Valoración de Oscar Rial (PSOE) dos resultados electorais do 2023

29 Mai

Para o líder dos socialistas rianxeiros, Oscar Rial, a sensación tras coñecerse os resultados electorais “é boa porque era un campaña exprés” na que tiveron que enfrontar a diferentes problemáticas. Nese sentido, indica que buscaron “xerar ilusión e reverter a situación de desánimo” que existía na formación. Rial sinala que tiñan “unha mochila, a xestión dos últimos 8 anos, algo que nos pesaba en canto que non podiamos intervir nas decisións do goberno”.

Neste escenario, optaron por “seren agresivos a nivel de comunicación”, para “contrarrestar unha xestión que non foi a máis adecuada”. Por esa razón, de cara ao exterior, falaban de acadar a maioría absoluta. Non obstante, nas súas previsións manexaban un escenario con 7 concelleiros. Iso non quere dicir que conseguisen un mal resultado, “ao contrario, porque aumentaron o número de votantes e o balance é positivo”. A formación da rosa tivo 503 papeletas máis que nas anteriores locais. Rial tamén salienta que “con 21 votos máis a situación sería moi diferente”, en relación ao número de sufraxios que os separou de Rianxo en Común, o partido máis votado.

O PSOE foi o partido con máis apoio nas mesas de Taragoña e, segundo Oscar Rial, “a clave estivo en Rianxo, onde contabamos con estar máis fortes”.

O partido ten previsto facer unha próxima asemblea para falar da campaña e miran “o futuro cunha perspectiva moi boa, con ganas de demostrar o noso traballo”. Nese sentido, o candidato socialista insiste en que “estamos máis que satisfeitos polo conseguido, había unha expectativa enorme arredor da candidatura, a nivel persoal foi unha grande aprendizaxe e toca seguir traballando”.

Preguntado por posibles pactos ou acordos para gobernar en Rianxo, Rial indica que “a iniciativa non nos corresponde a nós”, aínda que teñen toda a “predisposición a escoitar para reverter a situación actual do Concello. Hai que sentarse e escoitar e escoitar as distintas propostas”.

Deixar un comentario