Produtos con moita arte dende Rianxo para todo o mundo

1 Nov

Luis-Quinteiro-DoceNos últimos anos, centos e centos de casas galegas coñeceron e presumiron do Apalpador grazas a unha empresa rianxeira. Ademais, este negocio familiar está a levar aos fogares galegos as figuras do entroido, reivindican as mulleres esquecidas galegas ou converten aos escritores galegos en estrelas de rock. Como é posible? Xuntando un bo produto artesanal cun deseño moi coidado no que se conta parte da nosa historia. Iso é o que fan dende Quinteiro Doce.

Pero comecemos polo principio. Era unha vez unha empresa familiar que levaba moitos anos no mundo da distribución. Como calquera outro negocio do sector, dedicábase a vender diferentes marcas nas tendas e negocios de toda Galicia. E así foron pasando as semanas, os meses e os anos ata que, un bo día, a Luís Tembra se lle ocorreu unha idea: por que non crear a súa propia marca?

Como explica Luís, buscaban “ter o control” a todos os niveis do que vendían, ofrecendo un “produto de calidade”, que fose moi noso e que non rematase aparecendo en grandes superficies.

Dez anos de Quinteiro Doce

Así foi como naceu Quinteiro Doce. O nome vén quinteiro, o lugar da aldea onde se gardan os aparellos de labranza e tamén a praza ou terreo que serve como lugar de reunión para os veciños. E, por outra banda, con doce xogaban nun inicio co concepto de ducia.

Os primeiros anos botaron a andar cun produto moi sinxelo, no que ofrecían unha bolsa con doces. Se a bolsa tiña un lazo marrón é que o produto tiña azucre e se o lazo era verde, non contiña azucre. Pero, pouco a pouco, Luís decidiu seguir innovando e apostar polo noso idioma e pola nosa cultura.

Bodegon-Quinteiro-Doce

O seguinte paso foi que máis os deu a coñecer. Hai catro anos sacaron os panetones do Apalpador. “Foi un éxito brutal”, asegura Luís. Daquela, case ninguén coñecía a este carboeiro do Courel que leva castañas aos nenos durante o Nadal. “Foi poñer o noso pequeno gran de area e ves que xa se vai coñecendo esa figura”, explica. Tanto gustou a idea que un ano despois sacaron de novo os panetones do Apalpador e outra caixa cun deseño de Davila, coa imaxe da Rianxeira.

Non ofrecen só un panetone, senón unha pequena obra de arte. “Buscamos darlle un valor especial ao produto en si. O panetone é bo, gústalle a todo o mundo, pero a xente despois pregunta se non queda a lata vermella do Apalpador. Porque lles gusta e porque lle dá uso tamén na casa”, comenta Luís Tembra.

A nosa cultura importa

Nas casas de todo o mundo hai fermosas latas redondas e azuis que antes tiveron galletas de manteiga dentro. E despois pasaron a ter fíos, agullas ou botóns. Pois agora, nas casas galegas, comeza a haber coloridas latas e tubos que, en lugar de mostrar casas holandesas, falan da nosa historia.

“Moitas veces fascínannos as lendas que nos quedan lonxe, pero as propias, as que temos ao lado da casa, non lles damos o valor que deberíamos. E nós imos por esa liña de facer algo bonito, con artistas galegos e transmitir algo da nosa cultura e da nosa tradición”, segundo indica Luís.

Rematado o Nadal, por exemplo, decidiron sacar uns tubos con doces e cos personaxes do entroido. Deste xeito, o cigarrón de Verín, a pantalla de Xinzo, o boteiro de Viana do Bolo, os xenerais do Ulla, os choqueiros coruñeses e as madamas de Cobres acabaron convertidos practicamente en súper heroes da man do artista Rodrigo Chao.

Entroido-Quinteiro-Doce

Pezas únicas

En Quinteiro Doce traballan con artistas galegos de primeiro nivel. Aos xa mencionados Davila e Rodrigo Chao, hai que sumar a Nove Noel, David Cuence, a Leandro Lamas, a Abi Castillo ou a Iria Ribadomar. En ocasións parten de deseños xa feitos e, outras moitas veces, traballan cos ilustradores ata facer realidade unha idea concreta.

Luís cóntanos que “non había moitos produtos no mercado a un prezo relativamente económico e que sexan tan artísticos que queiras ter na casa”. Foi o caso dos carruseis musicais, onde diferentes escritores galegos acabaron convertidos en Galician Rock Stars. Ao ritmo do Yellow Submarine, Rosalía de Castro, Castelao e Manoel Antonio pasaron a ser David Bowie ou John Lennon. E como non paran de darlle á cabeza, Luís xa anuncia que en breve terán novos carruseis “relacionados coa música e co baile tradicional”, no que a melodía será cunha peza feita por eles.

Galician-Rock-Stars-Quinteiro-Doce

Acaban de sacar tamén botes de cristal con froitos secos e debuxos de Paula Pereira (Cavalinho do Demo) e con melindres e natas adornados coa creatividade de Iria Ribadomar. Botellas de licor de herbas, de café e de crema, con deseños de Abi Castillo nos que reivindican as “mulleres esquecidas ou maltratadas pola historia, como Maruxa e Coralia, as guerrilleiras ou Elisa e Marcela”. E ata contan con caixas de polvoróns cun personaxe tan noso como a Raíña Lupa.

Rainha-lupa-quinteiro-doce

Dentro de non moito, Luís xa nos adianta que iremos coñecendo da man de Leandro Lamas a unha familia de trasnos galegos, os trubincos, que se deixan ver no Nadal e que son amigos de facer maldades se non se lles deixa un regalo.

Trubincos-Quinteiro-Doce

Pequenos e con futuro

“Estamos contentos porque a marca se afianzou bastante”, resume Luís. Ao principio, cando empezaron cos seus produtos, había algo de dúbidas por parte dos vendedores. Pero agora xa lles preguntan a ver que novidades van sacar ou etiquétanos nas redes sociais, porque son produtos que funcionan.

“Nós traballamos con pequenos comercios, tendas tradicionais, de produtos gourmet e tamén con froiterías”, indica Luís á hora de preguntarlle onde se poden atopar os seus produtos. “Non traballamos con grandes superficies, porque son o inimigo desas pequenas tendas”.

tarros-Quinteiro-Doce

Porque na súa filosofía de empresa hai precisamente moito diso, de non renunciar ao próximo, ao que está preto de nós, a mostrar o orgullo polas nosas pequenas historias e comercios, porque non por iso deixan de ser grandes.

Deixar un comentario