A Festa da Guadalupe é un momento moi esperado para moitos, porque son moitos días de festa, de boa música e de interesantes actividades. Unha delas será o Rianxo on Fire ’13, que se celebra 16 de setembro na praza da Virxe da Guadalupe. Falamos con Héitor González, un dos organizadores e músicos que van actuar. E animámosvos a todos a non perder este evento, que esperemos que se acabe consolidando en Rianxo.
– O Rianxo on Fire ’13 é un festival de música alternativa?
– Non, eu máis ben diría que é un festival de música alternativo, con respecto ao que se adoita escoitar e traer á Guadalupe. É distinto do Rock in Rian, en canto que os grupos son máis pequenos, o ambiente tamén é máis entre amigos e montándoo nós pola nosa conta.
– Cantos grupos participan?
– Hai cinco grupos, como Superoito, Forty to Five, Chevis, The Siberets e Chickenpie, pero tamén actuarán Dete MC, Neme e, ao finalizar, os DJs Grime Selector e Daro Deejay. Son moi bos grupos e artistas, para todos os gustos, polo que recomendaría non perdelo.
– E que tipo de música se poderá escoitar?
– É música variada. É certo que hai grupos de rock, pero tamén poderemos escoitar rapear (Dete MC), e incluso ver algo máis acústico e blues (Neme). Ao final somos distintos grupos amigos que queremos actuar, darnos a coñecer e facer que a xente o pase ben nas nosas actuacións.
– Onde e a que hora terá lugar o festival?
– Celebrarase o luns da Guadalupe na praza da Virxe da Guadalupe. Está previsto que comecemos ás 7 da tarde e dende ese momento haberá moitas horas por diante. Ten en conta que somos varios grupos, así que se todo marcha sobre o previsto, remataremos as actuacións sobre a 1.30 da madrugada. Pero despois os DJs comezarán as súas sesións, polo que se hai xente estaremos ata moi tarde.
– Os grupos veñen sen cobrar, non é certo?
– Si, todos os que actúan fano con moitas ganas e non cobran nada. Pero tamén é certo que algún veñen de lonxe, como de Vigo, polo que lles pagamos o desprazamento como axuda, xa que é un custo grande. Cada grupo trae tamén as súas guitarras, pratos e demais. Nós poñemos os amplificadores e incluso alugamos un equipo de son para todo o festival.
– O ano pasado xa quixestes montar este festival, pero non se puido celebrar. Que aconteceu?
– Na Guadalupe pasada estaba xa todo preparado pero despois tivemos que cancelado por culpa da chuvia. Este ano no caso de que se repita o mal tempo, montaremos unha carpa. Hai un grupo que non puido tocar o ano pasado e repite, The Siberets.
– Canta xente participa na organización do festival?
– Somos un grupo de amigos, 6 ou 7 persoas ou “cabezas pensantes”. Pero detrás temos moita outra xente que nos axuda, que nos bota unha man buscando patrocinios, colgando carteis, que estará detrás da barra o día do festival…
– Basicamente da barra é do que ides sacar os fondos para pagar o festival, porque non tedes axudas.
– Contamos con moi pouca axuda. Bótanos unha pequena man o Concello e a Comisión dános un par de barrís, pero pouco máis. Déixannos montar unha barra, que atenderemos nós (incluso cando deixemos de actuar) e cos cartos que saquemos ese día contamos con poder asumir os gastos e financiar o festival.
– E se sobra, pensades destinar os cartos a seguir co festival o ano que vén?
– A idea é repetir a experiencia se sae ben a cousa e intentar traer un grupo un pouco máis potente. Non necesariamente tería que celebrarse o festival na Guadalupe, pero si un día do verán para que a xente poida ir e gozar da música. Ademais, durante setembro e xullo pensamos organizar algún tipo de evento ou actividade para ir recadando cartos para o festival.
Deixar unha resposta