Hai varias décadas, cando non existían electrodomésticos e había que lavar a roupa, os lavadoiros eran un punto de referencia para a veciñanza. Alí xuntábanse as mulleres coas sabas, roupa interior, pantalóns e saias para fregar e refregar contra a pedra, dándolle con xabón e cepillo. No noso Concello hai moitos lavadoiros e, aínda que parezan cousa do pasado, aínda hai xente que os usa.
Velaquí tedes o caso de María de Campo de Pazos. Atopeina no lavadoiro da fonte do Cura, que está ao lado da igrexa de Taragoña. A pesar do frío que facía, alí estaba ela, arremangada, metendo e sacando a roupa da auga e dándolle con brío.
Cando me acheguei coa cámara, pregunteille con respecto se lle molestaría que lle sacase unhas fotos. “E ló, por que me ía importar?”, respostou María, mentres levaba a man ao pelo, peiteándose.
Despois desta sorpresa inicial pola boa acollida que tivemos a miña cámara e máis eu, comecei a falar con ela. Díxome que a auga non estaba fría, que a do río viña temperada. Eu metín os dedos e tiven outra impresión, a verdade sexa dita. Pero acostumado como estou a tirar da auga quente do fregadoiro da cociña, teño que confesar que non son desa raza, que non son tan duro como as mulleres e homes do país, que traballan incansablemente e con poucas queixas.
María comentoume que era de Campo de Pazos, preto da de Meda. Díxome que a pesar de que tiña lavadora na casa lle gustaba ir polo menos unha vez á semana ao lavadoiro. E que nin moito menos era a única que o facía, xa que ata o lugar adoitaban ir outras dúas mulleres.
Supoño que no seu día era un punto de encontro importante para as xentes do lugar, no que traballar ao tempo que se comentaba todo o que acontecía na parroquia. Vamos, que era un faladoiro no que informarse e espallar as noticias.
Cando lle dixen que era do Araño, María preguntoume se na miña parroquia non se lavaba á man, e díxenlle que eu a verdade é que había tempo que non vía a ninguén nos lavadoiros que temos. Que a lavadora é unha cousa cómoda e que pensaba que ninguén os usaba hoxe en día.
Aí levei outra sorpresa, porque me dixo que en Iñobre si que se usaba e moito. Que se onde ela estaba ían tres mulleres, ao de Iñobre acudían moitas máis e que era habitual atopar algúen alí cada día. Vamos, que os lavadoiros non estaban en desuso nin moito menos.
Comentar tamén que María foi unha modelo estupenda. Non só se prestou ao obxectivo e foi unha estupenda conversadora, senón que ademais preguntaba se me tiña que mirar, ou como quería que se puxera para saír ben retratada. A verdade é que temos xente ben amable e acolledora. Así que se alguén a coñece, que lle comente que publicamos as fotos e que, unha vez máis, lle estamos moi agradecidos polo seu tempo e por posar 🙂
Deixar unha resposta