Un ano máis a Asociación de Veciños do Araño celebrou o magosto no Centro Sociocultural da Capela. Había comida a fartar. De feito, os 40 quilos de castañas sobraron e iso que ninguén se quedou con fame.
Os “cociñeiros” estiveron dende as cinco e media da tarde vixiando o lume e controlando que as castañas non se churruscaran de máis. A verdade é que estaban ben boas (iso si, algunha si que se torrou máis da conta).
Ademais, a velada estivo animada polos músicos de A Restreva, que estiveron tocando durante toda a tarde.
Os máis cativos tiveron un inchable, unha mesa para facer debuxos e a actuación do mago Richard. Hai que dicir que non só desfrutaron da actuación os pequenos, porque os grandes tamén riron e participaron activamente dos números de maxia.
Deixar unha resposta