Ángel Baltar Cortés, fillo predilecto de Rianxo

30 Mar

Cando alguén de Rianxo fala de Baltar, a todos se nos vai directamente a cabeza ao pazo que hai xunto á praia de Tanxil. Pero o de seguro que non sabedes é que na fachada do concello hai unha placa conmemorativa en agradecemento á súa persoa e que se lle puxo en vida. Vamos, que foi un home moi importante para Rianxo.

baltar1 baltar2

Na placa, en castelán, pódese ler: “Rianjo, a don Ángel Baltar Cortés, sabio cirujano, honra de Galicia y gloria de España. En testimonio de gratitud por su constante cariño a esta villa. Año de 1929”. Despois explicaremos o motivo exacto desta placa, porque antes queremos falar de Ángel Baltar.

Foi o penúltimo fillo dunha familia acomodada (o pai era farmacéutico e mesmo foi alcalde de Padrón) de oito irmáns e naceu en Padrón, o día 12 de marzo de 1868. Estuda Medicina en Santiago, carreira que acaba en catro anos. Durante un curto período de tempo exerce a docencia, xa que gaña unha praza como profesor axudante de Fisioloxía, aínda que despois é médico rural en Rois, ata que pasa a ser médido no Hospital Real de Santiago de Compostela, onde foi director durante varios anos.

En 1908 inaugura o primeiro sanatorio quirúrxico de Galicia e chega a converterse no “máis prestixioso cirurxián de Galicia da súa época”. Mesmo foi inventor de aparellos médicos como, entre outros, unha pinza de fixación do globo ocular para a operación de cataratas, un aparato dispensador de agua estéril para que os cirurxiáns puidesen lavar as mans ou un gancho para extracción de moedas e doutros corpos estraños.

angelbaltar

Era tamén amigo dos Castelao e dos Dieste. Como aficionado da poesía, publicou poemas adicados á Virxe da Guadalupe, ás xentes da ría de Arousa e mesmo a Castelao. Morre en 1934, mentres realiza unha operación, ao sufrir un derrame cerebral.

Todos estes datos son do doutor Fernando Ponte Hernando (fonte orixinal), quen ademais escribiu o libro Dr. Angel Baltar Cortés (1868-1934) Maestro de cirujanos. Colección Scripta. Ediciones Inéditor, da Coruña.

Non obstante, aínda queda chegar ao motivo polo que foi nomeado fillo predilecto de Rianxo. Ángel Baltar, ademais de ser un gran cirurxián, tamén era un home moi xeneroso, ao que os historiadores locais Xesús Santos e Xosé Comoxo cualifican de “anxo da garda da vila rianxeira” no seu libro Biografía de Arcos Moldes (Rianxo: apuntes dunha vila mariñeira). 1865-1944

Nesta obra podemos ver como Baltar constrúe o seu pazo en Rianxo (si, ese que está ao lado de Tanxil) en 1913 e como axuda economicamente unha e outra vez ao Concello. Así, pon cartos para “a instalación dun novo alumeado público na vila: o eléctrico”. Pero tamén ten un gran comportamento como médico cos veciños na gripe de 1918 e mesmo vai co alcalde a visitar o Gobernador Civil e o Presidente da Deputación para solicitar axudas para distintas actuacións e obras da localidade.

Por todo iso será nomeado fillo adoptivo (1925) e tamén fillo predilecto (1927) de Rianxo. Prestará de novo cartos do seu peto para que se repare parte do camiño a Tanxil, desfeito polas chuvias do inverno de 1927. Finalmente, o Concello decide encargarlle ao escultor Francisco Asorey “una placa de mármore con aplicacións de bronce, que perpetuase o agradecemento do pobo por ese constante labor en favor da vila”. Colócase en 1929 nun acto multitudinario.

Advertisements

Unha resposta to “Ángel Baltar Cortés, fillo predilecto de Rianxo”

  1. Edu 03/31/2013 ás 21:43 #

    Gracias por darnos a coñecer algo máis do noso Concello.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: