
Non queda nada para que comecen as Festas da Guadalupe de Rianxo, por iso quixemos falar con Carlos Ces, presidente da Asociación A Moreniña, que se encarga da organización das festas. Preguntámoslle polas actividades deste 2023 e polo traballo da comisión de festas.
– Xa está o cartel deste ano. Oito días cheos de festa e de actividades e supoño que de moitos meses de traballo detrás, non?
– Si, de feito empezamos xa en outubro coa elección das orquestras. Pero no meu caso sufro máis inquedanza polos tempos mortos que polos momentos de moito traballo intensivo. Estar semanas ou meses a agardar a que cheguen as propostas das empresas, a que teñamos unha xuntanza da comisión para decidir asuntos, a que saian as convocatorias de subvencións, a que cheguen os permisos, a que as concedan e podas saber por fin cantos cartos che van conceder… Iso é o que a min me quita realmente o sono, ter que agardar.
Pero sobre todo, ter que agardar a un día antes da festa para ver se ao final chegan os cartos. Iso é o peor. Ás veces incluso coa festa rematada aínda non sabes aínda se xuntaches todo o que agardabas.
– Este 2023 celébranse, nin máis nin menos, que o 250 aniversario da Moreniña a Rianxo. Que hai preparado para unha data tan singular?
– Os actos polos 250 anos da chegada da imaxe da virxe de Guadalupe a Rianxo organizámolos fóra da Guadalupe. Preferimos facelos por separado porque así cobraron un protagonismo único. E o certo e que ao final a Moreniña estivo ven atarefada este ano, xa que viaxou dúas veces. Unha delas, en abril, ao Mosteiro de Guadalupe, onde cobrou vida hai 250 anos da man do misterioso monxe rianxeiro que ingresara naquel mosteiro. A outra foi o 29 de xuño, día de San Pedro, xusto o día no que hai 250 anos chegou o monxe con ela a Rianxo e a depositou na capela de San Xosé en Rianxiño. A verdade é que foi recibida con moito cariño polas veciñas e polos veciños de Rianxiño, estaban moi emocionados e honrados de recibir de volta á Moreniña alí e implicáronse moito na decoración e en prepararlle todo. Agradecémosllo, a elas, e tamén á xente que leva a xestión da Capela de Guadalupe e ao párroco. Cremos que quedou un acto sinxelo pero emotivo.
– O ano pasado, unha das novidades foi a verbena sinfónica. Que este ano, visto o éxito que tivo, repite. Por que cres que gustou tanto?
– Á xente sempre lle gusta ver facer cousas á xente do seu propio pobo. E Rianxo non só non é unha excepción, senón que creo que se magnifica. Sempre che gusta ver a amigos e coñecidos nun escenario importante como é o da verbena, e sorprendeume ver a variedade de público que había, desde mozos a maiores, porque como digo todos temos algún coñecido na banda da Escola de Música. E ademais a orixinalidade da proposta está fóra de toda dúbida, e os cantantes, Silvia e José Manuel, son moi queridos tamén.
E si, este ano repite, pero tamén lle quixemos dar outra volta. Á xente o ano pasado sóubolle a pouco, polo que este ano serán dous pases, como unha orquestra. O primeiro pase será na liña do ano pasado, pero o segundo irá en clave de rock, con guitarra e baixo. Os arranxos corren a cargo de Alfredo Susavila, que traballa moito en espectáculos similares, e cremos que será unha aposta aínda máis orixinal, que seducirá seguro aínda a máis variedade de público.
– Chamounos a atención que o luns haberá cantos populares, “Cántañe a Rianxo”, con ese “ñeísmo” tan característico da vila. En que consiste exactamente?
– Pareceunos a mellor maneira de dotar esta proposta dun título único, exclusivo de Rianxo. A min gústame reivindicar as particularidades da fala de cada sitio, e este en particular é moi propia. Aínda que (segundo me conta quen entende ben disto), non é toda a vila, senón só a metade a que ten (ou tiña) “ñeísmo”. A isoglosa “cántalle/cántañe” pasa, parece ser, polo Cabo da Vila, que é un dos espazos máis antergos de Rianxo.
A proposta é a mesma que a do ano pasado, que non é máis que convidar a veciñanza a cantar as cancións populares que cantabamos antes nas tabernas. E é que o de cantar polas tabernas estase a perder. E temos unhas cantas cancións propias de aquí que sería unha mágoa que se perderan. Isto é o que procura esta proposta, recuperalas e reintroducilas no cancioneiro popular.
– Hai algunha novidade deste ano que queiras destacar?
– Como do resto máis ou menos xa falei, ou non é novidade deste ano, vou destacar a Feira do Circo, que si é algo novo. Tratamos de facer unha feira ao estilo dos “Carnival” americanos, é dicir, unha feira itinerante, pero ambientada no circo. Un Carnival Circus, no que hai casetas con xogos de feira alternados con espectáculos circenses.

– Un dos grandes acertos do programa de festas da Guadalupe é que hai actividades para todos os públicos, tanto para cativos como para os mozos e os veteranos. Como é facer un programa así para que todo o mundo quede contento?
Eu máis ben diría ao revés: non hai ninguén que quede contento. O que lle gusta a un, aborréceo o outro. O súmmum disto é a elección de orquestras: hai orquestras que son reverenciadas pola metade da xente e aborrecidas pola outra metade. Co cal, vanche caer dalgún lado sempre.
Entón, sabendo que é imposible que todo o que haxa guste a todo o mundo, o que facemos é precisamente potenciar os extremos. É dicir, vai haber unha orquestra que non soportas, pero tamén unha que adoras. E de aí vas quedar, case sempre, co positivo. Porque a que non che gusta non a vas ir ver e vas facer outra cousa mentres.
Isto é o que probablemente pasará o martes de Guadalupe. Sabemos que hai lexións de fans do Combo Dominicano que a seguen alá onde vai. E tamén sabemos que hai quen non a atura. Pois o que facemos é combinar, no mesmo día, dúas orquestras radicalmente opostas en estilos musicais, por iso programamos tamén para o martes a Banda Gaudí, que ofrece unha verbena diferente, con rock e pop, máis no estilo da Assia ou a América de Vigo. O resultado é, ou iso agardamos, que vas mesturar no campo a xente fan dunha das opcións e á xente fan da outra. E a maioría quedarán co que lles gusta e cunha boa sensación desa xornada. E haberá afortunados a quen lle gusten ambos estilos! E se non, se non che gusta a outra orquestra… hai moitos bares onde meterse 🙂
E despois está o día a día, no que centramos as actividades nos máis pequenos e nos máis maiores, xa que a mocidade en xeral adoita ter outros tempos de ocio. E con todo, tamén teñen o día das peñas ou a xornada de cultura urbana.
Ao final, o que non che gusta sempre vai estar aí, polo que a sensación que che vai quedar é a que che proporcione aquelas cousas que che gustan. E malo será que entre tanta proposta algo haxa.
– Por certo, que pasou coa América de Vigo, que este ano non está entre os grupos que veñen tocar?
– Aí tes, falaba antes de quedar todo o mundo contento e velaquí a maior crítica do cartel deste ano. Pois a ver, non é que non queiramos a América nin moito menos. Non é un segredo que é unha das miñas orquestras favoritas. Pero a elección de orquestras para tantos días é moi complexa, e unhas decisións condicionan outras.
Por unha banda, están as datas nas que están dispoñibles. Hai orquestras que xa non teñen case data para o ano que vén. Pola outra, que non todas dan sesión vermú. Despois, que na fin de semana son moitíiiiiisimo máis caras. Entón, ao final, quédanche pouco menos que catro días (luns a xoves) nos que podes meter as orquestras que queres (ou que quere o público) a un prezo razoable. E ao mellor dúas que queres só teñen libre o mesmo día. É complicado.
– Vamos, que non sempre é posible traer o que vos gustaría.
– Os axentes adoitan ofertar uns “paquetes” de orquestras nos que si podes variar algunhas cousas, pero non todo. E ao final sempre hai que tomar unha decisión, e non sempre doada. Este ano tivemos moita dificultade para tomar certas decisións, discutimos (de bo rollo) moitas opcións dentro da comisión, e ao final saíu o cartel que xa coñecemos, no que non está a América de Vigo pero está a Banda Gaudí, que non é exactamente o mesmo estilo pero agardamos que lles guste aos fans da América.
E, aínda que non foi este o caso, tamén hai que entender que convén rotar as orquestras que veñen á Guadalupe, porque todas non poden vir sempre. Se non, non nos chegarían os 15 días.
– Entre as orquestras que veñen, este ano chega o Combo Dominicano, unha das orquestras máis caras. Supuxo moito esforzo traelo?
Desde o punto de vista “administrativo”, non. Tiñan a data libre e, xa no medio da Guadalupe pasada, ofrecéronnola.
Desde o punto de vista económico, un pouco, pero a verdade non moito. O feito de que veña o Combo Dominicano é que vai arrastrar moita xente, sobe a calidade xeral do cartel, e a hostalaría ou a barra anímanse máis a colaborar economicamente.
E desde o punto de vista “decisivo”, si que foi complicado. No seo da comisión de festas tivemos unha agre discusión con votación incluída na que decidimos se traíamos o Combo Dominicano ou outra-grande-orquestra-moi-coñecida-que-tamén-pide-moito-a-xente. E aquí vou contar o que pasou, porque cremos que algunha destas cousas tamén deben saberse para que vexades que isto ás veces é moi complicado e as cousas non sempre saen como quereríamos que saísen.
O certo é que gañou, por só un voto de diferenza, a outra opción: 6 a 5, e a miña abstención porque eu non quería ningunha das dúas, haha. Pero tamén porque quero que decidamos as cousas de forma colexiada na comisión, e como a min érame bastante indiferente, preferín que decidisen as compañeiras.
Pois nada, a democracia falou e decidimos contratar “esa” outra orquestra. Pero cando fomos confirmala, resulta que nos soben o prezo. Pareceunos tan mal, que cambiamos á outra opción do Combo Dominicano.
– Un pouco feo, non?
– Aquí na Guadalupe somos famosos por “castigar” as orquestras que non se portaron ben connosco. Case todas as grandes pasaron nalgún momento por esa situación nos últimos 20 anos. Ao Xixí non lle tremía a man á hora de impartir xustiza, cal deusa Atenea anoxada. E a verdade é que non nos gustou nadiña isto que nos fixeron. Isto non significa que a vetemos para o vindeiro ano, pero non poden xogar connosco. A nós vainos ser o mesmo contar ou non con ela, quero dicir que temos outras alternativas para substituíla. Pero se queren vir á Guadalupe, se de verdade queren vir, como parece ser por comentarios que nos fixeron a algún membro da comisión, entón teñen que ser consecuentes coa palabra dada.
E se non, e isto dígoo un pouco de broma, sempre podemos ir vela a outras mil festas, que o espectáculo vai ser o mesmo 😀

– Hai pouco, no xornal, recollían a noticia de que dende unha comisión de festas destacaban que, a este ritmo, nuns anos sería impensable continuar coas festas, porque cada vez é máis complicado todo. Como o vedes vós?
A nivel administrativo si que se complicou un pouco, pero é abordable. Leva tempo, pero tamén as xestorías che poden tramitar os permisos, seguros, etc.
A clave está a nivel económico. A subida dos cachés das orquestras, pero tamén dos grupos, charangas, etc. é moi notable. Cada vez hai menos festivais pequenos e máis macrofestivais que custan un ril e con prezos abusivos. A min tenme pinta de ser unha burbulla a piques de rebentar. Están desaparecendo os festivais pequenos e as verbenas pequenas e é unha mágoa. Festivais como o Antrospinos ou o Rock in Rian aguantan como poden. E moitas verbenas estanse a converter nun único pase dunhas das grandes orquestras espectáculo, case como se fose un festival máis.
Que eu non digo que non estea ben, evidentemente se se fai é porque hai demanda. Pero aquí a Guadalupe funciona de forma distinta, xa o sabemos. Aquí seguídesnos pedindo orquestra de baile e sesión vermú, e que a verbena non empece moi tarde. E mentres poidamos, así seguiremos, pero cada vez custa máis atopar boas orquestras que dean sesión vermú. Claro que se prescindimos da sesión vermú poderíamos poñer dúas grandes orquestras á noite! Pero todo nos indica que, por agora, non é o que queredes. Así que, cada día (agás, este ano, o martes), unha das orquestras terá que ser das que aínda fan sesión vermú.
En resumo, a min non me asusta o papeleo e os permisos. Preocúpanme máis os prezos e a recadación.
– Para iso os números teñen que dar e os veciños botar unha man, ademais do Concello. Como de importante é a axuda do Concello?
– Sen a implicación do Concello xa hai tempo que teríamos que ter baixado a festa. Isto que nos dicides moito de que “hai que meter o recibo da festa no da auga ou no da contribución como fan noutros sitios” é unha falacia. Non é certo que outros concellos pasen “o recibo das festas”, e todas as veces que pedín probas que demostrasen esta afirmación, ninguén foi quen de darmas. Simplemente porque non existen. Primeiro porque é ilegal e non se pode facer, aínda que o tentasen vender así ao principio. O que fan os concellos é pagar as festas do global dos impostos municipais, nin máis nin menos; non hai outro truco. Aquí en Rianxo o Concello fai un grande esforzo económico, non imaxinades canto. E isto sae dos impostos de todos. Co cal, en certo modo xa se está facendo e tendendo a que, se a tendencia non muda moito, o concello acabe absorbendo o custo total da festa. Aquí o noso papel, o papel da Asociación A Moreniña, mentres poidamos, é o de buscar máis fontes de financiamento para ter máis días de festa. Na medida na que os comercios, a hostalaría e a veciñanza queirades, teremos máis ou menos festa. Non hai outra fórmula secreta.
– As festas son un momento de ocio moi importante para moita xente, pero tamén de traballo para outros. De feito, son un gran dinamizador económico para a vila. Neste punto, sempre se fala de que a hostalería fai, por así dicilo, outro “agosto” na Guadalupe. Como é a colaboración deste sector coas festas?
– A inmensa maioría da hostalaría colabora ben coa festa. A práctica totalidade. Pídeslles un donativo e dancho. Isto é así. Que cada ano haxa un ou dous que nos amarguen a festa ao final queda en anecdótico, pero dá rabia. Primeiro, porque fan un feo ao traballo que facemos na comisión de forma totalmente desinteresada, e un traballo ademais que se supón que eles poden explotar para beneficio do seu negocio. Dito doutra forma, porque traballamos para eles. Segundo, porque non son solidarios cos seus compañeiros de profesión. E terceiro, coa súa propia clientela, que é a que deixa alí os seus aforros e son quen lles dan de comer. Cabería preguntarlles como afectaría ao seu negocio que non houbese Guadalupe.
Pero como digo, é residual. Un ou dous (ou tres) cada ano, e nin sequera sempre os mesmos. A miúdo nos preguntades por que non publicamos quen son, pero iso non cremos que debamos facelo, xa que os donativos son voluntarios. Si que podemos, porén, publicar os que si colaboran coa festa, como de feito estamos facendo.
O que si, desde sempre vimos marcando unha cantidade de referencia para cada local hosteleiro. Unha cantidade que foi variando co tempo, en base tamén ao que nos van dicindo os propios donos e donas dos locais, e que se basea en diferentes factores que van un pouco a ollo: proximidade ao campo da festa, actividades que ten preto, etc.
Este sistema herdado e “a ollo” non nos acababa de convencer, polo que este ano procuramos establecer un método que nos permitise calcular unha proposta de donativo para cada local. Fixemos un pequeno estudio, algo informal, de como inflúen as actividades que desde a Comisión organizamos para a festa, de forma que en base ao orzamento de cada unha e á distancia á que a tes do teu local, imos calculando esa cantidade proposta.
O certo é que non deu moi diferente do que daba antes, pero si que nalgúns casos semella ser un pouco máis xusto. Este estudo pasámosllo a todos os donos dos locais, e evidentemente non lles gusta a todos, pero canda menos tentamos ser o máis obxectivos posible.
En fin, que en xeral estamos contentos coa colaboración da hostalaría, pero non deixa de ser estresante ter que oír practicamente as mesmas queixas ano tras ano. Algunhas cousas podemos e tentamos resolvelas, outras están fóra da nosa man, aínda que podemos tentar mediar, e con outras non estamos en absoluto de acordo.
– Canto supón a achega da hostalaría con respecto ao orzamento total da festa?
– Pois é difícil dicilo con exactitude porque varía bastante dun ano a outro. Hai anos nos que as colaboracións son mellores,e outros que peores. E isto é algo que a nós tamén nos afecta moito á hora de poder facer un orzamento. Ás veces, ata rematar a festa non sabes se vas chegar ao obxectivo orzamentario porque algúns hostaleiros non che queren dar o donativo ata xa empezada a festa ou incluso coas festas xa rematadas e, por exemplo, hai quen se choveu che dá menos, sen ter en conta que nós, chova ou non, ás orquestras temos que pagarlles igual. Por iso lles pedimos que, canda menos, antes das festas nos digan que cantidade van a achegar, para nós poder durmir tranquilas.
Para que te fagas unha idea desta variabilidade, pode andar entre o 5 e o 10 % do orzamento da festa. Hai 20 anos chegou case ao 15%, pero actualmente está arredor do 5%. É certo que hai moitos menos locais que daquela e que a forma de lecer mudou, o botellón afecta, temos unha cantina da comisión, etc. Neste sentido tamén nós nos fomos adaptando aos cambios.
Pero quero quedar cunha imaxe positiva, que dous ou tres insolidarios non nos amarguen a festa. Estamos agradecidos ao conxunto da hostalaría de Rianxo, e agardamos que lles vaia moi ben e fagan moita caixa. E se a fan, que se lembren de nós, e así para o ano teremos aínda mellores festas.
– Queres engadir algo máis?
– Pois quixera rematar cunha mensaxe aos veciños que se empeñan en non dar nada para a festa cando despois son os primeiros en estala desfrutando en primeira fila (que vos vemos): aquí todo o mundo está colaborando neste gran proxecto comunitario que son as nosas únicas e inimitables Festas da Guadalupe: comercios, veciñanza, concello… Vós desfrutádelas como os demais, pero sodes os primeiros en criticarnos nas redes sociais e nas tabernas… e seguro que seredes os primeiros en defenestrarnos cando as festas teñan que baixar de calidade. Sodes libres de non colaborar, por suposto, que a achega é voluntaria. Pero tede cando menos a decencia de non destruír o traballo dos demais. Se non queredes festa, ninguén vos obriga. Pero respectade a vontade e o esforzo dos vosos veciños. Na comisión podemos estar nós ou outras persoas, pero somos de aquí e só queremos organizar unha festa. Un mínimo de solidariedade.
Por outra banda, e como remate positivo, quero engadir que este ano estamos vendo que non poucos veciños están a dar máis que a cota de referencia que propoñemos. Non imaxinades o agradecidos que estamos. Isto demostra que queredes festa e que nos estades a recoñecer, canda menos, o empeño que poñemos. Moitas moitas grazas, de verdade, isto é moi reconfortante.
Deixar un comentario