Tag Archives: escaparista

Sheila Reboiras, escaparatista

15 Feb

Hoxe quería deixarvos unha pequena entrevista que lle fan no xornal De Luns a Venres a unha rianxeira que traballa en Barcelona de escaparatista, para a firma McGregor. Chámase Sheila Reboiras e é do Araño. Algúns xa a coñeceredes, e outros non. A todo isto, é a miña irmá 🙂

Xa postos, déixovos un extra. Como na prensa escrita, por mor do espazo, nunca pode ir a entrevista completa, velaquí a tedes:

– Un sinónimo de Galicia?
Feiticeira.

– Que quería ser de pequena?
Un pouquiño de todo, perruqueira, xeóloga, profesora, enfermeira, carpinteira, xardiñeira… En fin, a dicir verdade, aínda me gustaría ser de todo iso un pouco.

– Un lema a seguir na vida?
Busca o lado positivo das cousas e SORRÍE sempre ao teu presente.

– A súa comida favorita?
Ummm… Unha pregunta bastante complicada porque me gusta todo. Si teño que elixir quédome co marisco e coas verduras da horta da miña nai.

– Unha paixón?
A arte, como disciplina e como forma de vivir, ilusionarse e sentirse presente en cada paso que damos.

– Un lugar especial?
Calquera recunchiño da miña aldea. Podería describir centos de aventuras e historias; ningún lugar me transmite máis alegría e recordos que a miña aldea, o lugar da miña infancia.

– Cales son as claves para ser unha boa escaparatista? 
Primeiro debemos coñecer moi ben a marca para a que traballamos para poder comunicar o que esta quere transmitir, e ser consciente de cal é o obxectivo final. E despois baséaase na posesión dunha boa dose de creatividade, gusto, orixinalidade e dimensión espacial. Tamén é moi importante a capacidade de improvisación, de ser resolutivo e mañoso.
Se teño que destacar un escaparatista menciono sen dúbida a Antonio Montouto, escaparatista dunha das tendas máis coñecidas de toda Barcelona. Realiza auténticas obras de arte compoñendo de maneira poética obxectos propios da tenda e convidando á libre interpretación das mesmas.

– Que se leva neste eido?
Cada vez mais os escaparates estanse volvendo mais minimalistas, trabállase unha idea, nun concepto e exhíbese o producto de maneira mais clara, limpa e sutil. Aínda que debemos mencionar que cada vez deséñanse mais tendas abertas, sen escaparates. O interior de tenda, é dicir, todo o visual merchandasing convértese no propio escaparate da mesma. Tamén é importante destacar as tecnoloxías, que están a ser un punto clave na actualidade e que cada vez nos invaden con mais forza.

– Hai algún negocio que sexa un referente polos seus escaparates?
Hai moitos, sen ir máis lonxe temos o caso de Zara, que comezou a coñecerse grazas aos seus escaparates nos que se ofrecía e segue a ofrecer ese carácter de luxo a un prezo asequible. Os meus favoritos son Vinçon, Hermès, Louis Vuitton, Tiffany & Co, o centro comercial Bergdorf-Goodman de NY entre outros.

– Ten saída profesional esta profesión en plena crise?
Sen dubida que si. Máis ca nunca necesítase potenciar as vendas, que a xente se anime e ilusione, e o primeiro vendedor co que nos atopamos pola rúa é o escaparate; éste é o primeiro contacto co interior da tenda. Igual ca nunha relación de parella, se nos gusta e atrae o exterior, xa temos un motivo polo que entrar dentro, temos a necesidade e curiosidade de coñecer o que se esconde no seu interior. Ademais en momentos de crise é cando máis hai que traballar, é o mellor momento para construír e innovar, para crear soños, ilusións e experiencias novas.