
Foto de Rosendo © Fonte: facebook.com/pages/Abanico-Orquesta
A pesar de ser de Santiago, o cantante José Manuel Domínguez leva o nome de Rianxo con orgullo por toda Galicia. Faino dende o 2002 a través da orquestra Abanico. Unha formación que nos encanta e que nos fai desfrutar alí en canta festa os vemos. Este ano, de novo, estarán facendo desfrutar a mozos e non tan mozos no días das Juadalupeñas. José Manuel cóntanos máis sobre a historia de Abanico e como é o día a día dunha orquestra.
Cando se forma a orquestra Abanico e por que?
A orquestra Abanico de Rianxo fórmase no ano 2002. Era unha idea que xa tiña en mente desde facía anos, como un reto persoal, e despois de moito tempo noutras formacións e coa idea certa do que quería, chegou o momento en que se puido facer realidade. E así foi.
Estiveches noutras orquestras antes coma Costa Oeste, París de Noia ou Gran Parada. Non daba medo montar algo novo vindo de formacións tan coñecidas?
Pois claro que si. Igual que calquera outra persoa que decide poñer un negocio ou empresa pola súa conta. Os mesmos nervios e inquietudes, pero precisamente traballar en orquestras tan recoñecidas era como ter un aval. A xente da profesión xa me coñecía e iso tamén axuda moito a que confíen no produto que ti ofreces.
Que cres que é o que caracteriza a vosa orquestra á hora de actuar?
Unha das súas características é que ofrece música para todo tipo de público, para calquera idade e para todos os gustos. E outra das características principais é que é unha orquestra “elegante”.
E a ti, cal é o tipo de música que máis che gusta?
De todo tipo a verdade. Entre os meus favoritos están Marc Anthony, Miguel Ríos, Supertramp, Michael Bublé…
Trátase dunha orquestra con xente nova e curtida enriba dos escenarios. Cómo é iso de traballar en equipo e ir compenetrándovos novos compoñentes con xente que leva anos?
Gratificante, porque como profesional que leva tempo podes ensinar cousas á xente máis nova. E desa mesma xente nova, sempre hai oportunidade de aprender. E así ten que ser, un aprendizaxe mutuo.
Estades seguido de festa en festa para que outros disfruten. Cómo se leva iso?
Lévase ben, unha das mellores cousas que ten este traballo é que é moi gratificante, moi agradecido. Dá gusto ver desfrutar a xente co teu traballo e que sexa recoñecido. E seconseguimos que se olviden un chisquiño dos seus problemas, aínda mellor.
O verán é a época que máis vos movedes. Non acaba por queimar tanta estrada e desprazamento?
É a parte máis dura, sen dúbida, pasar tantas horas na estrada. Cando finaliza a tempada non quedan moitas ganas de andar en coche, pero logo pasan.
Supoño que tamén é unha profesión moi agradecida, porque sodes a alma das verbenas e levades alegría a moita xente?
Xa o comentaba antes que é unha das mellores cousas, a xente é moi agradecida. E sobre todo nestes momentos de crise parece que a veces unha festa é como un escape por un pequeno momento. Vas, bailas, desfrutas coa familia e coas amizades, e ver que a xente o pasa ben é moi agradecido para nós.
Variades moito de ano a ano o voso repertorio?
Intentamos que así sexa, variado dun ano para outro, porque ademais cada ano saen novos éxitos que pegan forte e hai que incluír.
Como son os meses de outono e inverno? Supoño que hai menos actuacións e igual xa ides preparando o espectáculo da seguinte tempada?
Aproveitamos que baixa un pouco o ritmo para ensaiar e preparar desde outubro o repertorio que imos levar. Facemos os arranxos que o material necesite. E tamén se aproveita para estudar, desfrutar coa familia e colaborar con outras entidades.
Podes contarnos algunha anécdota simpática?
Cada vez que queda o camión enterrado nunha leira e ten que vir o señoriño co seu tractor xa é paradóxico por si mesmo, jajaja. Unha vez en que tiramos co autobús un posto de rosquillas e tiven que pagarllas todas, botamos comendo rosquillas unha boa tempada. Outra na que nunha festa entroume unha bolboreta nunha orella e botei con ela aí dous días, ata que se puido extraer. Buf! Tantos anos dan para moitas historias curiosas.
Sen dúbida, Abanico é unha orquestra moi querida polo público de Rianxo e non só por ser do concello. Por que cres que a xente lle ten ese cariño?
Supoño que levar tantos anos vivindo no pobo tamén axudan, fas moitos amigos, e levamos o nome de Rianxo a tódalas festas ás que vamos. A verdade é que son de Santiago pero síntome rianxeiro de corazón, adoro este pobo é a súa xente. Digo eu que iso tamén influirá!
Creo que ti non es o único compoñente de Rianxo, senón que hai máis músicos da localidade, non é así?
Sí, non son o único. Hai catro máis. Roberto, Ché, Antonio e Serafín.
Haberá algunha sorpresa o día das peñas?
Pois vai a haber si, pero si o digo xa non será sorpresa. Algunha colaboración especial.
E para o 2015, gustaríavos repetir coas Juadalupeñas ou cantar a Rianxeira o venres das bengalas?
Buf! A resposta é complicada, porque o venres é moi bonito estar enriba do palco e ver como milleiros de persoas cantan ó unísono a Rianxeira. Aínda que eu quédome co luns e as súas Juadalupeñas. A sesión vermouth é moi divertida, ver xente en grupo cos amigos e pasándoo ben todos xuntos… Así que aquí estaremos este ano para volver facer a verbena rianxeira coa Gran Parada. E qué viva Rianxo!!
Deixar unha resposta