Esta mañá puidemos ver como as familias da Vacariza (Isorna), seguen a loitar porque os seus nenos estuden nunha escola unitaria que leva décadas aberta. A Consellería e a Delegación Territorial de momento non o permiten, a pesar de que si o fan con outro centro. Hai que ter en conta que este ano habería cinco nenos, pero que para o ano aumentarían a sete. Iso si, cando unha escola rural peche as portas, nunca máis as volve abrir.
Ademais, estes cativos terían que facer 35 minutos de autobús para ir estudar ata Rianxo, cando xa teñen un centro ao lado da casa. A proposta dos país á Consellería non pode ser máis adecuada, xa que os profesores están de acordo en seguir e o Concello de Rianxo se faría cargo do mantemento do centro. Vamos, que todas as partes gañan e o centro seguiría aberto.
Os pais dos nenos piden unha autorización de apertura, para que se poidan seguir coas clases no lugar. Os rapaces, pais e veciños concentráronse diante da escola pedindo que non se peche o centro, xa que é moi importante para as familias poden ter os pequerrechos ao carón da casa. Ademais, acaso é apostar polo rural desmantelar deste xeito centros educativos? O día de mañá as familias que van preferir, vivir na zona ou irse para núcleos urbanos? E quen vai coidar entón do campo?
Acaso se busca o abandono das zonas menos poboadas? É de xustiza que unha escola con décadas de existencia teña que pechar as súas portas e que o día de mañá só sirva para mirar para ela ou para que os vellos se senten diante?
A educación pública é un dereito de todos, polo que aplaudimos e apoiamos dende aquí as protestas e actos reivindicativos dos pais. Os nenos son o futuro da nosa sociedade e o único que se fai é recurtar na súa formación pública.
Estes cativos só piden o que por dereito lles corresponde. Non esixen ir a unha escola concertada ou a unha privada (que reciben cada ano millóns de euros públicos), senón a un centro público no que tamén estudaron os seus pais e avós. O Concello de Rianxo asume o seu mantemento, polo que entendemos que se se pecha, por moito que nos diga que a Administración mira polo cidadán, non será certo. Non ao peche da escola da Vacariza!
Deixar unha resposta