Entrevista co Xixí sobre a Guadalupe 2013

6 Set

xixi1

Ramón Iglesias Sánchez (1938), máis coñecido como o Xixí, é desas persoas que che sorprenden. Máis que nada porque leva unha cuarta parte da súa vida á fronte da Comisión de Festas de Rianxo. Con 75 anos enriba podemos velo cada día da Guadalupe pendente de como tocan ás orquestras ás 4 da mañá, e a primeira hora xa acompañando gaiteiros e bandas. Persoalmente creo que é moi de agradecer o traballo que se fai dende a Comisión de Festas, porque a todos nos gusta divertirnos, pero moi pouca xente se implica nunha tarefa que require de todo un ano. O Xixí, por certo, tamén estará na expo de Ruando Rianxo para a que contamos co apoio e o patrocinio do Concello.

– Dende cando es presidente da Comisión de Festas de Rianxo?
– Pois dende que entramos na Democracia, que se non lembro mal foi en 1978. Pero despois tamén estivo Amancio catro ou cinco, e Lis o Gitano tamén outros tres ou catro. Porque eu é a segunda vez que estou. En total máis de 25 anos.

– Canto tempo hai que xurdiu a idea de cantar a Rianxeira o último día, con miles de bengalas na praza de Rianxo?
– Haberá por aí hai 20 anos.

– E como se vos ocorreu?
– Pois ocorréuseme a min, e a verdade é que saíu bastante ben. O que si, o primeiro ano ninguén quería coller as bengalas. Pero despois foi a máis e a máis, e agora xa está metido dentro da xente.

– Como é iso de que ao principio ninguén quería coller as bengalas?
– Tiñas que explicar para que eran. Agora xa se botan a ti, porque saben para o que son, pero daquela custaba dar a entender a idea. Daquela o meu fillo, Víctor, a súa muller e os amigos andaban a repartilas por toda a festa, porque non había quen as collera. E agora calquera o suprime, porque é un espectáculo moi bonito e calquera que veña de fóra queda asombrado.

– É certo, o que vén o último día sempre quere repetir.
– Si, sempre volven. Por iso sería unha pena non facelo. Claro que ao mellor tiñamos que suprimir o venres, porque moitos forasteiros veñen ese día, que é cando máis xente vén. E se remata a festa o xoves os de fóra van a fallar, pero ben, hai momentos nos que igual non queda máis remedio.

– Ao final como vén tanta xente, a de aquí enfádase polo que pasa o último día.
– Si, son moitos días. Pero o último día a vila non paga nada pola festa porque hai unha empresa que é a que a monta. Por iso demos o visto bo para seguir así. As orquestras págaas unha empresa e a hostalaría local, que tamén colabora. A vila non paga nada diso.

– No seu día fíxose unha enquisa para ver se se pagaba máis para seguir cos mesmos días ou se recurtaban. Houbo xente que non entendou que se votara o último, pero se continuaran cos mesmos días a pesar de que viñera alguén de fóra pagar o venres.
– Nós realmente rematamos o xoves. Xa ves que o venres non hai nin banda de música. Cos cartos que temos a festa finalízase o xoves. Pero claro, puxéronse cartos dende fóra para continuar. Eu recoñezo que o venres vén máis xente. Son moitos días e nestes momentos as cousas non son sinxelas: a xente está dando o que pode, o Concello, Deputación, Xunta e demais recurtaron as axudas, as empresas que antes daban agora non poden dar… Pero a vila vai respondendo coma sempre.

– Hai que facer malabares.
– Agora hai que suprimir cousas. Pero por exemplo as peñas están axudando moito. O sábado xa teñen o festival de rock, o Rock in Rian. Téñeno moi ben montado. Pero eles mesmos buscan todo os recursos económicos, porque a Comisión de Festas non pode asumir iso.

– Cres que hai bos vimbios nas novas xeracións para seguir coas festas?
– Si, claro. Son os que teñen que continuar con todo isto. A mocidade ten que mollarse. E faino moi ben. As Juadalupeñas están a moverse moi ben. Para o ano planean incluso facelo aínda moito mellor e traballar aínda máis, o cal é moi de agradecer.

– En Rianxo sempre se valoraron moito máis as orquestras, fronte a outros sitios nos que traen cantantes famosos, non si?
– Aquí valorouse dende sempre a verbena, que se estaba a perder, incluso coas grandes orquestras. Porque as orquestras moi boas atraen moita xente, pero fan que se perda a verbena, esa “salsa” típica da Guadalupe, porque ten que haber baile no Campo. Haberá máis de 20 anos trouxemos a María Jesús, a do acordeón, e encheuse o campo que foi unha cousa doutro mundo, nunca vista. Nunca tanta xente houbo en Rianxo. Nin coa Panorama. Estaba no seu apoxeo e cobrounos daquela 60.000 pesetas. Para o ano seguinte xa nos pediu moitísimo máis e non se puido volver traer. Gusta que veñan boas orquestras, pero non se poden pagar nin son tampouco necesarias. A festa é outra cousa. Ademais, non só están os gastos das orquestras, porque a idea é ter a xente entretida durante todo o día, que se desfrute durante toda a xornada.

xixi2

– Sorprendeu e moito que este ano non veña a Gran Parada. A que se debe?
– Non vén a Gran Parada porque os representantes das orquestras teñen montada unha mafia entre eles. Se contratas cunha axencia non che deixan escoller as orquestras doutra. Pódenche consentir unha, pero non máis. Abanico, por exemplo, vén esta ano porque deixou de traballar con Lito, traballa con outra axencia. Pero se queres traer unha orquestra que traballa con outra axencia, non podes, teñen que ser todas da mesma.

– Para a mesma festa tes que contratar todo coa mesma axencia?
– Este ano traballamos con dúas axencias, e estas si que consenten algo. Pero cando traballamos con Lito, só che consentía unha. E nos queríamos dúas. Porque a Gran Parada vén que o merece. Non só é unha gran orquestra de aquí, senón que sempre que lle pedimos a súa axuda ou colaboración nos botan unha man. Pero temos ese problema, que non nos deixan traela. EU como veciño tamén a quero, pero non nolo permiten, porque o teñen montado así. E a Lito non lle podemos contratar todo porque ten un caché moi alto, pídennos moitos cartos, polo que hai que buscar noutro sitio.

– As orquestras de Lito eran as que viñan outros anos?
– Case todos os anos se traballou con el, cando viña a Panorama, a París… Pero agora hai que mirar por algo máis económico. Poderíase seguir con el, pero habería renunciar aos fogos de artificio, ás bandas de música, aos xogos dos rapaces, o feirón mariñeiro… Pero hai que repartir os cartos, porque hai moitas cousas e hai que facer cundir a festa. É moi complicado.

– Xa, pero  supoño que despois veñen as críticas, que che darán paus por todos os lados, non si?
– A min particularmente ninguén me di nada. Disque aos da Comisión aínda lle comentan algo, pero a min non, e son o presidente, polo que me teñen que dicir. Estes días dixéronme que o cartel deste ano era bastante bo, que son orquestras para bailar. O ano pasado tiñámoslle medo ao cartel e ao final resultou tamén moi bo. Porque a xente o que quere é desfrutar no Campo bailando. A ver se a mocidade nos axuda e evitamos facer o botellón no Campo.

– Precisamente moitos identifican a festa cun gran botellón, o que dá mala imaxe.
– No momento todos somos bos, pero despois… Sempre intentamos concienciar para que non se faga, pero despois, de noite, pasa o que pasa. E hai que evitar facelo no campo da festa. Aínda bo é que conseguimos evitar o que pasaba antes, que había moita xente que se cortaba con vasos e tiñamos que levar un montón de mozos con cortes ata a clínica. A hostalería implicouse e agora xa reparten vasos de plástico. Pero moitos seguen a traer as súas botellas e despois déixanas tiradas, a pesar de haber contedores habilitados e demais. Podemos poñer mil carteis de zona na que non permite o botellón, pero a realidade é outra. Veñen tamén con carriños de compra cargados. Xa nos gustaría poder contratar gardas de seguridade para poñer en cada esquina e evitar que a xente entre con bebidas ao Campo, pero custan uns 5.000 euros.

– E de novo volvemos ao tema dos cartos.
– Si. Imos intentar concienciar de novo da importancia de non facer botellón no Campo. Non é que o queiramos prohibir, pero o Campo non é o lugar axeitado para facelo. Na prensa xa intentaremos afondar nisto, en que se respecte o sitio da festa, a verbena, porque é unha pena como queda o Campo. Este ano tamén planeamos ter no recheo dous DJ nunha carpa, para intentar que a mocidade que fai botellón vaia para alá e deixe o Campo máis tranquilo. A ver como resulta. Porque recoñezo que o principal traballo, o máis complicado é evitar o botellón. Xa digo que para min é unha pena como queda o Campo.

– Por non contar os problemas que ocasionou a xente bébeda ás orquestras.
– Si, mesmo teñen tirado botellas. E o ano pasado cortaron a corrente eléctrica ata en tres ocasións. Non se pensa no dano que se pode ocasionar. Antes puxemos incluso un cristal, pero rompérono. Este ano poremos a unha persoa continuamente controlando as tomas, para que ninguén as toque, porque non é só que se poidan estragar os equipos das orquestras, senón que a persoa que o fai pode quedar alí no sitio.

– Cambiando un pouco de tema, canto tempo se estivo traballando para conseguir poñer a nova Virxe da Guadalupe na praia de Quenxo?
– Uns dous anos. A Xunta e algunhas empresas colaboraron bastante. Non chegan os cartos, pero ben, xa está pagada. Realizouna un escultor alemán moi bo, que nos fixo un gran favor, xa que non nos cobrou nada, e 7 ou 8 millóns de pesetas non llos quitaba ninguén. Xa fixera tamén sen cobrar algunha escultura que está na ribeira e en Taragoña, pero cousas pequenas. No seu día fomos a Cambados a preguntar canto nos custaría facer a Virxe. Ían vir mirar e aínda estamos esperando. Foi nese momento no que me falaron dese escultor, que fai obras para igrexas de toda Europa, para Polonia, Alemaña,… ten cousas en Santiago. Contactamos con el e xa nos dixo que o seu traballo non o cobraba. A fundición foron uns 35.000 euros e despois mil e pico custou o transporte e colocación.

– E a de Aseroy que estaba na finca de Baltar, cres que volverá ao seu sitio?
– Eu que sei. A min dixéronme que está entre e Picaraña e o Faramello, nun taller de pedra que hai alí. Non sei se seguirá alí ou non, pero foi o que me dixeron. Sacárona no seu día para presionar os de Costas, pero foi incluso contraproducente. Máis do que falei con el é imposible; unha incluso estiven máis de dúas horas. Oxalá algún día poida volver, porque é un símbolo de Rianxo.

– Falamos da Rianxeira do venres a noite, pero non do Feirón Mariñeiro, que tamén é parte importante da festa. Como xorde a idea?
– Foi hai 10 anos. Carlos Ces, o vicepresidente, propuxo facer algo, ben un festival de música folk ou ben un feirón. Votouse polo segundo e saíu moi ben.

– A xente de Rianxo vólcase moito co Feirón.
– A verdade é que si. Arrancou moi ben e agora temos que seguir con el. Moita xente quere participar e agora incluso xa non hai sitio para todos.

Advertisement

Unha resposta a “Entrevista co Xixí sobre a Guadalupe 2013”

  1. nancy suarez rial 09/06/2013 ás 23:38 #

    gracias a este SEÑOR pudimos estar en el barco de la Virgen en la procesión marítima el año pasado, fue una experiencia inolvidable, MUCHAS GRACIAS desde Uruguay de parte de Familia Suarez Rial (tío y primos de Pili).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: