Unha das reivindicacións históricas de Rianxo é a creación dun centro de día. Tanto é así que no concello se creou a Plataforma de Rianxo polo Centro de Día. Falamos con Concha Sánchez, unha das promotoras e ata uns días voceira desta asociación.
– Como xorde a idea de crear unha plataforma para pedir un centro de día para Rianxo?
– Eu estaba de cuarta nas listas da Marea e era algo prioritario no programa. Propuxen sacalo para adiante e quedaron en miralo. Ao pouco uníronse os catro partidos da corporación, moitos deles que xa estiveran gobernando e non conseguiran o centro de día, e dixéronlles que non. Así que decidín moverme collendo firmas polas tendas, bares, farmacias, por todas as parroquias… A xente reaccionou moi ben, porque é algo moi necesario, sobre todo para a xente maior que vive soa. A partir de aí tamén me axudaron dende Boiro, recollendo sinaturas e uniuse Cheché, outra persoa da Marea, para seguir adiante con isto.
– Ademais das sinaturas fóisevos coñecendo polas concentracións que faciades os domingos.
– Si. Na primeira había pouca xente, pero na segunda había máis, na terceira tamén aumentou a participación… Os veciños fóronse xuntando e agora incluso hai máis de 50 persoas que están a participar no peche no Concello, quedando dúas persoas a durmir cada noite. Levamos xa preto de 50 días.
– Por que ese xesto para demostrar a implicación polo centro de día?
– Eu telefoneaba todos os días a Santiago á Xunta. Primeiro dábanme esperanzas, que non me preocupara, que se ía facer o centro de día. Pero despois os papeis estaban no consorcio, aínda non lles chegaran. Vamos, que me daban largas. E decidimos dar un paso máis. Primeiro chamamos cada cinco minutos á secretaria da Directora Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, ata que se cansaron e desviaron as chamadas á estación de tren.
“Chamabamos á Directora Xeral de Maiores cada cinco minutos, ata que se cansaron e nos desviaron as chamadas”
– Na prensa vin unha serie de desmentidos por parte da Consellería de certas cuestións que trataron con vós.
– Si. A min chamoume directamente a secretaria da directora xeral, Fabiola García Martínez, e non souben gravar a chamada. Porque a raíz da nosa petición lle dan a Rianxo máis horas de servizos sociais, pero iso non é o que pedimos. Ofrécennos 1.300 horas e o alcalde está a pensar en meter alguén máis en servizos sociais, porque en Rianxo marcha moi mal. Son só dúas empregadas para 12.000 persoas. O caso é que negaron que falaran comigo, cando me contaron temas persoais que eu era imposible que coñecera se non mos contan eles. Pero despois chamáronnos á Coruña, a raíz da denuncia que puxen no Defensor do Pobo en Madrid. Tiñamos que ir só dúas persoas á reunión, aínda que nos acompañaron ata alí 30 persoas nun autobús. O encontro durou máis de dúas horas; saben catecismo. Ao principio mesmo nos tomaron por parvos, preguntando se sabiamos o que era un centro de día.
– Que foi o que lles dixeron?
– Que non se podía porque hai outros centros de día sen ocupar. Respondemos que non nos importan os outros centros, que os nosos maiores queren un aquí. Ir ao de Dodro supón hora e medio de desprazamento estando aquí ao lado, porque o transporte ten que ir deixando distintas persoas en varios puntos. En todo caso está saturado. Por outra banda, non che din que non, pero tampouco que si. E nós queremos un “si” por escrito.

Imaxe propiedade da Plataforma
– Por que non considerades válida a opción doutros centros de día?
– Ademais de polo tempo no transporte, porque moitas persoas teñen a sensación de que se van descontrolar se teñen que ir a outros concellos. Queremos que a xente estea aquí, na súa contorna, con xente que coñeza e que estea ben coidada, con especialistas e co que necesiten. Ademais, se o ten Dodro, Boiro, A Pobra e Ribeira (onde o queren ampliar), porque non Rianxo? Cal é o motivo, que non somos do mesmo partido? Tan pronto se abrira un centro de día aquí, xa se enchería pola demanda que hai.
“Coa demanda que hai en Rianxo, un centro de día encheríase”
– Cónstavos que hai xente de Rianxo que se despraza a día de hoxe?
– En Dodro hai 14 veciños, en Boiro catro e na Pobra unha. En Ribeira non hai ningunha porque é para o alzhéimer. Había unha persoa e parece ser que lle dixeron que estaba mellor na casa que alí. En todo caso, só hai que mirar ao arredor para ver a cantidade de persoas que están soas e que reciben axuda por parte dos veciños. Deberíase recompilar no Concello un listado coas persoas maiores, para saber como están. Non somos animais nin xoguetes, somos seres humanos e hai que ver están comendo, se van ao médico ou se precisan algo. Creo que facer algo así en Rianxo non sería tan complicado e non se fai, estanse a descoidar as persoas maiores. E hai que pensar que nos pode pasar a nós. Eu levo con isto tres anos, pero ao falecer o meu marido deime conta de que estaba soa, pero hai moita xente que está peor, con máis de 80 anos, e que nin sequera saben que existen os servizos sociais. En que século estamos a vivir?
– E o problema é que o envellecemento da poboación é progresivo.
– Nos anos 70 eramos máis de 14.000 e agora uns 11.300. Incluso queremos facer un chamamento a outras comarcas, porque hoxe por nós e mañá por eles. Temos que estar todos unidos. Xa que a Xunta non traballa para o pobo, temos que traballar nós e obrigalos a facer o que teñen que facer, porque cobran por iso.
– Cales van ser os teus pasos a partir de agora?
– Vou tratar de mover o tema a nivel político, no Parlamento. Esta reivindicación recibe o apoio de distintos partidos, incluso dos socialistas. A idea é que a oposición leve conxuntamente isto ao Parlamento de novo. Despois temos o apoio de Yolanda Díaz, Eva Solla, Luca Chao ou de Leiceaga e máis de Adriana Lastra (segunda de Pedro Sánchez). Veu o Movemento pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), contamos co apoio de José Manuel Pena, de STOP Desahucios no Barbanza e a xente da cultura de Rianxo tamén asinou un manifesto a favor do centro. Eu vou seguir porque isto é algo moi necesario para Rianxo.

Imaxe propiedade da Plataforma
– E como foi o apoios dos distintos partidos locais?
– Rianxo en Común comezou agora a apoiarnos Juan Losada; dos outros non vimos a ningún. O outro día tivemos a Luís Villares, pero de aquí comeza agora Losada. A Marea non estivo de acordo comigo en que o fixera pola miña conta, preferiron facelo cos outros partidos; foron os catro partidos, tamén co PP, e dixéronlles que non. Eu xa imaxinaba. No caso dos socialistas, no 2006, cando gobernaba Touriño, xa tiñan proxectado e aprobado un centro de día con xeriátrico en Rianxiño e non se fixo; arquivouse. Por outra banda, Muíños levaba agardando dende hai 6 anos unha cita co conselleiro de benestar. E tívoa agora dende que nós movemos isto.
– Foi a xuntanza na se anunciaron as 1.300 horas en servizos sociais para Rianxo, non?
– Si. Foi onde o conselleiro, José Manuel Rey, lle dixo que nos ían dar 1.300 horas máis, que Adolfo me comentou que ía pedir 1.000 e deron máis. Pero nós non pedimos iso, porque nesas visitas van ao domicilio 30-45 minutos, preparan a unha persoa incapacitada, danlle o almorzo e marchan, polo que esa persoa queda soa. A familia moitas veces non pode deixar de traballar para coidar a unha persoa maior e ao tempo non a podes deixar soa porque lle pode pasar algo. Precisamente traballamos e cotizamos toda a vida para ter un benestar na terceira idade, tal e como se recolle na Constitución.

Imaxe propiedade da Plataforma
– Ao non ter un compromiso escrito, non existe o perigo de que a xente se canse de seguir pelexando polo centro?
– Non. Asegúroche que hai persoas de máis de 80 anos que non van parar. Non se cansan e aí están, formando parte do peche. Ademais, que isto se vai notar, porque persoas doutros concellos nos están a preguntar como fixemos, como comezamos, para facer o mesmo ca nós.
– Hai unhas semanas, nun dos plenos, pedistes a dimisión da tenente alcalde. Seguides con esa idea?
– Aí quedou a cousa, pero foi porque nos recibiu moi mal. Non é apta para ocupar o cargo que desempeña e contesta de forma altiva. Por iso pedimos a dimisión de Adelina, que non foi aceptada, e a través do rexistro tramitáronse 31 queixas. Non só non fomos recibidos por ningún partido do pleno, senón que fomos mal recibidos por esta persoa.
Deixar unha resposta