Resultados das eleccións locais de Rianxo 2019

27 Mai

A primeira conclusión vistos os resultados nas eleccións locais de Rianxo é que moi poucas cousas cambian:

BNG: 6 concelleiros

PP: 4 concelleiros

PSOE: 4 concelleiros

Rianxo en Común: 2 concelleiros

Ciudadanos: 1 concelleiro

A única formación que non entra é Compromiso por Galicia.

Con respecto a hai catro anos, o único que varía é que o PP perde un escano, que pasa a mans de Ciudadanos. En todo caso, un éxito para a formación de Germán Allut, que se presentaba por primeira vez en Rianxo, que viu como unha parte dos militantes do PP rianxeiro marchaban e formaban un grupo en Ciudadanos. O voto de dereitas repartiuse, pero o PP non sufriu tanto como algúns agardaban.

De feito, nas súas redes sociais, os populares celebraban os resultados: “1.390 votos logramos nestas eleccións municipais, somos a segunda forza política mais votada en Rianxo. Baixamos 1 concellal con respecto as anteriores eleccións, pero continuaremos traballando e facendo unha oposición constructiva por Rianxo. MIL GRACIAS os/as 1.390 rianxeir@s que confiaron nesta candidatura”.

Hai catro anos a formación azul tivo o 26,8% dos votos, mentres que nesta ocasión tivo o 21,8%. Ese 5% parece que se moveu a Ciudadanos, que acadou o 5,56% dos apoios.

Por outra banda, a formación máis votada volveu ser o BNG. A falta dunha análise máis detallada, parece que volveron ser os máis apoiados nas mesas electorais de Rianxo, O Araño e Asados. Soben lixeiramente a porcentaxe de voto, pasando do 34,48% de hai catro anos ao 34,87% actual. En todo caso, repiten número de concelleiros, co que todo queda igual, seguramente xerando unha sensación agridoce, porque Adolfo Muíños manterá a alcaldía, pero non conseguen máis representación municipal.

En canto ao PSOE, mantén por uns 40 votos o cuarto concelleiro (durante a noite estivo bailando entre o PSOE e o BNG), pero perde apoio con respecto ás anteriores locais. Hai catro anos conseguiron o 26,41% dos votos dos rianxeiros, mentres que nesta ocasión quedaron no 20,21%, co cal tamén foi unha sensación agridoce para a formación de Mari Carmen Figueira.

Parte dos votos do PSOE parece que foron para o BNG (+54 votos con respecto a 2015) e para Rianxo en Común (+201 con respecto a 2015). A formación encabezada por Julián Bustelo sobe apoios entre os rianxeiros, xa que pasa do 11,04% dos votos ao 14,07%. Pero, de novo, sensación agridoce porque non implican ter maior representación na cámara municipal.

Dende o seu perfil en Facebook, Rianxo en Común sinala que que a pesar de obter “201 votos máis que no 2015, isto non se traduciu nun aumento de edís. Asumimos o papel de oposición, e volverémolo a exercer dende o traballo constante e a honestidade”.

Por último, Ciudadanos ingresa no Concello de Rianxo cun representante. Sara Resúa formará parte dos plenos municipais tras conseguir 354 votos e un 5,56% dos sufraxios. Partían de cero, pero non sabemos se tiñan unha maior expectativa.

Quen non entra na corporación é Compromiso por Galicia, Plataforma polo Centro de Día. Dende o partido que representa María Xosefa Comojo obtiveron 171 votos e un 2,68% de apoios totais, insuficiente para conseguir representación.

Como conclusión, non houbo nin claros gañadores nin claros derrotados. As cousas quedan moi parecidas a hai cinco anos, o que entendemos que xera unha sensación encontrada entre as diferentes formacións políticas porque agardaban cambios.

Por último, no voto para as Europeas, cabe destacar que o PSOE foi o partido que tivo máis apoios. Mentres que hai cinco anos foi o PP, nesta ocasión a formación da rosa e do puño acadou 800 votos máis, ata chegar ao 29,41% dos votos.

O BNG foi o segundo partido en apoio, con 1.609 votos e o 26,15% de porcentaxe de votos.

O PP perde unhas 210 papeletas, pero consigue o 23,76% dos votos.

A continuación, pero con menos do 10% do apoio, estarían Podemos, Ciudadanos e VOX.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: