Hoxe vouvos falar dun descubrimento que realmente non é tal, pero que serve para amosar a gran riqueza arqueolóxica que temos en Rianxo. E o gran descoñecemento que temos dela (aínda que ás veces dá medo que os vándalos saiban destes temas).
O caso é que un día, indo pola autovía do Barbanza, pareceume ver un cartel un tanto estraño nunha das beiras da estrada. “Que Deus che conserve a vista!”, díxome unha vez un mestre na EXB.
Pasei outro día e vin que si, que había un letreiro no sitio, que non fora un espellismo. En concreto, está a uns 300 metros da saída de Rianxo cara a Catoira, no alto dun pequeno monte.
Así que un sábado á tarde, tirei a pata ata a zona. Non hai acceso ningún e tiven que ir pola beira do aramio ata o cartel. Sorprendentemente, descubrín que alí había unha mámoa, a mámoa de Piñeiro, da cal non escoitara nada ata ese día nin se menciona tampouco na web do Concello de Rianxo.
O cartel, oculto de miradas describe a mámoa de Piñeiros, inaccesible, xa que a zona está cuberta de xestas:
Como vedes, indica que se trata dun dos exemplos que hai en Rianxo de enterramentos de hai máis de 6.000 anos, entre o Neolítico e a Idade de Bronce. Ten un diámetro duns 19 metros e unha altura duns 200 centímetros.
Ademais, o cartel indica que a pesar de que o seu estado de conservación é aceptable, presenta un burato de expoliación, xa que houbo un tempo onde se pensaba que dentro había tesouros.
Curiosamente, esta mámoa está moi preto dun novo Castro, inédito ata o de agora, que nos descubríu o profesor e escritor Manuel Gago no seu blog. Que hai no medio do Castro e da mámoa? Efectivamente, unha autovía.
Como indica Gago no seu blog, “O Castro, o novo sitio arqueolóxico, ubicado exactamente ao carón da glorieta de saída/entrada da autoestrada do Barbanza cara Catoira? Pois iso: a autoestrada. Que fixeron exactamente os equipos arqueolóxicos responsables de prospectar estes montes? Por que estes dous sitios arqueolóxicos non foron localizados e inventariados? Podo entender que O Pilotiño non fora visto (de aquela non había as tecnoloxías actuais), pero O Castro é un mazacote ben cantoso. E, ademais, o sitio arqueolóxico que hoxe presentamos, está ubicado nunha zona chamada na cartografía “Monte do Castro”. Curiosamente a autoestrada pasa ao carón, pero sen tocalo (aínda que obviamente por dentro do perímetro de seguridade arqueolóxica do xacemento) e tamén a glorieta desenvólvese aos seus pés. Ou sexa, ou ben os arqueólogos responsables deste traballo non se enteraron da existencia do castro, ou ben enteráronse e colaboraron a través do seu silencio coa empresa e a Administración en non declarar este lugar. Dá a impresión, pola proximidade das obras, que ás caladas apostouse por minimizar o impacto sobre el, posiblemente sen aplicaren as medidas científicas cautelares habituais (escavación, etc.) para aforrarse pasta e tempo. Descoñezo a documentación e non vou facer acusacións neste sentido, só sospeitas. Pero a cousa canta demasiado”.

Imaxe de patrimoniogalego.net
Por último, hai que indicar que o Castro non está protexido polo PXOM, polo que agardemos que o Concello tome boa nota.
A todo isto, os traballos arqueolóxicos na autovía foron realizados por Zeta Arqueoloxía. De feito, na hemeroteca de La Voz de Galicia comentan que se fixo no 2007 unha actuación na mámoa de Piñeiros:
“A Consellería de Cultura autoriza unha sondaxe arqueolóxica nunha mámoa rianxeira”
“A Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, autorizou a realización dunha sondaxe arqueolóxica na contorna da mámoa de Piñeiro, no municipio de Rianxo. Os traballos estarán dirixidos polo arqueólogo Cristóbal Nodar. Fontes da Xunta de Galicia indicaron que a actuación está considerada como unha actividade preventiva. O tempo estimado para levar a cabo os traballos é dun mes.
Representantes da consellería explicaron que unha vez realizadas as prospeccións no túmulo funerario, e nun prazo de seis meses, os materiais arqueolóxicos que se atopen durante estes labores depositaranse provisionalmente no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña.
Os encargados das sondaxes arqueolóxicas presentarán un informe valorativo ao concluír a actuación, así como unha memoria técnica e unha copia da acta do depósito dos materiais estendida polo responsable legal do museo coruñés. Fontes do Concello de Rianxo indicaron que prestarán todo o apoio necesario para levar a cabo estes labores”.
Graciñas. Haberá que localizar ben o sitio indo de viaxe e despois desprazarse ao lugar.