Taragoña, a parroquia enfrontada coa Igrexa Católica (parte 1)

25 Abr

taragonha

Hoxe queremos lembrar unha historia que aínda segue a dar que falar en Taragoña. E iso que xa van alá varias décadas, en concreto 45 anos. Pero foi un tema tan profundo e que callou tanto nesa parroquia, que aínda hoxe en día hai veciños que cando morren non fan funeral: entérranse directamente sen pasar pola igrexa e sen a cerimonia do funeral.

Para saber que pasou, tiramos man da hemeroteca, sobre todo de dous artigos do historiador e xornalista José Antonio Durán en El País.

En 1980 publicaba que se cumpría unha década do conflito que enfrontaba a Taragoña coa xerarquía da Igrexa católica. Durán explicaba que “pudiera ser este el más original de los conflictos sociales de la historia contemporánea de Galicia”. A consecuencia deste enfrontamento houbo, xa daquela, “230 entierros laicos, sin clérigo oficiante, donde la parroquia -en imponentes manifestaciones procesionales- se convierte en protagonista exclusiva del ritual”.

Cal foi a orixe de todo isto? Pois o traslado do seu cura don Vicente a Sobrado dos Monxes, en xullo de 1970. A parroquia tíñalle un gran cariño e este feito ocasionou un estoupido social en solidariedade co clérigo.

Don Vicente, polo visto, era un home moi querido polos veciños. Tiña moito carisma e era, sobre todo, bo coa xente de Taragoña. Antes del había outro cura que era o contrario, de carácter máis ben ruín e que miraba moito os cartos e pouco pola xente. Don Vicente chegou e unha das primeiras cousas que fixo foi deixar cobrar polos seus servizos eclesiásticos, “cosa que lo enfrentó inmediatamente con todos los compañeros de oficio de los contornos”, segundo se publicaba en El País. E foi por iso polo que se pensou que o movían a Sobrado do Monxes, porque era un mal exemplo fronte a outros curas de tipo “tradicional, interesado, acochambado, caciqueril”.

Vicente Sampedro. Imaxe de La Voz de Galicia

O propio Sampedro, nunhas declaracións a La Voz de Galicia, precisamente comentaba que o seu antecesor miraba máis polos cartos que polos de Taragoña: “Deuse unha circunstancia moi especial, porque os fregueses estaban cansados do meu antecesor, un sacerdote que levaba moitos anos e que era moi interesado”. No xornal, recollendo comentarios dos propios veciños, explican que o anterior cura estivera “uns corenta anos na parroquia e era o típico cura ao que lle había que levar os ovos e demais prebendas. Nunca lle perdoou nada a ninguén, nin sequera ás familias máis desfavorecidas en plena época de guerra e de fame”.

Don Vicente, pola contra, non cobraba polas misas, nin polas comuñóns, vodas ou enterros. Ademais, daba cousas aos que as precisaban e botaba unha man a todo aquel que lla pedía. Vamos, que en Taragoña pasaron da noite ao día, polo que era normal que estivesen encantados.

Noutra noticia de La Voz, vemos que Sampedro só estivo en Taragoña dous anos e medio. Pero nese tempo gañou a todo o mundo. Facía camiñatas de ata catro quilómetros para oficiar misa e evitar así que os veciños tivesen que desprazarse, fixo “colectas para comprarle pan a los necesitados o para instalar electricidad en sus viviendas e incontables gestiones para conseguir documentos oficiales”.

O anecdotario popular conta que cando o don Vicente foi cultivar a horta da casa parroquial para repartir patacas entre os pobres “atopouse con restos dun montón de ovos. O cura anterior prefería deixalos podrecer antes de dalos ou vendelos baratos”.

Imaxe de La Voz de Galicia. Marcos Creo

O propio Sampedro di que “creo que a historia agrandouse máis do que foi e creouse unha lenda”. De todos os xeitos, si que recoñece que moitos veciños de Taragoña estaban mal, que pagaban moito e que “non podía tolerar iso. Tamén había unha horta abandonada ao lado da casa do cura e decidín que había que traballala para que os veciños tivesen patacas e outros alimentos. Pero tampouco fixen tanto como din”.

Era tal a devoción que lle profesaban ao novo cura, que en Taragoña non querían que se marchase. Por iso, Sampedro tivo que facelo ás agochadas. Foi un 29 de setembro de 1970: “Tiven que saír escondido de Taragoña porque se non os veciños non me ían deixar. Queríanme moito, e sei que aínda me queren. Ata me tiñan ofrecido casa para quedar, pero eu sempre acatei as ordes dos meus superiores”. Iso si, en Taragoña non entenderon esas ordes e, dende aquela, comezou un enfrontamento directo coa Igrexa Católica.

Continúa lendo a historia aquí (parte 2).

Advertisement

2 Respostas a “Taragoña, a parroquia enfrontada coa Igrexa Católica (parte 1)”

  1. Manuel Suarez Pineiro 04/26/2015 ás 03:47 #

    Moi orgulloso de ser vicinho de Taragonha, xente da minha familia foi enterrada sin Cura, a cura esta na fe e na xente boa que acredita, non na igrexa nin na sua Mafia, Don Vicente abreulle os ollos da alma os vicinhos e as cousas na terra xamais voltaran a ser o mesmo e preocupante a forza desta Mafia que non axuda nada a elevar a moral da xente e si a denigrala sin lembrar as atrocidades dos misionarios e do D. Antonio o dos ovos na horta. E preciso lembrar que a boa xente non precisa desta Mafia pois Deus esta con cada un de nos sin pedirlle permiso a ninguen, pois en Taragonha ainda ahi boa xente. E Deus esta connosco e nos con El.

    • fotosderianxo 04/26/2015 ás 06:51 #

      Moitas grazas por comentar, Manuel. Subscribo o que dis do principio ao final. Moi ben dito!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: