Francisco Alcalde: “A nova lei de Acuicultura pon en perigo os sectores que viven do mar”

10 Feb

francisco-alcalde

Francisco Alcalde (1973), coñece ben o mar. Antes de ocupar a presidencia no Consello Regulador do Mexillón de Galicia foi produtor. Natural de Taragoña, coñece a importancia que ten o sector para a economía local e costeira de Galicia. Por iso é unha das voces críticas da Lei de Acuicultura, contra a que toda a xente do mar se uníu como unha piña en Fuenteovejuna.

– O sector uniuse complemente e amosou o seu rexeitamento frontal á Lei de Acuicultura. A Xunta decidiu freala, pero vostedes solicitan a retirada total. Cal é o motivo?
– Este anteproxecto terá como consecuencia o cambio do modelo produtivo que vai poñer en perigo a continuación dos sectores do mar en Galicia.
En terra, os propietarios de terras que se neguen a vender serán expropiados a favor das empresas de peixicultura intensiva, elimina trámites ambientais e permite instalar piscifactorías ata en espazos naturais protexidos.
No mar, ás autorizacións de marisqueo que pasen a ser acuicultura outorgaránselles unha concesión temporal e como o resto das concesións quedan obrigadas a producir uns rendementos mínimos, haberán de pagar os canons por superficie ocupada con risco da viabilidade económica das confrarías, e terán que pasar as embarcacións á 4ª lista perdendo os permex doutras actividades.
Todas as concesións, ao seu remate ou de non cumpriren os rendementos mínimos, sairán novamente a concurso público e serán concedidas con discriminación que favorece aos máis fortes, xa que obriga a competir á xente do mar contra multinacionais en criterios como maior solvencia económica, financeira e técnica.
Ademais a Lei impulsa a AMTI (Acuicultura Multitrófica Integrada), técnica de cultivo que consiste nun monocultivo de peixe carnívoro (salmón, ollomol, etc) que utiliza especies como moluscos e algas intentando reducir os niveis de contaminación xerados polas gaiolas de peixes.

– Imaxinaron que o texto tivese un enfoque no que se ía totalmente en contra dun modelo de produción máis tradicional e respectuoso co medio e sen ter en conta a opinión do sector?
– Levan anos intentándoo. Sabiamos que xuntamente coa reforma da PCP (Política Común de Pesca), viñan artellando isto. Dende o Consello Regulador demandouse información e que o sector fose chamado a participar no proceso. Todo o contrario do que sucedeu neste caso.

– Cren que detrás hai un lobby que exerceu influencia na súa redacción?
– Estamos acostumados a ler que as empresas multinacionais para acadar os seus obxectivos son capaces de facer calquera cousa, tamén prácticas de actuación política. E a peixicultura intensiva a escala industrial está en mans deste tipo de corporacións de gran tamaño. Non podemos esquecer que hai mais de 400 millóns de euros de axudas a través dos fondos europeos. Os beneficios económicos que poderían obter estas corporacións poderíase comparar co boom do ladrillo. Polo tanto, daríalles para iso e mais.

“Os beneficios que poden obter as grandes corporacións pódese comparar co boom do ladrillo”

– Sorprende que nesta lei se establezan concesións administrativos que en lugar de primar criterios como a creación de traballo ou de riqueza en Galicia, analice sen máis a rendibilidade de tipo económico, co que as multinacionais poden facer o seu agosto. Está en perigo unha parte do modelo económico que sustenta a poboación da costa?
– O sector do mar de Galicia é estratéxico na economía local, polo emprego directo que xera: mariscadoras a pé, bateeiros, mariñeiros, mariscadores a flote, etc. O mar constitúe o seu medio de vida. Tamén é un sector estratéxico na economía local polo emprego que induce en diversas actividades en terra: empresas destinatarias dos nosos produtos (depuradoras de moluscos, cocedoiros, conserveiras, centros de conxelación e pasteurización, procesadores, comercializadores…); empresas provedoras de servizos e subministros (estaleiros, cordelerías,carpintería, montaxes e maquinaria); actividades auxiliares e de apoio, como transportes, centros de investigación, formación e control do medio mariño, etc.
Ten a capacidade de irradiar beneficios socioeconómicos a amplas capas da poboación, o que o converte nun mecanismo de xeración e reparto de riqueza no entorno local que fomenta a implantación de actividades e negocios. Ninguén dubida de que todos os negocios situados nos concellos costeiros, directa ou indirectamente, deben boa parte da súa actividade económica ao sector do Mar de Galicia.
Este anteproxecto vén poñer en risco este modelo produtivo promovendo un modelo de peixicultura intensiva orientada ao lucro, que tende a esgotar os recursos naturais, deteriora o medio ambiente e concentra riqueza en poucas mans, e, en consecuencia, levará ao empobrecemento das zonas costeiras.

“A peixicultura intensiva esgota os rescursos naturais, deteriora o medio ambiente e leva á pobreza”bateas

– Están a ter un grande apoio por parte das administracións locais e incluso provinciais: concello de Rianxo, de Boiro, A Pobra, Vilanova, O Grove, Sanxenxo, Cambados, Deputación de Pontevedra… Ao que se suma tamén o rexeitamento da Lei de Acuicultura por parte de moitos grupos locais do PP. Cre que a Conselleira do Mar se está a quedar soa neste tema?
– Certo que os plenos dos concellos están a dar apoio unánime no rexeitamento do Anteproxecto de Lei, ao que tamén se suman os edís do PP, e en casos son estes os que lideran a moción, como no caso de Vilanova de Arousa. A razón está en que, como dixen antes, as vilas costeiras dependen moito da socioeconomía que xera o mar, e as corporacións débense á defensa dos intereses dos seus veciños.
Desgraciadamente, a excepción estivo no Concello de Rianxo, xa que o PP non tivo a suficiente sensibilidade para entender que a moción foi presentada e avalada polas entidades que representan o motor social e económico da vila: a Confraría, Aspromeri, o Club de Remo e ARE-Asociación Rianxeira de Empresarios. Realmente causou sorpresa e impacto a decisión do PP, e a xente vai tardar en esquecer o que sucedeu.

“A decisión do PP de Rianxo causou sorpresa”

– De non mobilizarse o sector en contra deste anteproxecto, que cre que podería ter acontecido se se aplica unha lei deste tipo en Galicia?
– O cento por cen do sector do Mar, mariscadoras, mariñeiros, bateeiros,… está en contra deste Anteproxecto. Se o sector non se movera unido, a lei xa estaría no Parlamento, e posiblemente aprobada. A súa aplicación sería inmediata. Como os Plans de Ordenación do Cultivo establecen a especie a cultivar en cada zona das Rías, as empresas de peixicultura intensiva presentarían proxectos e demandarían as axudas dos fondos europeos para levalos a cabo, e non habería oposición, porque neste caso estarían amparados e con plena seguridade xurídica. O impacto ambiental sería importante. Estaríamos no inicio do desmantelamento dos sectores produtivos tradicionais.

– Que peso ten o sector do mexillón para Rianxo?
– A achega do sector do mexillón á economía de Rianxo estímase arredor do 20%, e en canto ao emprego cífrase arredor do 34% da poboación activa. Ademais, estas porcentaxes elévanse de forma importante si se suman o marisqueo a pé e a flote, e a pesca de baixura, como o xeito. O emprego e os ingresos que xeran en conxunto dinamizan a vida económica de moitos negocios que hai no concello. Moitas actividades en terra están vinculadas ao traballo no mar.

“O 34% do emprego de Rianxo xira arredor do mexillón”

– Galicia é a terceira produtora de mexillón a nivel mundial e semella que imos perdendo peso. Cales son as razóns?
– Galicia foi o primeiro produtor mundial a finais dos 80. A partir de principios dos 90, sendo Conselleiro de Pesca, Acuicultura e Marisqueo López Veiga, trasladouse coñecemento, tecnoloxía e sistemas de controis a terceiros países, e transformadores galegos foron investir a Chile. Ademais, a partir do ano 2007, elimináronse os aranceis ás importacións procedentes de Chile, o que ocasionou o aumento da presenza de “chorito” chileno nos mercados, favorecendo ás empresas con intereses no mexillón foráneo.
Por contra, non houbo unha verdadeira política de fortalecemento do sector nin da actividade. Non se actuou contra as empresas que ilegalmente poñían na etiquetaxe dos seus produtos mencións como “de las Rías Gallegas”, “elaborado en Galicia”, etc. Chegaron a poñer en cuestión a Denominación de Orixe Protexida, que é un elemento que diferenza o noso mexillón no mercado, que xera incremento do valor engadido e que potencia que a riqueza permaneza aquí e non vaia para fora.
Neste contexto é no que hai que interpretar a perda de peso do mexillón galego que vostede di e a debilidade do sector, situación propicia para levar a diante esta Lei de Acuicultura.

– Non obstante, si somos os primeiros en canto a calidade e a garantías sanitarias, non si?
– Segundo a FAO, as rías de Galicia están consideradas como zona marítima a nivel mundial de máxima concentración de fitoplancton, que é o alimento do mexillón e é o que proporciona ao Mexillón de Galicia as características de calidade inigualables e que o diferencian dos demais. Ademais disto, os requisitos e os controis sanitarios aplicados ao mexillón galego xunto co sistema de trazabilidade establecido, garanten o control en calquera punto da cadea de subministro, e supoñen unha garantía alimentaria que diferenza ao mexillón galego do de calquera outro orixe.

– Sendo Galicia tamén unha comunidade na que o peso do sector conserveiro é tan importante, por que motivo en moitos casos, en lugar de tirar dos produtos das nosas rías prefiren traelos de fóra?
– No caso concreto do mexillón, cando algunhas conserveiras galegas empezaron a utilizar nos seus produtos molusco importado o resto da industria conserveira, consciente de que esta práctica supoñía a usurpación da reputación e notoriedade da que gozaba o mexillón galego,empezou a utilizar a mención “de las Rías Gallegas” buscando identificar e diferenciar o mexillón cultivado e transformado en Galicia. Pero pronto as conserveiras que procesaban molusco foráneo do que obtiñan maior lucro acabaron utilizando igual mención. Se ao prezo máis barato do mexillón foráneo sumamos o arancel cero e sumamos que a conta de ocultar a orixe ou enganar ao consumidor se aproveitaron do prestixio do Mexillón de Galicia utilizando mencións como “de las Rías Gallegas” coa permisibilidade da Administración, traer mexillón de fora saíulles rendible a moitas empresas.

“Hai un engano ao consumidor etiquetando mexillón foráneo baixo a etiqueta ‘de las Rías Gallegas'”

– Neste sentido, ao envasarse aquí produtos foráneos, o consumidor ten forma de sabelo? Ou podemos estar comendo mexillóns estranxeiros e co conto de que se procesan en Galicia se venden tamén como galegos?
– Este é o gran cabalo de batalla do Consello Regulador, conseguir a correcta etiquetaxe nas conservas de mexillón, por iso cada vez hai mais empresas inscritas na Denominación de Orixe Protexida para poder facer uso do selo do Mexillón de Galicia.
E o consumidor que queira adquirir o auténtico Mexillón de Galicia ten que buscar o selo da Denominación de Orixe Protexida, que certifica a orixe e a calidade do mexillón cultivado, transformado e elaborado en Galicia. Calquera outra mención como “de las Rías Gallegas”, etc. é ilegal.

– Cre que debería haber unha especie de sinerxía ou apoio entre ambos os dous sectores, tendo en conta tamén as ameazas que sofren as conservas polo tratado de libre comercio da UE? É dicir, tratar de sumar entre todos para fortalecer e construír un modelo económico e produtivo que sexa bo para Galicia.
– Non teño a menor dúbida que o futuro pasa por esa colaboración, entre ambos sectores, e no caso do mexillón estase a dar mediante a participación de produtores, transformadores e depuradores no Consello Regulador e no uso compartido da DOP.

“O futuro pasa pola colaboración de produtores, transformadores e depuradores”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: