Magnífica noticia a que nos fan chegar dende o Club Xadrez Rianxo, xa que conseguiron “o ansiado ascenso” á División de Honra. Fixérono gañando con autoridade a Liga de Primeira División, polo que dese xeito a xornada “pasará a ocupar un lugar de privilexio na história do noso Club”, como indican nunha nota de prensa que nos enviaron.
Sinalan que “unha vitoria por 3,5-0,5 ante o Club Xadrez Padrón certificou, a falta de días xornadas, o Campionato de Liga de Primeira División que nos permite o ascenso directo a División de Honor”. Ao tempo, destacan o gran equipo que presentaron este ano, “xa que incorporamos ao noso proxecto a xogadores de primeiro nivel con varios campionatos galegos no seu currículo, como son os Mestres Fide Fernando Sánchez Aller e Marcial García Carbo”.
A cousa non semellaba sinxela, porque a competencia foi moi alta e o ascenso só estaba reservado para un club, para o campión da Liga. E desta vez os rianxeiros foron os que se impuxeron.
A ilusión é maior se cabe porque o Club Xadrez Rianxo cumprirá no 2018 unha década, así que están “moi ilusionados de que Rianxo forme parte da máxima categoría do xadrez” e poder celebrar este aniversario competindo cos mellores.
“A Liga Galega de Xadrez está formada por 1.400 xogadores e 228 clubes repartidos por toda a xeografía galega”, segundo explican. Pero a na División de Honor só participan “os 11 mellores clubes e Rianxo será un deles”, polo que agardan que “este éxito sexa unha boa palanca para promocionar o xadrez no noso Concello e que poidamos sumar novos alumnos á nosa Escola de Xadrez”.
Por outra banda, o Club Xadrez Rianxo tamén conta con dous equipos en Terceira División. Un deles, o Carpintería Yañez Xadrez Rianxo gañou por 3-1 ao Escola Xadrez Compostela, polo que se proclamaron campións e suben ata a Segunda División ca Liga xa rematada. Pola súa banda, o Xadrez Rianxo B quedou ás portas do ascenso.
Imaxes do Club Xadrez Rianxo
Deixar unha resposta