Fotos da Guadalupe 2017: o último día

17 Set

Un ano máis, case sen darnos conta, pasaron os oito días das Festas da Guadalupe. E coma sempre, despedímolas por todo o alto coa noite máis máxica do ano. Esa na que a Rianxeira, o chamado segundo himno de Galicia, é coreado por miles de voces baixo o brillo de milleiros de bengalas.

A pesar do bo tempo, daba a sensación de que non estaban a chegar moitos coches e de que se andaba tranquilamente polas rúas de Rianxo. Aínda que o certo é que á hora da verdade se notaron as 25.000 persoas que había na vila, segundo os cálculos da Policía Local de Rianxo.

Había un gran dispositivo de seguridade montado, vista a cantidade de xente que sempre acode. En todo caso, dende a Policía Local de Rianxo cualifican a última xornada como unha “noite sen incidentes de consideración”. Iso si, sinalan que houbo “pequenas pelexas, algunha intoxicación por alcol e algún furto de carteiras”.

Sen incidentes tamén foi o dispositivo de tráfico realizado. Destacan “algo de retención na circulación unha vez finalizou a Rianxeira”, pero non antes. De feito, “non se encheron todos os estacionamentos que había habilitados”.

Ademais dos 11 efectivos da Policía Local (con catro motos e tres vehículos patrulla para a noite, e 4 efectivos para o remate da festa), houbo un importante operativo da Garda Civil ( 20 efectivos do escuadrón do USECIC e 16 efectivos da Garda Civil do Rural para a noite e remate da festa). Dentro das actuacións do instituto armado, detívose “unha persoa por tráfico de drogas e tamén realizaron diversas incautacións de droga”.

A xente estaba moi repartida. Había concertos na praza de Rafael Dieste, no Rianxo on Fire, que contou con actuacións alomenos ata as 4 da mañá (e iso que empezaban ás 22.00 horas).

E despois, había moitos matrimonios cos seus nenos no recheo, desfrutando das atraccións, da pesca de patos ou doutros xogos como os dardos.

Os adolescentes xa tiran por outras atraccións como o saltamontes, o jumanji ou os tradicionais coches de choque, que son o último en pechar.

Así lucía a praza a iso da 1.40 da madrugada. Os poucos ocos que ían quedando no Campo pouco a pouco se enchían con xente.

Minutos antes das 2 da madrugada, apagábanse as luces da praza.

E a xente comezaba a acender as bengalas. Segundo os cálculos do arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, na praza collen unhas 7.000 persoas:

Comezaba a entoar a Rianxeira a orquestra Miramar (fotos dende o seu palco), continuaba Triunfo (a Rianxeira en directo no seu facebook) e remataba este momento máxico Armonía Show (vídeo no seu facebook).

 

Para poñerlle o broche a este momento, uns pequenos fogos artificiais tirados dende a Ribeira:

E como non, Moncho o Xixí, o presidente da Comisión de Festas, volveu pedir apoio para esta celebración. Solicitou o compromiso dos veciños para que as festas non decaian e pediu sentidiño aos mozos para que non colleran o coche se bebían.

En todo caso, eran as 2.30 da madrugada e por diante aínda quedaban seis horas de festa. Mesmo vimos despedidas de solteiro entre os asistentes:

Así estaba a praza ás catro da mañá, cando no resto da semana remataba a verbena:

E aquí o aspecto da praza ás cinco da madrugada, actuando a orquestra Miramar:

Nós ás 5.30 horas precisábamos coller folgos e fomos de novo tomar o tradicional chocolate con churros ao Braisa. Polo que puidemos escoitar, servirían uns 300 churros esa noite.

De novo, xa na praza. Este era o aspecto ás 6 da mañá, tocando Triunfo. Con esta actuación remataban o seu traballo esa noite: 

Ás 6.30 volvíase cantar a Rianxeira e aínda había bengalas sen cantar:

7 da madrugada. Armonía Show comezaba o seu último pase:

O día chegou como non quere a cousa. As oito da mañá dáballes aos da orquestra Miramar, que aínda tiñan enerxía:

Tiñan tiñan sede algúns mozos, que a pesar da hora seguían mantendo abertas as barras do Campo:

O peor, coma sempre, o incivismo que se viviu na praza. Calquera pensaría que en lugar dun campo de festa vendo estas imaxes estaba diante dun estercoleiro: 

Incluso moitos, coa barra ao lado, decidían deixar os seus vasos e cascos de cervexa noutros lugares, cando realmente non custa ningún traballo despositalos onde se mercaron (estamos a falar dunha distancia de metro e medio). 

A cantidade de mozos con bolsas e bolsas era enorme:

O problema é que despois esas bolsas quedan aí, tiradas. Xunto coas botellas (co perigo que hai, porque moitas se rompen) e numerosos plásticos:

Certamente é o punto negativo desta celebración. Moita xente veterana explica que así non se pode bailar na praza nin desfrutar adecuadamente da última noite de festa, polo que se senten desprazados:

Ademais, este ano houbo aseos públicos na parada de autobuses, sen contar os que hai noutros puntos da vila. Pero moitísima xente, por non desprazarse 100 metros, preferiu facer as súas necesidades en portais e fachadas de edificios, coas conseguintes molestias e malos olores para os veciños que viven aí.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: