
Laura, irmán de Miguel O Corcheiro, con Eugenio Rueda, compañeiro de guerrilla de Miguel e fusilado en 1948. Fonte: http://www.lagavillaverde.org/
O alcume venlle da súa profesión como corcheiro: “Miguel dos Corcheiros”. E, aínda que naceu en Taragoña e moitos non teñades referencia del, sabede que foi foi o dirixente da guerrilla con máis sona na comarca do Deza (que abrangue Silleda, Villa de Cruces, A Golada, Rodeiro, Dozón e Lalín) e do máis destacados da provincia de Pontevedra.
Fillo de Alfonso Nicolás (da parroquia de Bandeira, en Silleda) e de Dolores Esperante de Taragoña, regresaron para a terra do pai para facerse cargo da fábrica de cortiza que rexentaban os seus antepasados na parroquia de Chapa. Era un punto estratéxico para confeccionar as cortizas, pois contaban na comarca, con abundantes sobreiras, coa que se facían os corchos.
Velaquí un anuncio de 1888 que publicou o avó do noso protagonista. O avó tamén se chamaba Miguel, como podemos ver e a fábrica recibía o nome de Las Hermitas:
Miguel O Corcheiro, o de Taragoña, traballaba na fábrica e era o tamén o encargado de repartir pola zona o xornal “Mundo Obrero” (órgano do Partido Comunista). En 1935 ingresa no Partido Comunista e esperta xa nel o entusiasmo político que máis tarde o convertería nun soado guerrilleiro nas comarcas do Deza-Trasdeza e Tabeirós.
Co estalido da Guerra Civil, Miguel é detido o 21 de xullo de 1936, xunto con algúns membros da Frente Popular, acusado de participar na requisa de armas para defender a capital pontevedresa. Lévano a Silleda onde permane cinco meses detido. Despois estará preso tamén na Illa de San Simón. Xunto cos demais compañeiros de Silleda, máis tarde é destinado ao Batallón de Tabajadores de León, axiña ao de Ourense e por último a Miranda del Ebro por atoparse e por ser da quinta do 36, polo exército de Terra.
En 1940 o seu pais, Alfonso Nicolás López, realiza unha instancia pedindo a posta en liberdade do seu fillo Miguel por descoñecer de que é acusado. Ademais, cre que se hai que sancionalo, o castigo está máis que cumprido polo seus traballos no Batallón de Traballadores 3ª Compañía, en Aranxuez.
De volta en Bandeira, os gardas civís e franquistas da zona facíanlle a vida imposible. Propinábanlle continuas malleiras e golpes, polo que non podía levar unha vida normal. Farto, Miguel pronuncia esta frase: “A min non me mallan máis” e botouse ao monte.
Entre 1943 e 1944 orixínase a creación da agrupación de guerrilleiros coñecidos popularmente como Os Corcheiros da que forma parte Miguel e o seu cuñado, Eugenio Rueda.
As primeiras actuacións consisten en tratar de obstaculizar o traslado do mineral de wolframio cara aos portos de Vigo e da Coruña tan solicitados pola industria de guerra da Alemaña nazi. Non teñen moito éxito e comezan a realizar asaltos para seguir adiante. Roubaron, entre outros, no coche de pasaxeiros que ía á Feira dos Carballiños en Vilatuxe (Lalín) ou no coche de liña na estrada do Monte da Rocha (Silleda). A guerrilla tamen mata un garda civil en 1944, polo cal son detidas e executadas dúas persoas.
En 1948 Miguel recibirá unha carta Ejército Guerrillero de Galicia, IV Agrupación, onde é convidado a unha entrevista cos membros do destacamento, firmada por Foucellas. As ordes naquel tempo de Antonio Seoane, Xefe militar da Guerrilla en Galicia, son dar golpes cada vez máis soados coa intención de chamar a atención e conseguir desviar a atención da represión a outros puntos de Galicia.
Pero no Deza tamén pretenden executar a varios falanxistas aos que acusan de seren os organizadores dos “paseos” en Silleda. Precisamente, o 9 de abril de 1948, no asalto á casa dun delees, de Benito Rivas Fondevila, resulta ferido de morte por disparos de escopeta Miguel O Corcheiro. O cadáver de Miguel presentaba máis feridas das que podía facer Rivas e, segundo a historia local, o guerrilleiro fora rematado polos propios compañeiros, xa que na autopsia presentaba máis de cinco feridas de arma curta. Coa súa morte, poñíase practicamente fin á actividade guerrilleira na comarca do Deza.
Fonte: “A guerrilla na Comarca do Deza”.
Deixar unha resposta