O pasado sábado, 19 de agosto, presentouse en Rianxo o último libro do noso veciño Xosé Luís Axeitos. O membro da Real Academia Galega estivo acompañado polo alcalde, Adolfo Muíños, polo director de Xerais, Manuel Bragado, e polo escritor Anxo Angueira. Ademais, moitos veciños estiveron no Auditorio para coñecer de primeira man a biografía do chamado poeta do mar, titulada Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía.
O primeiro en falar foi Adolfo Muíños, quen se referiu ao privilexio que temos en Rianxo ao contar cun académico que elaborou nestes últimos anos tres tomos da obra completa de Manuel Antonio (Poesía, Epistolario e Prosa) e unha biografía, con aspectos inéditos en todos eles.
Salientou “o esforzo de sinalar o vínculo rianxeiro de Manuel Antonio, en especial coas xentes do mar e que aparece moi sinalado no traballo”. Por último, fixo fincapé na “débeda” que dixo se saldou co poeta “hai dous anos ao instalar nas Malveiras un monolito que provén dunha homenaxe que non se puido celebrar nos anos 30 e que incluso contou cunha recadación popular que non frutificou”.
Pola súa banda, o editor Manuel Bragado destacou que non era unha biografía ao uso, en canto que se lía cunha novela. Ademais, amosouse orgulloso por lanzar o libro dende Xerais, en canto que se trataba unha obra que facía cultura, país e conformaban un gran catálogo.
O escritor e director da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, foi o máis apaixonado á hora de falar da biografía. Tal foi así que falou durante 50 minutos, máis incluso que o propio autor da obra. Tras falar de Axeitos como un “brillante intelectual” e de definilo como “vasto coñecedor” de Manuel Antonio, explicou que se trata do gran referente no estudo do poeta rianxeiro.
Comentou que segundo o seu punto de vista no libro “hai varias mareas arredor da figura de Manuel Antonio”, que van traendo para a terra distintos elementos sobre a súa figura. A súa primeira marea sería Rianxo, vila na que non viviu (si que o fixo en Padrón, Asados ou Vigo). Pero así e todo, Rianxo é a súa capital literaria e vital, a súa paixón. E para mostra a afirmación de que quería cartos para mercar Rianxo e deixalo como estaba. Ou o poema final da súa obra máis coñecida, De catro a catro. En “Adeus”, sen noemalo, cita a Rianxo:
Debaixo d’os meus paos
xurde o ronsel d’a Vila natal
Ela c’os seus brazos cheos de sono
teima salvar-me d’un naufraxo antigo
As outras mareas serían a familia (o seu ancoradoiro, pero onde non quere estar varado), a escola e as lecturas, o mar e os seus compromisos (era agrarista, nacionalista e rupturista co seu tempo, considerándose parte do Rexurdimento, cando os anteriores autores eran os Precursores).
Para rematar, Xosé Luís Axeitos explicou que fixo un percorrido documental e oral moi importante, sendo o libro froito do traballo de moitos anos. Aínda que se trata dunha biografía documentada, non quixo facer un traballo académico, senón un libro que puidera ler calquera veciño. Fuxiu ademais da sacralización e da demonización do autor, un perigo moi habitual en calquera estudoso.
Tamén se parou en determinados momentos do poeta, como no seu enterro, tras unha morte sendo moi novo. Un funeral moi triste, practicamente en soidade. E resaltou como dende Asados un mozo se subscribe a revistas culturais de toda Europa e como tiña unha facilidade enorme para os idiomas, ata o punto de que sabía traducir directamente do francés, do portugués ou incluso do holandés.
Deixar unha resposta