O pasado 13 de decembro presentouse no Auditorio de Rianxo Sobre ruínas, o novo poemario de Xesús Rábade Paredes, escritor cospeitense, pero rianxeiro de adopción.
Cinco persoas estaban na mesa, incluíndo ao autor, as contribucións de Adolfo Muiños, Henrique Alvarellos, Fernando Lavandeira e Helena Villar Janeiro foron ben interesantes e acaídas. O primeiro deles, en calidade de alcalde e mantedor do acto, ademais da presentación e os agradecementos de rigor, fixo unha breve pero interesante aproximación de urxencia –pois urxente recoñeceu que foi a súa lectura– aos novos versos de Rábade, resaltando o seu carácter reivindicativo, socialmente comprometido, achegado ao país e ás súas eivas, pero tamén deixando un necesario oco á esperanza e á posibilidade de voltear o fanado presente que vivimos.
Pola súa banda, Quique Alvarellos, editor da obra, fixo una rápida narración do proceso que posibilitou a aparición do libro, insistindo tamén nese carácter belixerante e reivindicativo que mesmo o levaba a entroncalo –ben que salvando a notable distancia poética– cos manifestos dos indignados.
Helena Villar Janeiro, muller do poeta e poeta á súa vez –memorables son as obras escritas conxuntamente, dando lugar a un fenómeno nada común no mundo da literatura galega–, coa súa fondura académica e desde a autoridade que lle proporciona o mellor coñecemento posible do autor e do seu proceso creativo, desenvolveu unha cumprida análise descubrindo os anos de elaboración –como despois confirmaría o propio autor, algún poema tiña xa máis de doce–, a dedicación case de ourive, de artesanado paciente, que levaba unha e outra vez a Rábade a visar e revisar o escrito baixo unha escasa presa pola súa publicación, as calidades formais dos poemas –conviven logrados sonetos con poemas de verso libre, composicións de catro versos con outras de longo alento– ou a variedade temática, pois sen deixar o ton xeral de denuncia e de chamada á rebelión fronte a inxustiza que están a cometer os poderosos, o libro tamén abrangue referencias xeográficas aos territorios persoais, a lembranza dos propios –o pai, a nai– ou a memoria colectiva dos que tiveron que deixar a terra para sobrevivir, confirmando ao seu parecer –e non podemos estar máis ca de acordo– o que para ela será unha obra chamada a ter un lugar significativo na produción poética galega.
Finalmente, ou autor, despois de agradecer as intervencións precedentes, foi recitando diversos poemas ao tempo que engadía algunha apreciación sobre a obra en xeral ou o poema en particular. Así é como soubemos, a través da voz característica e poderosa de Rábade, que máis de cen poemas foron descartados da versión inicial; ou que estaba no seu ánimo amosar a denuncia e desesperación que lle producían os descastados e os desclasados; ou a vindicación de que o intelectual se comprometa de forma irrenunciable coa remisión da inxustiza que o rodea, pois, se non é así, carece de sentido o seu labor, salvo para venderse ao presebe do poder e do capital –fenómeno, diremos nós, ben coñecido na cultura galega das últimas décadas e mesmo do presente–. A este respecto, a primeira parte do libro, titulada Poética(s) é unha auténtica e admirable declaración do seu compromiso persoal: Só serás o que soñas, poeta. O teu oficio / ha de impedir que a escasa luz se extinga / e abesullar na noite camiños de luzada.
En definitiva, e como foi sinalado na mesa, unha obra de apenas sesenta poemas en cen páxinas que causa fascinación e alivio. Fascinación, porque fascinante e intensa –ademais de moi próxima– é a poesía de Xesús Rábade Paredes en xeral e a deste libro en particular, que se sitúa, seguindo a periodización temática que o propio autor fai de si mesmo, nese momento de nostalxia e certa melancolía que emerxe dos anos transcorridos. Sen embargo, máis alá desa señardade, e mesmo do amor e da reivindicación social –as outras grandes temáticas que recoñece propias e que tamén están presentes nesta obra–, Sobre ruínas está recorrido por una vaga axitadora, mesmo iracunda, que pretende bater con toda a violencia da palabra contra a nosa conciencia anestesiada e adormecida entre telelixo prime time e claudicación inducida a golpe de telexornal, periódicos e primas de risco. Neste aspecto –e velaí está o alivio– si é unha obra necesaria, esperada e agardemos que inaugural desa trincheira na que os centos de poetas e intelectuais que, disque, hai neste país, xa deberían estar batallando ao par de Rábade contra a gadaña certeira do neoliberalismo predador que nos impoñen.
Nestas datas de confuso amor universal e suposta boa vontade, non sería pouco acto de rebeldía agasallar con este poemario. Apenas 11 € por toda unha lección de ética, poesía e, si, tamén esperanza, que acaerá ben en pais, nais, esposas, fillos, amantes, amigos e mesmo inimigos. E como complemento, un breve pero intenso limiar da excelente poeta María do Cebreiro –da propia raza do autor– e unha fotografía nada anecdótica de Helena Villar Janeiro. Aseguramos que ha ser moito máis útil e gratificante que un cafeteira a cartuchos. E moito máis necesario.
(fonte: F.R. Lavandeira)
Queremos tamén dende o blog dar as grazas a Fernando Lavandeira, membro da mesa de presentación que gustosamente se ofreceu a redactar o texto que tan ben acae ás nosas fotos neste post.
Deixar unha resposta