Non chega aos 30 anos pero trátase de todo un exemplo de emprendedor. David Alcalde Costas (10/07/1984), máis coñecido por todos como “David, o do Toffe”, é un cu inquieto. Sendo xefe de cociña na Terraza de Chicolino da Pobra, deixou a un lado un posto seguro e apostou polo seu propio negocio en Rianxo. Táboas non lle faltaban, xa que traballou con Toñi Vicente e aprendeu dos mellores, incluído Arzak.
Podería quedar aí a cousa e acomodarse, pero xa digo que para min David non é un empresario, senón un emprendedor, porque non ten parada. Creou unha web de venda de produtos galegos gourmet, ten outra empresa de ocio infantil xunto á súa muller, vai levar a cafetaría do instituto de Rianxo, prepara a apertura doutra… E o mellor de todo é que aposta pola mocidade daquí, xa que patrocina uns 220 deportistas da localidade. Imos coñecelo un pouco máis, pero sabede que tamén estará representado na exposición de Ruando Rianxo, que terá lugar en outubro no Auditorio grazas ao apoio do Concello .
– Que formación tes?
– Despois de rematar o Bacharelato e a Selectividade fixen o Ciclo Medio de Cociña e o posterior o Ciclo Superior de Restauración. Logo fixen a especialidade de Calidade Turística, polo cal fago proxectos de consultoría para outras empresas en canto a normas de implantación de sistemas de calidade, como normas ISO, Q de Calidade, etc.
– Estivestes traballando de cociñeiro na Terraza de Chicolino na Pobra. Durante canto tempo e como foi a experiencia?
– A verdade é que estiven traballando de Xefe de Cociña do restaurante A Terraza de Chicolino durante case 5 anos. A experiencia foi xenial en canto a que toda a posta en marcha partiu de min e do equipo que daquela traballaba conmigo. Tal foi así que aos 6 meses de apertura do establecemento fomos cualificados como restaurante recomendado pola famosa “Guía Michelín”, algo que para nós foi moi significativo. Ao mesmo tempo a experiencia permitiu evolucionar a cociña galega, sen nunca perder as súas raíces, perfeccionando puntos e sistemas de cociña, de presentación, etc.
– Non sei se tivestes algunha outra experencia previa na hostelaría antes de abrir o Toffe?
– Antes de traballar en Chicolino estiven traballando no restaurante Toñi Vicente (con 1 estrela Michelín) e ao mesmo tempo facendo stages con diferentes personalidades da cociña, como o de pastelería como Claudi Uñó (Campión de España en Chocolates) ou con Juan Mari Arzak ( 3 estrelas Michelín ), entre outros.
– E como te decidiches abrir o teu propio negocio?
– Ao mesmo tempo que traballaba en Chicolino María Tomé Torres, a miña muller, e máis eu decidimos comprar o baixo que temos na Urbanización Virxe da Guadalupe como investimento, xurdindo logo a idea de negocio de montar o Toffe debido a unha carencia que vimos en canto a este tipo de comida en Rianxo.
– Cal era a túa idea á hora de abrir o teu local en Rianxo? Porque a competencia na hostelaría é moi alta.
– O que sempre tivemos claro dendo o momento no que xurdiu a idea ata que comezamos a levala a cabo co plan de negocio, foi que queríamos un local dinámico, agradable, onde a xente estivese cómoda, e con servizos de hostelaría variados e cambiantes en canto a hábitos de consumo. De aí que intentemos acaparar diversidade de público en relación á diversidade da oferta, entre almorozos, hamburguesas, pizzas, platos combinados, sándwiches, pratos infantís, perritos quentes, carta de infusións, carta de chocolates, horarios de apertura, etc.
– En que cres que se diferenza o Toffe doutros locais?
– Pois o que che contaba agora, a diversidade da oferta e que ademais contamos coa vantaxe de estarmos nunha praza peonil moi céntrica, ao lado do polideportivo, da piscina, da praza de abastos, de farmacias, da garda civil, da Aula Cctiva do Mar, do colexio, etc. Todo isto sumado a un trato personalizado fai que o Toffe se trate de diferenciar un pouquiño do resto de locais. Por outra banda, é moi importante o apoio que nos presta a mocidade grazas aos patrocinios que temos con todos eles (ciclismo, autocross, rally, trial, voleibol, fútbol sala, charanga, banda música, etc.)
– Como se che ocurriu a idea de crear pizzas co nome de cada parroquia de Rianxo?
– O tema das pizzas foi porque non me gustaba o “típico” de poñerlle números á comida e decicimos poñerlle nomes. Ante iso, o mái representativos da zona era poñerlle o nome das parroquias, e podo asegurar que a idea a todo o mundo lles gustou. De feito, a pregunta máis típica é “Cal é a parroquia que máis se vende? A miña non?” Xa ves como son as cousas, jajaja. Comentar tamén que imos inauguar en breve unha carta; non vou dicir de que vai ser, pero si podo dicirvos que os produtos levan o nome de escritores rianxeiros. Aí vai!
– Unha das cousas que máis sorprende é a túa implicación co deporte locais. A cantos equipos patrocinas?
– Como dixen antes en canto aos patrocinios agora mesmo temos patrocinados de forma directa sobre 110 deportistas. Pero ademais, colaboramos con outros deportes, polo cal o número ronda os 220. Cremos que isto é importante para a vila porque ao fin e ao cabo son os nosos clientes e se patrocinamos, colaboramos e os apoiamos, eles tamén van seguir vindo ao noso local.
– Ademais, tamén estás implicado no trial, un deporte que practicas. A túa idea sería que para o ano se celebrase unha proba en Rianxo, non si?
– En canto ó trial é o deporte que practico. Agora mesmo corro no Campionato Galego de Trial, na categoría TR4 no Motoclub Teo coa marca Beta. A idea deste Motoclub é organizar, en colaboración co Concello de Rianxo, unha das probas deste campionato o próximo ano en Rianxo, polo cal estamos coa selección de zonas, obtención de permisos, etc. Cremos que a iniciativa é boísima en canto que vai traer multitude de xente á localidade en época baixa, tratanto de desestacionalizar un pouquiño, na medida do posible, o turismo en Rianxo.
– Por se fose pouco levar un local de hostalería, creaches gallegourmet.com. Que tipo de produtos vendes?
– Precisamente agora gallegourmet.com está en reformas. Vendemos produtos delicatessen de orixe e produción galega a través de internet. Na nosa páxina podes encontrar dende grelos de orixe ecolóxica, ás mellores conservas da Ría, e ata produtos non tan coñecidos como o foie galego que se produce na provincia de Ourense.
– Coñeces a cada un dos provedores dos que vendes os produtos?
– Coñezo á maioría dos provedores porque ao largo dos anos na hostelería sempre te relacionas con multitude de xente.
– Vendes sobre todo en España ou tamén mandades pedidos ao estranxeiro?
– Actualmente servimos a toda á Unión Europea e, dependendo do tipo de produto, que sexa tamén a outros países como aos Estados Unidos, etc.
– Semella que es un persoa que sempre ten proxectos novos. Algo no que andes a traballar xa de cara ao futuro?
– Tamén somos os propietarios da empresa D´Fabula Ocio Infantil, na cal temos hinchables en aluguer para os máis cativos de casa, así como outras actividades como zona interactiva, cars a pedais, globoflexia, maquillaxe, educación vial etc.
Actualmente estamos a traballar na apertura da cafetaría do I.E.S. Félix Muriel de Rianxo e temos en proxecto a apertura doutra cafetería máis, pero é cuestión de tempo chegar a materializala. Ademais, estamos afianzándanos no desenvolvemento de D´Fabula Ocio Infantil, coa compra de novos produtos para ofrecer máis servizos.
Deixar unha resposta