Entrevista con Carmen, A Pachina

25 Ago

Se dicimos Carmen Meda Ces, de seguro que pouco saben de quen falamos. Pero se a identificamos como Carmen A Pachina (6 de novembro de 1932) de seguro que todo o mundo a recoñece. O ano pasado foi unha das persoas que formaban parte da exposición de Ruando Rianxo. Hoxe, queremos facer pública a conversa que tivemos con ela, e que se nos perdera xunto cunha gravadora que agora atopamos. É unha persoa con carácter, que demostrou que a muller é o sexo forte sempre e cando lle deixan traballar e facer cousas. Ata andou ao estraperlo e foi a primeira fémina na zona en conducir en coche. Coñecémola un pouco máis. 

– Cando comezou co negocio? Porque antes do restaurante tiña un ultramarinos, non?
– Si. Nós casamos e fomos para unha casa de renda na que non nos cobraban e eu daquela puxen alí un ultramarinos, que atendía o meu home. Comezamos a traballar alí e levábamos ata as aldeas da montaña gas e aceite.

– De que ano estamos a falar?
– Puf. Tería eu uns 25 anos, e teño agora 81. Como vos comentaba, ía tres días a semana ata Vilachán, á montaña, con gas, aceite e xabón. Despois tamén compraba millo e centeo, que me ía buscar un home de Cespón nun coche pequeno. Máis adiante, unha avoa miña dounos unha leira e fixemos a casiña e comezamos a comprar arredor e a construír. Tivemos un bar e abaixo puxemos o ultramarinos.

– Sempre foi unha muller moi emprendedora.
– Si. Aos 31 anos xa tiña carné de moto, e aos 36 carné de coche.

– Lemos que unha vez, cando andaba en moto, chegou a Santiago con pantalóns e todo o mundo quedara abraiado.
– Quedou coa boca aberta ao ver que levaba pantalón, porque daquela non o vestían as mulleres. Había outra muller da Cabo de Cruz que tamén andaba en moto e que foi a que me levou a min a Santiago a sacar o carné de conducir. E no carné de coche, fun eu a primeira, tanto do Concello como de toda a comarca.

– E agora aínda anda en coche?
– Non, porque me teño que operar das cataratas. Pero andei ata hai 3 meses, que se non fora por iso…

– Vese que é unha persoa activa, que non pode estar parada.
– Si, sempre estou a moverme, a vixiar as cousas. Non paro, porque me custou traballo gañar o que construín. Gañámolo o meu home e máis eu. O meu marido era músico; cantaba e tocaba moi ben. E cando el ía tocar, eu non podía saír de aquí, xa que tiña que atender o negocio.

pachina

– Vostede era a que cociñaba no restaurante?
– Tiñamos cociñeiras. Eu axudaba algo se era necesario. Pero se estaba no bar non podía estar na cociña e había que xestionalo todo.

– Polo visto, miraba moito pola parroquia e cando algún político viña comer á restaurante Pachín, vostede preguntaba para ver se se podían facer cousas.
– Non houbo unha persoa que mirase pola parroquia coma min. Traballei a prol do centro cultural e tamén fun das persoas que conseguiu o terreo no que está a clínica médica de Taragoña. Un día, para o do porto, viñeron os responsables do proxecto e tamén chegou un que quería ser alcalde que me di: “Pachina, quen che mandou vir aquí?”. Ao que lle respondín: “E a vostede quen o mandou?”. Respondeume: “Eu vin porque tiña que vir”. E foi cando un dos de Santiago lle espetou: “Ela veu porque a mandamos nós. Isto conseguiuno ela”. Polo que colleu e marchou de alí.
Tamén falei co alcalde para ver se non podíamos facer o campo das festas en Campo Maneiro, porque xunto á igrexa había moi pouco sitio. Díxenlle: “Non poderíamos facer o campo das festas alá arriba?”. Fomos mirar e fixémolo. Alí puxeron unha fonte, a fonte Pachina, co meu nome.

– E nunca pensou en meterse na política? Votos de seguro que tiña.
– Arre carai! Pola de veces que me pediron cousas… Agora xa vou moi velliña. Quen me dera ter 40 anos! Daquela non pensaba niso, porque eu andaba ao meu. E se me poñía a mal con algunha xente, despois non viñan ata o meu negocio.

– O restaurante cando o montou? Despois da tenda de ultramarinos?
– Case, case, porque foi cando montamos o bar e levamos para abaixo o ultramarinos. Estaban funcionando as tres cousas: o ultramarinos, o bar e o restaurante. E cando deixamos o ultramarinos alugámolo a un panadeiro.

pachina2

– Aquí fixéronse miles de vodas.
– Miles de vodas!! Agora non as hai, porque se arriman. Así que xa non fan festa. O outro día tivemos unha, quedaron moi contentos e viñeron tomar un café. E xa lles dixen: “Pois que non volvades casar, que non se vos ocorra”, jeje.

– A verdade é que se trataba dun restaurante moi coñecido na zona.
– Xa bastante foi e fixemos. Pensade que casamos sen ter unha perra e sen ningún cacho de terra.

– Agora tocaralle desfrutar, despois de tanto traballar.
– Pero morreume o home hai uns catro anos. E síntoo moito (emociónase).

– Si, porque o que fixeron, foi entre os dous.
– Si, foi algo entre os dous. As fillas estudaron. Despois os netos tamén estudaron. E todo era a conta do que tiñamos nós.

pachina3

Advertisement

Unha resposta a “Entrevista con Carmen, A Pachina”

  1. Burata 08/28/2014 ás 15:26 #

    Da gusto ver esta muller e saber todo o que fixo, poucas coma ela…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: