Como cada ano, por estas datas, toca vendimar e facer o viño. Velaquí unha serie de fotografías nas que pretendo recompilar dun xeito breve o traballo que se fai na vendima.
O primeiro, claro está, é coller as uvas na viña unha vez que están maduras.
Hai que sacar as uvas verdes e tamén as podes e meradas. Unha vez escollidas as piñas de uvas boas, vanse almacenando en capachos ou seiras.
Cando xa temos un bo feixe de uvas, hai que pasalas pola esmagadora. Vamos, que se trituran. Antes nós faciámolo cun pau pero isto é máis rápido. E o de esmagalas cos pés si que teño que dicir que nunca o vin.
Aquí podedes ver a parte inferior da esmagadora, por onde pasan as uvas.
As uvas esmagadas van quedar nun barril de viño durante uns días. Cada certas horas, cun pau, hai que remexelas.
Pasados uns tres días, as uvas fermentan ou ferven, como dicimos na miña zona. No barril aparece esta especie de escuma. Cando desaparece é que o viño xa está listo para correrse.
Na parte inferior do barril nos temos un burato polo que deixamos saír o viño xa listo.
Unha vez que deixa de saír o viño, toca coller o bagazo (tamén chamado bagullo), que son os restos da uva . Estes restos aínda teñen moito viño que poderemos extraer mediante a lagareta.
Unha vez que teñamos o bagazo na lagareta, taparemos esta pola parte de arriba cunha serie de madeiras e comezará o prensado.
Segundo queiramos máis ou menos viño haberá que facer máis ou menos forza. Hai que ter en conta que co bagazo, meses despois, se pode facer tamén augardante, así que hai quen o quere máis seco e quen o prefire menos. O dito, unha vez prensado, o viño vai ao barril onde é preciso que arrepouse uns días e xa se pode beber.
Pareceme un bó artigo, e con moi boas fotografías.
moi boa serie Oscar, ahora so nos queda probalo; se non parece que lle falta algo. Saudos.
Moi boas as fotos. Eu si lembro que de pequeno me metían a pisar o viño cos pés aínda que fai moitos anos que non se fai viño na casa.
Nós, ó que ti lle chamas esmagadora, chamámolle estrugadora. Curioso, do Araño a Asados xa cambia o nome. Nunca o oira. Preguntarei aos amigos a ver como lle chaman eles…
Nós é que tamén lle chamamos así, pero estiven buscando a palabriña e vin que no galego non existe, así que puxen unha normativa 😉