Análise dos resultados das municipais en Rianxo e votos por parroquias

30 Mai

Pasados uns días dende as eleccións locais en Rianxo, imos tratar de analizar algúns datos destas votacións. 

En primeiro lugar, é importante destacar un dato obvio: nas eleccións de 2023 presentáronse dous partidos menos que nas eleccións do 2019. Nesta ocasión non concorreron nin Ciudadanos (que obtivera 354 votos) nin Compromiso por Galicia (que conseguira 171 apoios).

Así quedaron os resultados hai catro anos: 

  • BNG 2.221 votos
  • PP: 1.391 votos
  • PSOE: 1.287
  • Rianxo en Común: 896
  • Ciudadanos: 354
  • Compromiso por Galicia: 171 

Nesta ocasión os electores tiñan menos opcións nas que escoller. Non sabemos se isto afectou ou non, pero a participación baixou un chisco, ata o 67,70% dos que estaban chamados a votar. En concreto, houbo 117 papeletas menos que nos anteriores comicios. 

Tamén aumentaron un pouquiño os votos en branco (64 no 2023 fronte a 49 no 2019) e os votos en nulo (74 vs 67). 

En canto aos resultados deste ano, se tomamos en conta a orde dos catro partidos máis votados no 2019, vemos que se invertiu a orde. A pesar disto, hai tres partidos que tiveron resultados moi semellantes, con máis dun 28% de apoio da cidadanía. A diferenza de votos entre a formación máis votada (ReC) e a terceira con máis apoios (PP) foi tan só de 43 papeletas: 

  • Rianxo en Común: 1.810 (28,98%)
  • PSOE: 1.790 (28,66%)
  • PP: 1.767 (28,29%)
  • BNG: 814 (13,03%)

comparativa_locais_rianxo_2023_2019

Por outra banda, esta foi a diferenza de votos con respecto a hai catro anos: 

  • Rianxo en Común: +914 votos e +3 concelleiros
  • PSOE: +503 votos e +1 concelleiro
  • PP: +376 votos e + 1 concelleiro
  • BNG: -1.407 votos e -4 concelleiros

Cos datos de arriba é sinxelo constatar que o gran vencedor foi Rianxo en Común, que multiplicou por máis de dous o número de apoios e tamén viu como crecía o número de concelleiros na corporación. Poal súa banda, o gran perdedor foi o BNG, que pasou de contar con 1 de cada 3 votos en Rianxo a ser a formación con menos apoios, un claro síntoma de que sufriu un alto desgaste nesta última lexislatura. 

Pola súa banda, o PSOE pasa a ser o segundo partido con máis votos, a só 20 papeletas de Rianxo en Común. O cambio de candidato e unha campaña na que se desmarcaba das decisións tomadas dende a coalición de goberno é unha das posibles razóns que poden explicar que non sufrise o mesmo desgaste que o BNG. 

Por último, o PP tamén presentaba un candidato novo, neste caso do propio concello, o que axudou non só a mellorar os resultados de 2019, senón tamén a superar os de 2015. 

Se analizamos os votos por mesas electorais, destacamos o seguinte: 

  • PSOE: gañou nas tres mesas de Taragoña, destacando sobre todo as de Outeiro e Campo de Pazos A, onde sacou practicamente o dobre de votos que Rianxo en Común. Tamén tivo un alto apoio en Isorna e Leiro. 
  • PP: gañou tamén en tres mesas. En concreto nas de Isorna e de Leiro, xunto coa mesa 2-B de Rianxo. Destacar tamén os numerosos apoios nas tres mesas de Taragoña, onde foi a segunda formación máis votada, así como nas mesas do Araño e en varias de Rianxo. 
  • Rianxo en Común: foi a opción máis votada nas dúas mesas do Araño, nas dúas mesas de Asados e en cinco mesas de Rianxo. 
  • BNG: en ningunha mesa conseguiu chegar aos 100 votos e o mellor resultado foi nunha das mesas do Araño, onde foi a segunda opción xunto ao PP (80 votos). 
MESARECPSOEPPBNG
OUTEIRO10220619159
CAMPO DE PAZOS A611168644
CAMPO DE PAZOS B951049542
ISORNA7010213747
LEIRO12116117177
ARAÑO A132689875
ARAÑO B127538080
ASADOS A1191078974
ASADOS B1161138762
RIANXO 1-A20617016056
RIANXO 1-B19716117153
RIANXO 2-A1191099328
RIANXO 2-B1059411629
RIANXO 3-A1201098443
RIANXO 3-B12011710945
TOTAL1.8101.7901.767814

Aínda que sexa aventurar demasiado, entendemos que boa parte dos votos perdidos do BNG foron parar a Rianxo en Común e unha parte tamén ao PSOE. Ademais, Julián Bustelo (ReC) foi o máis votado na súa parroquia, no Araño, e Oscar Rial (PSOE) en Taragoña, parroquia na que vive. Pola súa banda, o PP canaliza os votos de Ciudadanos, que nesta ocasión non se presenta, e seguramente tamén o apoio dalgún votante que castigou aos partidos que gobernaban Rianxo. Por último, o BNG sufriu un duro castigo, perdendo case dous de cada tres votantes que lle deron o seu apoio no 2019.

Deixar un comentario