplo, sinala que “un bo asfaltado dun só quilómetro, leva uns 50.000€ aproximadamente. Multiplicando isto pola rede de estradas, podemos dimensionar o grande esforzo económico que supón intervir, de aí que recurramos a medios propios ou busquemos financiamento exterior”.
Eso non é nada. Ide por Taragoña. Por Corques, Dorna, Outeiro (pista do colexio dos rapaces)… E despois podedes falar comigo. O alcalde de antes roubaría pero polo menos asfaltaba as carreteras cando viñan as eleccións. Este… Non sei se rouba ou non pero ben podia facer campaña e asfaltar algo, que manda carallo como está Rianxo…
Por certo, que dicir teño, que a pista de Dorna estaba perfectamente transitable, ata que Decidiron abrila en canal pra meter un ramal de auga de non sei onde. Verdade é que o da auga estaba solicitado dende fai tempo, pero por esa zona ninguén pasa sede e sequía non hai, e a obra non corría presa, e menos como pra deixar toda a obra sen bachear e coa terra da obra a modo de asfalto, así que que non me veña falar Adolfo de canto costa asfaltar ou canto carto fai falta, porque pode ir tomar ben polo cú. Pra deixalo así mellor que non fixese nada. Todos sabemos que por catro baches non lle vai pasar nada a un coche, pero gustaríame saber a mín canto diminúe a vida útil de amortiguacións e suspensión do coche pra quen pasa por ahí dúas veces ao día durante meses e meses.