Continuamos coas valoracións dos líderes locais do que está a ser este primeiro ano de lexilatura tras as últimas eleccións municipais. Desta vez é a socialista Mari Carmen Figueira quen nos explica cales son as demandas que lle están a realizar ao goberno rianxeiro e tamén como viu os resultados das eleccións xerais en Rianxo, onde o PSOE creceu en votos.
– Como considera que foi este primeiro ano da nova lexislatura?
– Eu diría que normal. Sempre que dende o grupo de goberno nos quixeron facer partícipes dos proxectos a levar a cabo, nós tratamos de colaborar, porque nos parece que o único que nos ten que importar é facer cousas boas por Rianxo.
Xa se sabe que os recursos son escasos e que hai que facer moitos números para poder atender todos os servizos. O importante é que se vaian facendo cousas aínda que sexa pouco a pouco.
Parécenos esencial que se intente levar un estrito control na execución do orzamento e que os gastos programados conten sempre coa súa proposta de gasto e retención de crédito correspondente. A pesar disto, sempre aparecen gastos inesperados e ineludibles aos que haberá que facer fronte.
– O grupo socialista como está definindo o seu traballo na oposición?
– Pretendemos facer un traballo de oposición responsable e preocupados polas cousas que lle importan á veciñanza. É moi importante saber o que a xente quere e necesita, pero tamén hai que ter en conta o que a xente non quere. Por desgraza, hoxe en día na política moitas veces gástanse enerxías en cousas que a veciñanza non lle dá importancia ou non considera necesarias, mentres que o que realmente lles preocupa segue sen estar arranxado.
Dende o noso grupo intentamos presentar mocións sobre temas locais como pode ser o da solicitude dun segundo pediatra para o noso centro de saúde. Outra sobre as melloras na sinalización das entradas á autovía para evitar, na medida do posible, que sigan a darse casos de condución en sentido contrario. Tamén presentamos unha moción demandando a restitución do transporte dende Isorna e Leiro ó Instituto Félix Muriel que por mor da eliminación dun autobús impediu que algúns alumnos e alumnas destas zonas que cursaban o bacharelato non puideran usar o transporte escolar, alegando que non era unha ensino obrigatorio e sen ter en conta que non dispoñían doutro transporte alternativo.
Tamén lles facemos chegar demandas e a necesidade de arranxos que a veciñanza nos conta ou que nós tamén detectamos que poidan supoñer un perigo. En todos os plenos, no apartado de “rogos e preguntas”, facémoslle chegar todas estas demandas para que sexan atendidas no prazo máis breve posible pero, por desgraza, a maioría delas aínda non foron atendidas. Estamos pensado que imos ter que facer un recopilatorio de todas as que están pendentes de resolver, porque moitas supoñen realmente un perigo e non debemos esperar a que pase algo malo para actuar.
“Na política gástase enerxía en cousas que aos veciños non lles importan, mentres o que lles preocupa non se arranxa”
– Cales considera que son as prioridades a día de hoxe en Rianxo?
– Unha das prioridades máis importantes é o emprego, intentar que en Rianxo se cree tecido produtivo que dea ocupación á xente que quere vivir no noso pobo e poder desenvolver un proxecto de futuro sen ter que emigrar a outras zonas. Temos a sorte de contar cun parque empresarial moi ben situado, pero que tivo a mala sorte de nacer en mala época e por iso se encontra na situación na que está. Dende o concello xa se fixaron algunhas bonificacións para tratar de dinamizalo, pero os froitos non son instantáneos.
Habería que buscar a fórmula para poder dinamizar tamén o comercio de Rianxo coa participación de tódolos actores implicados.
É importante tamén ter saneado canto antes todos os lugares do noso concello, xa que mentres tanto estase a contaminar a ría e a perxudicar ó sector que vive do mar e que en Rianxo supón unha parte moi importante.
“O emprego, crear un tecido produtivo, o comercio e o saneamento integral son temas prioritarios para nós”
– Como está a ser a relación co goberno municipal e cos outros grupos políticos?
– Dende o noso grupo pretendemos facer unha oposición construtiva e de sentido común. Cando se presentan propostas que son boas para Rianxo, nós apoiamolas.
Non somos un grupo de dicir non porque non. E se decimos non, é porque temos unha alternativa que nos parece máis adecuada.
A relación cos demais membros da corporación municipal é correcta e case sempre cordial, non debemos esquecer que cada un, na medida das súas posibilidades, debemos contribuír ó desenvolvemento de Rianxo e que por iso seremos xulgados polos nosos veciños e veciñas.
– En canto ás eleccións xerais, o PSOE foi un dos partidos que aumentou o seu número de votos no concello. Cren que ten unha relación directa co seu traballo en Rianxo a nivel local?
Gustaríanos que a nosa forma de facer política local tivera algo que ver con estes resultados. Como dixen antes, hai que demostrarlles á xente que se pode facer unha política de sentido común, que serve para resolver os problemas e non para agrandalos.
Durante a campaña tivemos ocasión de falar con moita xente e percibir o fartos que están todos da política e dos políticos, pero teño claro que a nosa labor é facerlles ver a necesidade de que exista e de que cando hai votacións, entre todos intentemos elixir ós que podan facelo mellor.
Esperamos que en Rianxo siga esta tendencia ascendente e nas próximas eleccións autonómicas podamos acadar aínda uns mellores resultados.
Deixar unha resposta