Valoración do BNG deste primeiro ano de goberno municipal en Rianxo

13 Xuñ

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, valora como foi este primeiro ano á fronte do goberno municipal.

– Como foi este primeiro ano de Goberno en Rianxo?
– Pois tocounos vivir un dos períodos máis críticos da economía mundial neste século. A ninguén se lle escapa que isto está a ter enormes repercusións sobre o global e tamén máis no local: recortes nas achegas das administracións aos concellos en moitas materias, anulación ou reformulación de proxectos, falta de investimentos do Estado e da Xunta, anulación de proxectos inmobiliarios (e perda de ingresos), falta de créditos para emprendedores e empresas… mentres rebaixan os recursos aumentan as demandas en axudas sociais e a atención a desfavorecidos.

E todo cun equipo de goberno novo que está a aprender a marchas forzadas a navegar no peor momento dos concellos da democracia. A situación hoxe obriga a ser moi prudente cos recursos, a priorizar e tamén a pospoñer proxectos que nos gustaría poder encamiñar, ou a ralentizar actuacións que quereriamos facer axiña. Por exemplo limpeza de camiños e pequenas obras no rural: onde a Xunta subvencionaba o ano pasado 18 operarios este ano avisa que só serán 6. O traballo así reséntese.

– En que cousas se avanzaron e que cousas quedaron pendentes de facer?
– Temos tres anos por diante, seguro que iremos avanzando en máis aspectos conforme vaiamos madurando como equipo e se vaia desbloqueando a situación económica que afoga o país. Tamén expliquei nun dos últimos plenos que as contas do concello, tal como está planificado o pago das débedas a longo prazo, terán un marco moito máis favorábel a partir do 2015. De pagar un millón anual pasaremos a 300.000 e axiña a menos de 190.000 mil, co que se liberarán moitos cartos para investimentos e gastos correntes que até entón están presos dos compromisos bancarios. Este é o mandato que nos tocou vivir: o da crise.

E, de todos é sabido que hai investimentos que non dependen da vontade do Concello: teñen que intervir outras administracións como a Xunta ou a Deputación. Falo do Centro de Día, con proposta do noso concello dunha parcela en Rianxiño para que o faga, ou o saneamento e abastecemento do Araño. Só con cartos de fóra se poden facer, pero isto é aquí e en todos os lados, igual que se subvencionou en Boiro, Lousame, Dodro, Pobra… a Xunta debe comprometerse con Rianxo. É de xustiza polos seus habitantes. O Concello pon un terreo seu e de balde, non é mala oferta! Estamos a facer os deberes e petando en moitas portas: consellerías, direccións xerais, consorcios,… o problema é que, segundo din, tamén eles teñen as contas xustiñas e non hai porque non crelo.

Acabamos tamén de solicitar da Mancomunidade Serra do Barbanza un estudo de custes dunha nova recollida do lixo, pois entendemos é o máis respectuoso co medio ambiente e ofrece un nivel de separación e xestión mellor que a incineración en SOGAMA. Cando teñamos os datos tomaremos a decisión.

Non desboto nada do programa a priori, só que está a custar máis do que se pensaba e obrigando a ralentizar actuacións, estudar moi ben onde investir, buscar recursos e non asumir competencias a maiores que lastran a actuación municipal. É algo que estamos aprendendo a diario: un bo baño de realidade!

– Houbo boa sintonía co PSdeG?
– Si, penso os dous partidos, BNG e PSdeG, entendemos que era necesario avanzar cun único proxecto colectivo e poñerse á fronte do Concello con sensatez e sentido común neste contexto actual. Non hai outra, as dificultades existen en todos os concellos, da cor que sexan, non coñezo a ninguén que teña varas máxicas polo que toca vogar na mesma dirección.

– Dende o PPdeG din que a súa actitude non foi colaborativa con eles. Como a valora vostede?
– Eu entendo que cada quen ten que xogar un papel. E á oposición de Rianxo tócalles exercer de oposición e salientar as diferenzas e o negativo máis que o que positivo. Reciben comodamente nas súas casas antes de cada pleno informes, propostas, actas… Acceden libremente aos funcionarios municipais para preguntar, informarse…

A min tocoume ser oposición municipal e estar o BNG no goberno da Xunta con Pérez Touriño. O papel que xogou o BNG na oposición de Rianxo foi facilitar tamén determinados investimentos que eran bos para Rianxo, non atrancar portas, senón abrilas. Pero vexo que entendemos de distinta maneira a política e a maneira de exercer de oposición.

Tamén vexo que fan moito fincapé na falta dunha auditoría despois das eleccións. Certo, non se fixo, porque a mellor auditoría é a que acabamos de realizar, mandando todas as contas e as débedas a que as fiscalice, estude e aprobe o Ministerio de Facenda do PP en Madrid. O mesmo estamos a realizar coa Xunta de Galicia e o Consello de Contas. Os concellos hoxe están perfectamente estudados.

Co proceso do Plan de Axuste mandamos todas as facturas do 2011 e anteriores a Madrid dando pé a que as empresas reclamen senón aparecen na lista! Pero como dixen antes, a cada quen lle toca xogar un papel e o o do PP en Rianxo é ser oposición e, polo tanto, parecerlle mal que se busque saír adiante.

– Tamén comentaron dende a oposición que quixeron solicitar un crédito ás súas costas, no último momento e en contra do consello da interventora municipal. Que ten que dicir a este respecto?
– Cando máis de 4.000 concellos de todo o Estado se acollen a uns plans de axuste promovidos polo goberno de Rajoy, aprobados logo polo Ministerio de Facenda do PP, no que incluso abren un prazo novo para os que non se lles aprobou nos plenos… dicir que é ás súas costas paréceme incríbel, cando se aproba nun pleno público ao que deberían ter asistido.

Outra cousa é que, isto sábeno, os prazos do Ministerio para acollerse ao Plan de axuste e solicitar o crédito foron tan reducidos e cambiantes que houbo que convocar plenos en horas, dun día para outro e elaborar contas, plan de axuste, pago a provedores… E isto obrigaba a aumentar o ritmo de traballo do goberno e da oposición e claro, eran moitos plenos. Afortunadamente, o Plan de axuste de Rianxo foi aprobado polo goberno de Madrid.

Dicir que Rianxo se acolleu ao Plan de Axuste do PP do Estado pois non había outra, ou pagábamos a dez anos co crédito a interese que eles escolleron, co banco que eles escolleron ou pagábamos nun só ano de vez (reténdonos mensualmente a metade do que o estado nos da para soster o concello). A escolla non era moi difícil! Escollemos que non nos afogaran neste 2012 e nos anos seguintes ir pouco a pouco mellorando.

– Un dos seus obxectivos era abrir a participación da política á cidadanía. Considera que se está a conseguir?
– O primeiro que fixemos foi impulsar plenos mensuais o último xoves de cada mes onde teñen voz os propios veciños, ademais de dar posibilidade á oposición de formular preguntas, peticións, etc. O normal era cada dous meses, mais entendemos que melloramos así a participación xeral, aínda que dea máis traballo, aínda que o PP poida intervir neles e propoñer. Non importa: faise porque cremos nese traballo.

Neste momento tamén se está a impulsar o Consello de Educación, para que comece a funcionar no vindeiro curso escolar. Non vai acabar hí a aposta decidida pola participación que temos e o diálogo permanente e colaboración co tecido social rianxeiro.

– Outra das prioridades era rematar a lexislatura co PXOM feito. Como van os traballos e os prazos con este tema?
– Pois avanza segundo o ritmo previsto no plan de traballo do Concello e da empresa técnica que o está a elaborar. Logo do avaliación ambiental que xa emitiu a Xunta contamos ter nova documentación lista para a remitir outra vez á Xunta entre outubro e decembro deste ano para que ela elabore o seu informe previo. Logo volta ao Concello para encamiñarse á aprobación inicial. Pero ollo, que se aprobe inicialmente entre fins de ano e comezos do 2013 non significa que todo sexa coser e cantar, aínda restará moito prazo. O horizonte segue a ser o 2015, todo o mandato. Non imos enganar nisto, está en xogo o Urbanismo de Rianxo, o PXOM de referencia para os próximos 15 anos. Pasaron 27 anos sen cambialo, o que dá moito respecto polo tempo perdido. Bo tino, sentido común, diálogo, prudencia e pasos firmes e seguros. Segue vixente o que dixemos: un Rianxo para os que viven e para os que queren vivir en Rianxo, no urbano e no rural.

– Todos sabemos que estamos a vivir unha difícil situación económica na que predominan os recortes. En que vai recortar o BNG e que cousas serán intocables?
– Tentaremos recortar no superfluo, mantendo na medida do posíbel os servizos e buscando optimizar os dispoñíbeis buscando outros novos. Tampouco temos desde o BNG vontade de contables ou de recortadores profesionais. Nós queremos investir ben os recursos, non cortar por cortar. O que non fai nada si que é caro e despilfarrador para o erario público. Un exemplo claro: acabamos de deixar aparcado un proxecto de ampliación de paseo marítimo para solicitar centrar os recursos de Costas do Estado en manter o actual Rianxo-A Torre e mellorar o paseo Fincheira-Tanxil. Outro exemplo: co traslado do mercadillo acabamos de aforrar unha cantidade importante que se levaba Portos de Galicia e que agora reverterá no comercio de proximidade de Rianxo. Son medidas no bo camiño.

Outros poden pensar que o gasto en cultura, en educación en servizos sociais son superfluos, prescindíbeis, recortábeis. Nós non. Para o BNG estes cartos son fundamentais, igual que unha pista asfaltada ou un bo servizo de saneamento. Até o final resistirémonos a retocar as prestacións sociais da veciñanza no que é axuda a domicilio, programas de alfabetización, os cursos de memoria. Con ou sen subvención da Xunta tentaremos mantelos por ir dirixidos ás persoas con maior risco de exclusión. Eles non deben pagar as crises ou as estafas dos outros.

Do mesmo xeito, iremos avanzando na dotación de servizos de saneamento e abastecemento nas aldeas. Mais neste caso é fundamental a implicación tamén doutras administracións que son as que administran tamén recursos europeos para iso, como axudaron a Rianxo para Leiro e Isorna, ou como se van implicar na mellora da depuración con case catro millóns a investir en Rianxo de aquí ao 2015.

E tamén é importante que se saiba que o Concello nos últimos dous anos non recibiu axuda ningunha para amaños en colexios. Os tres colexios públicos e as dez unitarias estanse a soster cos cartos de Rianxo. Anualmente máis de 300.000 euros van a ensino, cando é a Xunta a que ten transferidas as competencias. Moitos concellos reclaman hoxe que se faga cargo dos custes dos seus centros.

– Que pode agardar a cidadanía rianxeira para os próximos tres anos de lexislatura?
– Que veñen tres anos difíceis pola situación xeral económica, que nos fará falta paciencia ás veces, pois estamos moi limitados para prestar servizos que antes eran inmediatos, mais que se poñerá toda a imaxinación, rigor no traballo e capacidade de diálogo perante outras administracións para reclamar o que en xustiza nos corresponde a Rianxo.

Imos no camiño certo na elaboración do Plan Xeral que será o referente urbanístico dos 15 anos vindeiros. Unha materia pendente que pretendemos aprobar para mandatos futuros.

Advertisements

Unha resposta to “Valoración do BNG deste primeiro ano de goberno municipal en Rianxo”

  1. Carlos 07/18/2012 ás 14:20 #

    O bng de Rianxo está mellorando pouco a pouco as cousas, falando e sobre todo e o máis fundamental sen recortar prestacións sociais!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: