Entrevista ao canteiro Che O Golias

29 Nov

A pedra é unha arte que dende hai séculos conformou o patrimonio galego. Para coñecer algo máis sobre ela e sobre a cantería, falamos con José Fernández Figueira (1963), coñecido como Che o Golias. Este canteiro, recibiu no 2002 o premio Dólmen de Ouro á traxectoria profesional na Arte da Cantería. Ademais, el e a súa familia quedaron inmortalizados polo escritor Anxo Angueira. Lembrade, ademais, que Che é unha das persoas que forma parte da exposición de Ruando Rianxo.

che1

Foto da exposición Ruando Rianxo.

– Es a segunda xeración dunha familia de canteiros. En que cambiou o oficio en todos estes anos?
– Hai anos, a pedra extraíase nos nosos montes (onde a hai variada e de boa calidade), con medios e ferramentas manuais, transportábase con carros de bois -“o carreto”- e, anos despois, con tractor. Xa na obra, transformábase en canterías e mampostería coas ferramentas clásicas… Agora todo está máis mecanizado, aínda que os bos acabados precisan da man do home, como tamén a boa colocación. Antes era máis duro, había que usar moito a forza e a “maña”. As estadas de madeira, o aparello e a “palicuerda”, picar con pico, etc.; xa forman parte da historia (que eu tamén vivín)…

– Tarda moito un canteiro en dominar o oficio ou sempre está aprendendo?
– Depende do “amor” que se lle colla á pedra, o tempo de aprendizaxe varía segundo a persoa e mailo seu guía; é cuestión de anos. Por exemplo: o meu pai, José o Golias, comezou aos 12 anos (no 1928) de aprendiz e aos 18 xa como “mestre” formara unha “cuadrilla”. Cada pedra é un “mundo” e darlle a forma é outro… A Cantería como a Arte, é ilimitada, e sempre estaremos a aprender novos métodos, conceptos e formas…

José o Golias. Foto propiedade de Cantería Golias

José o Golias. Foto propiedade de Cantería Golias

– A vosa familia quedou inmortalizada na novela de Anxo Angueira Pensa Nao. Supoño que foi todo un orgullo.
– Sentímonos moi honrados de “traballar” nas súas páxinas… No 1936, inicios da Guerra Civil, “O Vello Golias” e máis os seus fillos canteiros deambulamos efimeramente pola ficción desa fermosa e simbólica obra, que acadou o premio Xerais 1.999. No libro O valo de Manselle tamén me incluíu nalgúnha estrofa. A morada do amigo Anxo foi construída polos Golias. Encamiñeino para que picara pedras que despois repousaron nos muros da súa vivenda; captou vivamente as nocións da Cantería e o sentir dos canteiros. Aparte de todo, Pensa Nao é unha novela moi interesante e recomendable.

– Hoxe en día os canteiros aínda se organizan por cuadrillas e mestres?
– Eses apelativos pasaron a ser na actualidade: “empresa” e “xefe”; obreiros, oficiais, xefe: de taller, de obra,etc. Eu considero mellor a nomenclatura tradicional. O sistema organizativo é similar, aínda que a terminoloxía sexa distinta. O “mestre”, ademais de dirixir, tamén ensinaba e era moi respectado pola “cuadrilla”.

José o Golias, quen aos 18 anos xa tiña cuadrilla propia. Foto propiedade de Cantería Golias

José o Golias, quen aos 18 anos xa tiña cuadrilla propia. Foto propiedade de Cantería Golias

– Que ten a pedra que non teñen outros materiais de construción?
– A PEDRA ten a trascendencia da Nosa Cultura. Con respecto doutros elementos, é un material nobre por excelencia na construción e na decoración. A pedra admite moitos tipos de acabado, é un dos máis valiosos tanto estética como economicamente; aínda así, hai quen a recobre para non vela… Cada pedra ten a súa propia cor e textura e iso dálle “vida”. Mal traballada ou mal colocada tamén pode “doer á vista”. Foi e será primordial na Arquitectura e na Escultura galegass… A historia de Galicia tamén está feita de pedra, abárcao todo: casas de vivos e mortos, igrexas, hórreos, muíños, valos, cruces, calzadas, pontes, tellados, reloxos, lavadoiros, pombais, pías, lareiras, fregadoiros, bancos, mesas, pozos, fontes, escudos, letras e números, santos, para afiar, para a pezoña, lagares, marcos de leiras…

– E ti, como sentes a pedra?
– A miña vida transcurríu vinculada á pedra, de neno pasaba moitas horas nas obras entre meu pai e os seus canteiros, traballando nos veráns; despois dos estudos emprendín o rumbo ao “paramento pétreo”. É como un bo ser querido, un familiar que forma parte da túa vida. É moi xenerosa, dunha rocha amorfa, podes realizar traballos fermosos.
Con ela busco o equilibrio e harmonía nas obras para amosala “espida”, para apreciar a súa esencia.
Os profesionais, en xeral, debémoslle un trato honesto a este material; por respecto á Arte Milenaria da Arquitectura da Cantería, aínda que os cánones non se respectan moito, non.

mozoche

– Os “arxinas” sodes os canteiros na vosa propia xerga. Tes idea de como nace a xerga?
– A xerga (“o verbo xido”, “latín dos canteiros”, “verbo dos arxinas”) posiblemente naceu como unha linguaxe reservada só aos canteiros, incomprensible para o resto da xente. Así podían comunicarse entre eles, e comentar segredos do traballo, de amores, “picardías”, etc. Por “sagrada norma”, só a podían transmitir aos seus aprendices. A orixe puido ser na época da construción da Catedral de Santiago, onde había canteiros de varios países. Isto proporcionou variedade de vocablos para crear “o verbo”; contén palabras do latín, do italiano, do grego, do éuscaro, do francés, do castelán, do catalán, etc.
No século XVI para reconstruír os castelos derrubados polos Irmandiños e levantar igrexas, pazos, etc., chegan a Galicia moitos canteiros “biscaíños”; a súa influencia é importante, ven de aí a palabra: arxina ar (pedra) e gino (preparador).
Había outros códigos secretos de comunicación, exemplo: dar uns golpes raros co martelo na pedra, ou nomear unha palabra clave (de alerta) con outra entonación.
Exemplos da xerga: “keiko” ( Deus); “chacurro” (can).

– Segue a utilizarse hoxe en día?
– Pouquiño. Agora só para cousas concretas. Nos vellos canteiros estaba máis arraigado o seu uso. Algunhas “loxias masónicas”, usan verbas da xerga. A masonería coa súa simboloxía naceu no gremio dos canteiros. Na Guerra Civil tamén se usou para mensaxes en clave (o xeneral republicano Líster e seus irmáns canteiros de Calo).

che2

– De que traballos estás máis satisfeito?
– De case todos: dende un simple valo na Casa de Rosalía a algunha vivenda “bastante significativa “… Lémbrome da humilde Capela do Santo Bartolomeu no peirao de Rianxo; a “pobre” estaba deixada da man de Deus, a piques do derrubamento total, sería unha mágoa. Moita xente comentábanos: “era moito mellor tirala, é un estorbo, que pinta aquí?…” (“Perdónalos Señor que…”).

– No 2002 recibistes o premio Dólmen de Ouro á traxectoria profesional na Arte da Cantería. Que supoxo para ti?
– Aparte da satisfacción propia, sentímolo como un recoñecemento ao noso pai. “O Vello Mestre Golias”, que no 1.934, case un neno (18 anos), coa súa “cuadrilla”, tivo que labrarse o futuro no duro camiño da pedra, naqueles tempos tan “tremendos”…

che3

– Que che gusta máis, os traballos de restauración ou as novas obras?
– Gústanme os dous tipos: restaurar é como devolverlle a vida a un morto, rescatar algo abandonado ou perdido.
É complicado e fermoso ao mesmo tempo, unha “ciruxía plástica” na que hai que sopesar varios factores: estruturais, estéticos e construtivos, económicos e máis o do Amor a Arte e o Sentido Común. Trato de gardar sempre o contexto e a esencia da obra, incluso nas moi deterioradas.

As obras novas son como ver medrar un neno… Hai que realizar a obra na mente, aparte do seguimento do proxecto na realidade, mesmo facer correccións. Sempre debuxo a obra acabada ao detalle, para non cometer erros, que na pedra sempre son visibles e custoso subsanalos…

– Es dos que cando viaxa se fixa nas obras dos outros canteiros?
– Son bastante observador e “humilde” para non criticar negativamente o que fan os demais. A boa Arquitectura e outras artes son unha satisfacción para os sentidos. A mente xulga cando tes os valores para comparar entre as boas e as malas obras. Cando viaxo trato de ver esas obras, onde as dos vellos canteiros teñen valores intrínsecos… Sempre miro e admiro…

che4

– Cambia o traballo dos canteiros segundo as zonas?
– Cambia algo motivado pola materia prima. Dependendo do tipo de pedra os acabados son diferentes. Exemplo: as construcións da zona de Lugo son diferentes polo tipo de pedra, nas paredes e tamén na cuberta, onde se utiliza moito a lousa de pizarra. Noutras zonas colócase moito perpiaño (gris, rosa,etc.). Hai comarcas nas que a mampostería era de grandes dimensións, noutras pequena; a pedra de Lugo ou a de Santiago teñen outro traballo e acabado; etc… Pero en toda a Nosa Terra, a esencia no traballo da pedra vén a ser a mesma…

– Cal é ese proxecto que che gustaría realizar algún día?
– Non teño un arquetipo fixado. Pero si facer algo “diferente”. Por exemplo: deseñar e construír unha pequena aldea, de estilo libre e conceptos algo diferenciados dunhas vivendas ás outras, pero en harmonía. Se hai algo ao que me resisto, son os “chalés pegados” ou “separados”, pero repetidos; son tan monótonos e ordenados que confunden… A diversidade e o eclécticismo equilibrados, non pelexan coa beleza. Gustaríame tamén esculpir en pedra ideas que me xurdiran…

che5

9 Respostas a “Entrevista ao canteiro Che O Golias”

  1. Ramona Fdez 11/29/2013 ás 18:18 #

    Pois que queredes que vos diga…que me encantou! Eu tamén “Che” son Golias, pero que non se entere ninguén. Jeje

  2. Jose B Fernandez 11/30/2013 ás 07:43 #

    Eu tamenn, e tamen me gustou!!! pero que nadie se entere que o tal Che e meu hirman!!!

    • José Fdez Figueira (Ché o Golias) 11/30/2013 ás 18:29 #

      Unha apreciación: O Vello Mestre (noso pai), pasou pola pedra en maior ou menor dimensión, aos 7 fillos varóns, “heivos de facer homes” (dicía), Alfonso (o maior) e Ignacio (o menor) son mestres tamén; Jaime, Ricardo, Santiago e Manolo, xa non chegaron a “picar” tanto, Actualmente sólo quedo eu “roendo na pedra”…

  3. Merchi. Pimentel 12/02/2013 ás 09:16 #

    Parabens pola entrevista, disfrutei lendoa!
    Eu non son irmán! ainda que podería selo!

    • Ché o Golias 02/17/2020 ás 21:48 #

      Agradecido polas túas verbas… es miña irmán irmandiña!

      • Anónimo 02/18/2020 ás 23:58 #

        Ola Oscar. Eu anduven e ando algo alonxado de Facebook, etc. Pero gústame admirar o teu traballo.. Non perdas o fío, sigue publicando estes temas, que son moi interesantes… Grazas por todo. Saúdos

        Enviado desde Outlook

        ________________________________

      • fotosderianxo 02/20/2020 ás 19:39 #

        Moitísimas grazas. Teño o blog algo parado pero non porque deixara de escribir, senón porque ando con outra cousa. Agardo poder contala por aquí en breve e poder publicar tamén máis artigos.

        Unha aperta!

  4. Jose Figueira i 02/11/2020 ás 17:48 #

    Ola Che!!
    Que narración mais fermosa da arte da pedra, traeme moita nostalxia do pasado por esa profesión.
    ¿Na foto que estás sentado coa maceta é co punteiro de recalar a grilleira para meter o grillo é para fender a pedra? Eso coido eu…si.
    Segue así por moitos anos con esa maestría que ti sabes, nos meus tempos só era forza bruta e calamidades, pero non teño remordimento de pasar por eso,sempre se aprende algo que queda no coñecemento persoal.
    Saúdos tocaio,deica logo.👍🏽

    • Ché o Golias 02/17/2020 ás 22:06 #

      Ola Tocaio!
      Tería 23 anos, polos montes de Bexo, recalando ben a grilleira para que non saltaran os grillos, que nalgún lugar chaman guillos ou cuñas.
      Pasastes por aqueles anos duros da pedra que eu tamén coñecín.
      Ti es da vella escola, na cal adquiristes un saber milenario e imborrable.
      Na pedra da historia tamén está inscrito o teu nome. Saúdos!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: