Hai pouco dei cunh interesante artigo no blog de Percorrendo Arousa Norte. Comentábase como en 2007 se descubrira en Taragoña, na zona da Igrexa, unha estela galaicorromana. Realmente descubriuna a familia Fungueiriño, mentres realizaban uns traballos na adega da casa. Despois, contactaron coa xente que traballa no Centro Arqueolóxico de Neixón. O arqueólogo Xurxo Ayán (do CSIC) e Pedro López Barja confirmaron a descuberta.
No propio blog de Neixón comentan como foi todo, como un día de agosto de 2007 ata os castros de Neixón foi Miguel Fungueiriño e preguntou como non quere a cousa “E atopades pedras con letras?”.
O caso é que moitos anos antes, “o seu pai, escañando para alicerzar a adega da casa, no lugar da Igrexa, en Taragoña, deu cun pedrolo ben feitiño de pedra de gra. Vendo a disposición do bloque granítico, o vello da casa tiña a intención de deitar a pedra no patio. Sen embargo, a muller da casa paralizou o empedrado proxectado cun argumento de peso: a pedra ten letras, hom! E este gusto pola grafoloxía fixo que a pedra acabase de banco ao carón do galiñeiro”.
Ao día seguinte, quedaron con el e atoparon a pedra no patio da casa. E alí estaba, “unha abraiante estela galaicorromana, nun estado de conservación bastante bo, malia ter crebado o remate do campo epigráfico. En latín, con gueada das Rías Baixas dos séculos II-III d. C., pódese ler o que segue:
D(is) M(anibus) • Pos(uit)
Ursus
ingenu-
o suo • Ru-
fino • Pin-
[ta?]ni (filio?)
Que en romance vén sendo algo así como: “Aos deuses Manes. Púxo (o) Urso, para o seu (¿amigo?) Rufino, (fillo?) de Pin [ta?]no, de nacemento libre”.
Como sinalan en Patrimoniogalego.net, “o tramo conservado mide 56 cm. de ancho por 156 cm. de altura e por un máximo de grosor de 26 cm., posiblemente o remate fora de forma semicircular. Pódense distinguir tres campos separados por molduras. O superior está decorado por unha roda radiada dextroxira e dous discos cun punto no centro. No central presenta unha lúa coas puntas cara arriba, catro discos cun punto no centro e tres arcos. O inferior ten un texto gravado na pedra, e que continuaría no anaco que lle falta, pois nese lugar aínda se lle poden apreciar restos de dúas letras.”

Fonte: Patrimoniogalego.net
O caso é que aos poucos días saíu a noticia na prensa, sen falar para nada de que o achado fora da familia, a Xunta mandou un inspector ata o lugar, peritárona, metérona nunha camioneta e agora está Centro Arqueolóxico de Barbanza, en Boiro (Cespón).

Fonte: Patrimoniogalego.net
Deixar unha resposta