Canto cobra un concelleiro en Rianxo?

27 Nov

Esta semana, Xusto Xosé Ordóñez Figueira, terceiro tenente de alcalde de Rianxo e concelleiro de Deportes e Patrimonio Histórico sorprendíamos ao publicar as súas nóminas. Fíxoo na súa páxina Rabunho Rexeita, para que así puidésemos coñecer de primeira man canto cobra polo seu traballo no Concello.

Na de setembro, que segundo comenta tamén se engloba o mes de agosto, aparece reflectido un total de 840€. Trátase de asistencia a dúas xuntas de goberno en agosto e a outras dúas en setembro.

Pola súa banda, na de outubro hai en total 210€ pola asistencia a unha xunta de goberno.

É dicir, non cobra directamente polo seu traballo como concelleiro, senón que o fai exclusivamente por asistencia á Xunta de Goberno Local, ata un máximo de dúas xuntas por mes, polo que desa cantidade nunca podería pasar o que cobrase.

Por outra banda, grazas á súa publicación tamén puidemos coñecer que os membros do pleno municipal de calquera partido cobran 105€ pola súa asistencia. Se hai comisións informativas, cobrarían 95€. Xusto Xosé Ordóñez aclara en todo caso que non recibe ningunha destas cantidades ao cobrar xa pola asistencia á Xunta de Goberno.

É de agradecer a súa transparencia publicando as nóminas do Concello. É bo poder coñecer en detalle este tipo de cousas, xa que ao final son representantes públicos.

Como dato curioso, algún veciño sinalou o feito de que as nóminas estivesen en español. Sendo o noso un concello que ten tanta estima polo galego, é curioso ver como conta con elementos que aínda non están normalizados, e no nome pódese ler claramente “AYTO. DE RIANXO”, cando podería estar “CONCELLO DE RIANXO”. Entendemos que non se fixo Roma nun día, así que agardamos que se vaian mellorando estes detalles para que a nosa lingua non sexa menos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: