Hai poucos días, neste mesmo blog, démoslle a benvida a unha nova páxina no facebook que recompilaba imaxes de Rianxo para amosar a súa historia. É algo que nos gusta moito, que haxa iniciativas que difunda tanto o patrominio cultural, como humano e histórico do noso Concello. O que xa non nos gusta tanto é que cando se difunden imaxes recoñecibles sen indicar a súa autoría ou sen pedir permiso e se comenta algo, a resposta que se teña non sexa a máis adecuada.
É o que aconteceu este mañá cunha imaxe de Xoán Antón Castro, que tamén publica neste blog, e que amosou a súa imaxe do Campo de Arriba nestas mesmas páxinas hai uns meses. O caso é que esta mañá se sorprendeu e moito ao ver a súa fotografía difundida sen recoñecerlle a autoría. Por iso simplemente indicou que lle debería poñer que a fixera el.
Moitos dos contidos que hai aquí publicados, que comparto tanto eu como Xoán Antón son Creative Commons. É dicir, que son contidos que están precisamente para difundirse e compartirse. Iso si, indicando claramente quen está detrás, quen é o seu autor, porque está feo iso de coller cousas dos demais e non dicir de onde se sacan ou dar a impresión de que son dun cando non é así. Ademais, un erro pódeo ter calquera e podes non saber quen a sacou ou quen está detrás. Todos somos humanos, claro está.
O caso é que Xoán Antón, estrañado, en canto que seguidor desa páxina no facebook, indicou precisamente isto, que debería indicar a autoría. A resposta lóxica sería: “Claro, como non. Desculpa, que xa llo poño agora, porque non sabía que era túa”. Pero para a súa sorpresa, a publicación desapareceu sen que se lle deran máis explicacións. Así que preguntou por privado e a resposta non puido ser máis desafortunada: “Para entendido xa che temos a ti. Ocúpate do teu que eu xa me ocupo do meu. Ti tamén tes algunha foto que xa colgara eu antes”.
O normal sería arranxar con educación e con boas formas o acontecido, porque non deixa de ser seguramente un malentendido nunha cuestión que non debería ir máis para alá. En lugar dis, ao meu entender, a resposta foi desafortunada e con formas que deixan bastante que desexar. Por iso ao final decidimos publicar aquí o que acontecera. Realmente somos seguidores desa páxina, por iso a nosa sorpresa foi aínda maior.
Por outra banda, neste blog temos difundido cousas moi interesantes de Rabunho Rexeita, material que nos pasou Rafael de Disteva, Nuco, Carlos Coto, de Miguel Somoza e Suso Santos… E sempre intentamos recoñecerlles o mérito polo seu traballo. Internet está para difundir, coñecer e aprender. Agora, nunca está de máis ser respectuosos coas persoas que difunden, crean, dan a coñecer e nos permiten aprender. E se non se sabe quen está detrás, non pasa nada que, como dicimos, é imposible sabelo todo, pero falando todo o mundo se debería entender.
Os contidos Creative Commons non están libres de dereitos, é máis, utilizan as leis do copyright para garantir que o autor mantén a propiedade intelectual, que é intransferible e irrenunciable. Por iso quen divulga ou utiliza un contido CC sen mencinar a autoría (no caso dos CC-BY) ou para as fins inapropiadas (CC-NC) está a atentar contra as propias leis do copyright.
Os únicos contidos libres de dereitos de autor son os de Dominio Público.
Nada, por puntualizar.
Toda a razón, Carlos. Moi ben apuntado!