Tag Archives: fotografía

Ruando Rianxo: do 9 de novembro ao 6 de decembro no Auditorio

31 Out

Ben, pois por fin chegou a data en que Ruando Rianxo se vai materializar en forma de exposición.

Foi un ano enteiro de fotos, entrevistas e anécdotas que xa vos fomos desvelando e que van seguir, coma sempre venres a venres a través deste blog que tantas persoas seguides e do que nos sentimos tan orgullosos.

En primeiro lugar dar as grazas ó Concello de Rianxo, o cal financia integramente o custo das impresións e enmarcado das obras da exposición, a Fernando Lavandeira, Adolfo Muíños e Hadriana Ordóñez por acoller tan gustosamente e con tanto entusiasmo este proxecto que comezou cunha idea e que ó final se converteu xa nun traballo que nos apaixona e nos da tantos intres de bo pasatempo, por suposto tamén dar as grazas ó amigo David Alcalde (Toffe), pola súa desinteresada colaboración. Dar tamén un millón de grazas a esa xente á cal lle roubamos algunha que outra mañá ou tarde para que nos contara parte da súa vida, algunha que outra anécdota e para que posara diante das nosas cámaras. Fixérono, abofé que si, sempre cun sorriso, abríndonos o seu fogar , sen miramentos e coa mellor das predisposicións. A tod@s el@s moitísimas grazas. Ruando Rianxo non sería posíbel sen a vosa axuda, sen as vosas pistas, sen os vosos consellos, sen as vosas recomendacións, xa que a maior parte das veces cada persoa nos poñía en relación con outra á que descoñeciamos, pero con grandes historias que contar.

Ruando Rianxo foi así materializándose e agora podemos dicir que é xa unha realidade, e esta realidade tradúcese nunha exposición que estará pendurada en primeiro lugar no Auditorio de Rianxo, dende o próximo 9 de novembro até o 6 de decembro. A inauguración terá lugar o sábado 9 ás 12:30 da mañá e asegurámovos que haberá sorpresas para os que alí estean acompañándonos.

Aquí vos deixamos xa, e recén saído do forno o cartaz que sairá á rua nos próximos dias. Agracerlle á deseñadora Mercedes López o seu fantástico traballo:

Image

Lembrarvos tamén que Ruando Rianxo non para aquí, e que, alomenos unha tempada máis voltaremos ás andadas. En Rianxo somos ricos en persoas e en historias, así que seguiremos a traballar nesta Historia Viva de Rianxo en Fotos.

Un pracer para nás e agardamos que vos guste o que vexades.

Unha aperta!

Óscar Reboiras Loureiro e Xoán Antón Castro Barreiro

“DE MINIMIS”, no auditorio de Rianxo.

16 Abr

O pasado venres 12 de abril inaugurouse no auditorio de Rianxo a exposición “de minimis”, que estará pendurada até o 27 de abril.

 Image

Nesta mostra fotográfica, a sua autora Marga Piñeiro Diaz, unha profesora chantadina que no seu tempo de ocio, non ten outra cousa mais que facer que sacar fotos, e vaia fotos!!!!

Se nos achegamos polo auditorio poderemos ver 45 instantaneas, a maior parte delas en branco e negro, que nos expresan a sua particular maneira de ver as pequenas cousas que nos rodean, ainda que tamén hai lugar para pequenas sutilezas de cor…

Image

Deixámovos tamén a presentación que a autora traía preparada para a inauguración:

                        Boa tarde a todos e todas.

Moitísimas grazas por estar hoxe aquí.

Quero comezar agradecéndolle ao meu amigo Xoan Antón Castro Barreiro que fixo as xestións oportunas con Fernando Lavandeira, a este mesmo, e ao Concello de Rianxo, ao seu alcalde Adolfo Muíños e a concelleira de cultura Hadriana Ordoñez para a cesión desta fermosa sala onde podervos mostrar hoxe e ata o día 27 do presente mes un traballo que veño desenvolvendo dende fai aproximadamente seis anos.

E a Lúa Louro, xove deseñadora, que me fixo de maneira altruista o deseño do logo que se pode ver no cartel anunciador da exposición.

Estas fotos, e outras máis, conforman a colección “de minimis”. Son de una serie de imaxes, hai quen di que froito da creatividade, eu coido que dunha especie de tolemia que me ven avisando dende hai tempo para que ande na procura dun cauce a traverso do que poda plasmar aquelas ideas que me xurden de súpeto dentro desta cabeza desfeita e que me obrigan a adicarlles bastantes horas do meu día a día, proporcionándome una enorme satifacción e obrigándome así, a ter conmigo sempre un apéndice que se chama cámara e que se dispara irremediablemente todos os días da miña vida.

As protagonistas das imaxes que vedes son sempre cousas pequenas.

Con moita facilidade impresionámonos ante a grandeza do noso entorno e procurámolo máis aló do que nos é habitual. E iso, coido eu, é natural e humán. Pero soemos esquecer, a importancia das cousas cativas que nos fan a vida máis doada e porque non, moito máis bonita.

Son básicamente fotografías en Branco e Negro, por una sinxela razón de gusto persoal e de fidelidade aos meus comezos alá polo ano 90 cando da man de Camilo Lorenzana que é un fotógrafo chantadino, me iniciaba no mundo da fotografía cun cursiño de revelado en carrete e papel nun centro de xuventude.

Saberíame moi ben pagada se hoxe estas fotos transmítenvos algún sentimento, se vos comunican alguna mensaxe e se finalmente, son quen de facer que non pasen desapercibidas e merezan uns minutos da vosa atención.

Grazas por estar aquí e que desfrutedes tanto como eu o fixen no momento de concebir, plasmar e ver colgadas todas e cada unha das fotos que hoxe vos presentamos neste escenario tan especialmente fermoso que é o Auditorio de Rianxo.

Marga Piñeiro Díaz

E unhas cantas fotiños do que alí podemos ollar:

Image

Image

Image

Image

-Pequeno video feito pola propia autora do proceso de montaxe da expo:

Se ainda non vos pasástedes, aconsellamovos que o fagades. É un pracer poder ollar o traballo desta fotógrafa en papel.

Exposición fotográfica en Rianxo

7 Mai

Se tedes ocasión, recoméndovos que pasedes polo Auditorio de Rianxo, porque ata o día 23 de maio acollerá unha exposición fotográfica na que eu tamén participo con tres instantáneas. Na mostra tamén hai outros fotógrafos afincados en Rianxo, como Xoán Castro e moitos outros artistas do Barbanza, do Salnés, do Morrazo, etc.

Quero aproveitar para darlle as grazas ao Concello, por todas as facilidades que nos deron. Realmente quen o organizou todo foi Xoán pero, polo que me comentou, a predisposición foi a mellor dende o primeiro momento. Á inauguración, o pasado venres, tamén acudiu o alcalde, Adolfo Muíños, e a concelleira de Educación e Cultura, Hadriana Ordóñez. Mesmo saíu unha pequena referencia ao acontecemento en La Voz de Galicia de onte (é a foto de abaixo, a 4):

Eu, lamentablemente, non puiden acudir o venres, pero si que me pasei o sábado polo Auditorio e gustoume como quedou a cousa. Ademais, entereime de que era a primeira exposición de fotografía artísticas que acollía o recinto, así que a cousa fai ilusión. Aínda que o que máis gusta é ver como a xente se para nas fotos, curiosea e comenta.

Velaquí me tedes a min coas miñas fotos (fun con Xoán, e aproveitou para inmortalizarme, jeje):

O dito, se vos cadra, non deixedes de pasarvos polo Auditorio porque hai fotos realmente fermosas.