Ás veces non somos conscientes de todo o traballo que require organizar e pagar unhas festas. Por iso nos parece un interesante exercicio ver de onde se sacan os cartos e canto diñeiro fai falla para celebrar unhas festas parroquias. Moi acertadamente, para que se valore o seu traballo, dende a Asociación de Festas do Araño publicaron os seus gastos e ingresos.
Aquí está o cartel das festas, tres días coas orquestras Os Ánxeles, Bahía Blanca, D’Noche, La Torre, Brujas, Dúo Óbice, gaiteiros e fogos.
A isto habería que sumar outro día coas festas de Buhía:
Canto credes que custa?
Pois nin máis nin menos que uns 32.000€. Case nada. Como podedes ver no orzamento inferior, o gasto repártase entre:
- orquestras: 18.800€
- bombas e fogos artificiais: 4.200€
- gaiteiros: 4.000€
- luz e xerador: 1.600€
- libro: 1.441€
Ademais hai moitos outros gastos, como o seguro, as actividades para os máis cativos, a impresión de camisetas e… ata 17,28€ de comisión no banco 😦
De onde procederon os ingresos? Sobre todo das cotas dos veciños, pero con iso non chegaría para todo:
- cotas: 22.260€
- donativo libro: 3.625€
- cantina: 3.500€
- cesta de Nadal: 1.447€
- camisetas: 700€
Tamén houbo un donativo de 600€ da Comunidade de Montes do Araño, e mesmo un señor de Campelo puxo 600€ para os fogos artificiais, o cal é moi de agradecer.
De novo vemos que detrás dunha festa hai un traballo moi moi grande e duro, que é a labor de todo un ano, que hai que contar ata o último céntimo e que, sobre todo é moi pouco agradecido, porque a xente da comisión de festas adoita estar nas festas de cada detalle en lugar de desfrutar da celebración. Así que polo menos, dende aquí, queremos agradecer o seu estupendo traballo.
Deixar unha resposta