Maite Mosconi: “Cando alguén se achega co meu libro, non podo evitar emocionarme”

20 Xul

Maite Mosconi é unha das autoras rianxeiras que presentarán a súa obra na Feira do Libro de Rianxo. Nacida en Asados en 1985, comenta que lle produce moita ledicia presentar a súa obra na terra. Sempre tivo a ilusión de poder contar a súa historia, algo que conseguiu con Gaedheal. Trátase do primeiro libro dunha triloxía de aventuras para a que se documentou moito, e que non deixa de ser unha homenaxe á cultura galega. Coñecemos un pouco mellor a Maite.

– Antes de nada toca comezar coa pregunta local de rigor. De que parte de Rianxo e se volves por aquí habitualmente?
– Son da parroquia de Asados. Agora mesmo resido en Santiago, e traballo como Técnica cultural na Universidade de A Coruña, polo que me resulta complicado ir a miúdo. Pero vou sempre que podo.

– En marzo presentaches o teu primeiro libro, que podemos atopar nel?
Gaedheal é unha novela de fantasía con base mitolóxica que trata sobre as orixes do mundo celta en Galicia.

Breogán, líder da Gaedheal, intenta unificar todos os clans baixo un mesmo reino. Pero non o ten doado. Entre os distintos pobos hai vellas disputas, antigas liortas polas que non se poñen de acordo. Ademais aparecerán unhas figuras misteriosas, a Estadec ou Santa Compaña, que o vai complicar todo.

Este libro é unha homenaxe á cultura galega. Nel atoparedes lugares que se inspiran en sitios reais, tratados coa mesma maxia que desde sempre caracterizou a nosa terra. Personaxes cun perfil marcado e xenuíno, onde destaca sobre todo o papel protagonista da muller, nas figuras de meigas e guerreiras, que son as verdadeiras heroínas desta historia, e serán a clave para reconducir os pobos celtas e unilos baixo un obxectivo común para salvar o mundo.

Aventura, paixón e fantasía mesturados nunha historia trepidante que non vos deixará indiferente.

– É unha obra que detrás ten moito traballo de investigación, pero onde creas un mundo propio. Cando e como xorde a idea?
– Sempre me gustou escribir. Para min é coma un impulso natural que está ahí desde que sei xuntar letras.

Tamén me gusta a historia, máis en concreto a da nosa terra. Botaba de menos unha narrativa de aventuras sobre meigas, druídas, como as lendas do rei Arturo, ou mitoloxía vikinga, pero que tratara sobre Breogán.

Entón comecei a ler e a investigar. Atopei libros sobre lendas galegas de autores da nosa terra. Despois continuei con traballos máis documentados como son as traducións de manuscritos irlandeses, e as últimas investigacións sobre a chegada dos celtas a Galicia.

Logo, unha noite, tiven un soño. Nel aparecía Aibhill, a protagonista da miña novela, cruzando as pedras do Destino en Teamhair na Rí, no monte de Tara, Irlanda, e chegaba a Gaedheal, a Galicia.

Así comezou todo.

– Como é o momento de rematar o libro, lémbralo? Quero dicir, non sei se hai unha sensación de pena porque remata algo que seguramente fas con tanto cariño, de alegría enorme por velo acabado ou de incertidume por como vai ser recibido por outros.
– Lémbroo á perfección. Estaba feliz. Pero tiña medo. Recoñecía a emoción de rematar un manuscrito que me levara anos escribir, e á vez tiña a dúbida de como dalo a coñecer. Pero de todo se aprende.

– Comentas que che gusta experimentar con varios xéneros (hai fantasía e erotismo por exemplo) e que che gusta sorprender ao lector. Como están a valorar os lectores o teu libro?
– Pois a verdade é que os lectores e lectoras son moi receptivos e entusiastas, trátanme moi ben e comparten comigo as súas pesquisas, así como as súas sensacións trala lectura. Ademais eu son moi accesible e sempre contesto a tódalas mensaxes que me envían a través das redes sociais.

– Buscas romper esteorotipos e tinguir os teus personaxes de determinados valores. Cales son?
– Intento transmitir os valores de respecto pola historia e as diferentes culturas. O sentido do honor e da valentía. A igualdade e a muller: como dixen antes, as miñas protagonistas femininas teñen una personalidade forte, non necesitan de ninguén para saír adiante, pelexan pola vida e son auténticas superviventes, pese a todos os problemas que se lles presenten.

– Trátase dunha obra autopublicada. É o teu primeiro libro, polo que non sei se foi a túa idea inicial ou realmente a forma de sacar adiante o teu proxecto.
– Cando tiven o manuscrito listo, vin que o mundo da edición estaba cambiando, e tras consultalo con colegas escritoras, e editores, simplemente optei pola opción que está a ser a máis utilizada e que se está a abrir camiño.

Estou contenta de telo feito así, aprendín moito e agora coñezo como é todo ese proceso de edición dunha novela.

– Como axudan as redes sociais na promoción da túa obra? Lin que tes a idea de ir publicando na túa web pequenos relatos para que os teus lectores vaian facendo boca.
– As redes sociais son una ventá que nos dá visibilidade e nos permite estar en continuo contacto cos lectores e lectoras.

E si, tal como fixen antes da publicación de Gaedheal, Libro 1 das Invasións, para o lanzamento do segundo libro tamén publicarei de maneira exclusiva outros novos relatos na miña páxina web www.maitemosconi.com

– Na túa web, comentas que pasas “de soñadora, a escritora”. Levabas moitos anos soñando con dar este paso?
– Xa de pequena facía poemas e compoñía pequenos realtos e contos. Levaba tanto tempo desexando publicar a miña propia historia, que aínda agora, cando alguén se achega co meu libro, non podo evitar emocionarme.

– Esta semana estarás en Rianxo, na presentación do libro. Non sei se hai nervios porque chegue e desfrutar na casa dese momento tan bonito.
– ¡Hai moita ledicia! O pasado mércores puxen no meu Facebook que, cando ía ao instituto e escoitaba falar das grandes personaxes ilustres das letras da nosa terra como son Castelao, Manuel Antonio ou Rafael Dieste, eu escribía versos nas miñas libretas e ilusionábame con algún día poder contar a miña historia tamén. ¡Xa te podes imaxinar como me sinto volvendo á casa para presentar Gaedheal entre a miña xente!

– No título da túa ópera prima podemos ler Libro I de las Invasiones. Supoño que haberá un segundo e non sei se incluso tes pensado nunha triloxía.
– O subtítulo Libro 1 das Invasións, fai referencia ao manuscrito irlandés chamado Leabhar Gabhála ou Libro das Invasións Irlandesas, onde se recollen as primeiras lendas da chegada de Breogán e os seus descendentes.

Se os meus plans non mudan, a saga será una triloxía, como liña principal, pero con subtramas que darán para outras historias. Ademais, entre un e outro libro de Gaedheal tamén publicarei libros de relatos que falarán do mundo e os acontecementos que van tendo lugar entre un libro e outro, e que poñerei resumidos na miña páxina web, para calmar a curiosidade dos lectores namentres esperan.

– Nunha entrevista comentabas que é fundamental ter alguén á man que te guíe no mundo editorial e che indique como actuar. Quen é no teu caso?
– A verdade é que tiven moita axuda. A miña madriña de letras foi Mimmi Kass, que dende o comezo estivo sempre comigo. Logo tamén estivo Estefanía Yepes e Miriam Beizana que foron grandes apoios.

Pero quen sen dúbida me soportou en todo este duro proceso, foi a miña familia, que loitou comigo, e lograron manterme cos pés na terra.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: