Tag Archives: escultor Nuco

Nuco e o Museo de Nós Nuco

24 Mar

Como sabedes, estamos a preparar unha exposición titulada Ruando Rianxo, patrocinada polo Concello, na que buscamos descubrir a nosa localidade a través das súas xentes. E unhas das persoas que terá o seu pequeno oco, é Nuco.

Cando naceu, puxéronlle Robustiano, pero de aí a cousa pasou a Rubustianuco e, finalmente, a Nuco, como o coñece todo o mundo. E para quen non o coñeza, velaquí a súa ficha de presentación: Nuco Losada Romero, nacido en 1945, “un rapaz de Rianxiño, fillo de Antonio e de Flora, que non é de Uruguai nin de Nova York”, pero que non deixa de ser un artista autodidacta cunha gran obra.

nuco2

Para descubrires o seu potencial artístico, só tedes que pasarvos polo seu museo de Rianxiño onde nin tan sequera cobra entrada. Tedes as indicacións postas na entrada de Rianxo (xunto á rotonda do pavo real), aínda que sorprende saber que as tivo que pagar el do seu peto. Porque Nuco quere amosar ao mundo que o que fai tamén é digno, ten calidade e paga a pena. “Teño moita forza e non vou parar“, comenta mentres nos ensina o seu museo. “A min ninguén me axudou nunca”, pero iso non quita que no 2012 entraran a ver as súas esculturas “unhas 900 persoas, de Calanda, de Negreira, de Vilagarcía, de Canarias, ingleses, franceses… que tamén consumiron no concello, así que tampouco custaba nada sinalizar o museo”. Pero non, saíron do seu peto.

O museo de Nós Nuco está feito no baixo da súa casa. Son uns 150 metros cadrados, o que supuxo moitos anos de loita, “recibindo moitos parabéns e alegrías, pero tamén levando moitos paus, sobre todo ao principio”. Trátase dun museo “feito por un home só, que non deixa de ser unha punta de lanza convidando a outros artistas a crearmos unha rede de museos, que podemos”. Nuco mesmo indica que “sería moi bonito que Rianxo fora a terra dos museos“.

nuco3 nuco4

Porque Nuco ten corazón de artista, pero mans de currante. Foi case toda a vida carpinteiro de ribeira e para poder crear tiña que durmir moi pouco. “Téñome deitado ás 3 da mañá e levantado ás 7 para ir ao traballo. Aquí hai moito sacrificio”, confesa. Ao tempo, explica que ese esforzo era visto por moitos como un compartamente pouco habitual, porque “no seu día chamábanme O Loco da Colina. Hoxe en día ninguén o fai, porque o Loco do Colina sabía o que quería”.

De feito, é un home de verbo fluído e de ideas claras. As dúas horas que estamos con el pasan rapidamente. É un pracer poder escoitar as explicacións de cada una das obras que saíron da súa imaxinacións e do seu traballo. Así por exemplo, cando nos amosa unha peza sobre a emigración dinos que el a viviu en persoa, “así que sei o que se sente. É unha dor moi profunda, que che afecta a todo”.

nuco1

E no momento de ver unha escultura sobre a lingua, coméntanos que en ocasións van escolares ao seu museo e lles transmite a idea de que a lingua “está nunha cárcere, porque pensamos en galego pero non o falamos. Cada un é libre de falar a lingua que queira, pero que non pensen que por falar castelán un vai ser máis intelixente, porque a intelixencia é patrimonio de quen a ten“.

Déixovos aquí unha entrevista que lle fixemos a Nuco, para que poidades afondar mellor na súa personalidade e na súa obra. Aínda que o mellor é que vos pasedes directamente polo seu museo, o coñezades en persoa e poidades desfrutar das súas creacións 😉

– A súa primeira escultura foi un deus maorí no Pacífico. Por que esta obra? Como naceu esa idea?
– Nesas datas estaba eu navegando a bordo dun container holandés, eran tempos nos que aínda usaba a pintura como canle de expresión artística. Lembro que quedara sen material para pintar nunha vila moi pequena de nome Maunganui e como me atopaba predisposto a facer algo, ocorréuseme esculpir nun pequeno tronco de madeira de teca un deus Maorí: Marakihao, mítico ser mariño de rostro humano e lingua bífida, coas mans abertas sobre o ventre. Estiven un ano en diferentes vilas e cidades de Nova Zelandia, a palabra “maorí” significa “ común, normal”. A escultura éncheme porque a partir dun debuxo é necesaria unha grande loita contra a materia para chegar a un fin que se poida considerar artístico.

– Antes tamén practicara a pintura, pero non o enchía. Que atopou na escultura que non tiña a pintura?
– A escultura é tridimensional pero tes que traballar catro caras, todas distintas. Podemos dicir que nunha escultura coexisten catro cadros desiguais. Fago escultura porque me gusta e se houbera que nacer para algo, estou seguro que eu nacería para ser escultor. Todo o que fixen na miña vida diferente a iso, en certo modo consíderoo tempo perdido. Sinto paixón polas artes, pintei ao óleo pero a pintura non me acaba de encher, un pasa media vida buscando para o que valer, e cando o atopa dedícase a iso con todas as forzas; eu considérome afortunado porque atopei a miña canle de expresión: a escultura.

nuco5

– Cal é a obra da que se sente máis orgulloso?

– Moi difícil dicir de que obra me sinto máis satisfeito, unhas teñen simbolismo, outras forza expresiva, e outras unha execución superior. Non obstante, iso moitas veces non é suficiente para considerar a unha obra a máis querida. Considerando que eu son o pai de todas elas, por exemplo se un pai ten catro fillos, tres sans e un enfermo, posiblemente o seu cariño máis grande o leve o máis débil, o fillo enfermo; iso e o que me pode pasar a min. Aprezo a todas igual, non quero ciumes aquí dentro, en todo caso prefiro que sexa o espectador quen marque as diferenzas.

– Como é o seu proceso creador? Tarda moito en elaborar cada obra?
– O tempo que me leva facer unha escultura, depende case sempre do meu estado anímico, hai días que os paso dando voltas polos camiños da preguiza, sen ganas, e de repente xa na escurecida ao mellor éntrame unha especie de febre e póñome a traballar ata ben entrada a noite sen saber como me atoparei o día seguinte; difícil tarefa poñerlle data de acabado a unha peza miña.

– Traballa coa pedra, co ferro e coa fibra de vidro. Son materiais moi distintos entre si. Como decidiu cambiar duns a outros? É autodidacta á hora de aprender a traballar estes materiais?
– Ao longo de todos estes anos cambiei varias veces de material. Gústame estudar cada un deles, saber que se lle pode conseguir, e tamén demostrarme a min mesmo que podo facer unha escultura no material que se me antolle. Son autodidacta en todo, a miña universidade non ten teito nin paredes, é a escola da vida.

– O logotipo do seu museo ten unha antena, xa que busca captar calquera cousa que o poida inspirar. Que foi ata o de agora o que máis o inspirou: os libros, a personalidade da xente, a tradición…?
– No meu logotipo destaca unha antena que ten dúas facetas ben distintas: emisora é receptora, as ideas para facer as miñas esculturas proveñen dos feitos que se dan nesta grande obra de teatro que é a vida e tamén do que vexo na natureza.

– Boa parte da súa obra ten unha relación moi estreita con Galicia e con Rianxo. Necesitaba plasmar o que o rodeaba?
– Nun principio sentín a necesidade de plasmar nos meus traballos todo aquilo que me era máis próximo e me falaba da miña terra, nado en Rianxo era moi difícil non facer un percorrido polos persoeiros da literatura, os oficios, a tradición. Xa logo, máis adiante, as miñas esculturas fixéronse máis universais, cosmogónicas.

nuco6

– Cre que moitas veces se confunde o talento e a creatividade coa loucura?
– Non creo que a xente corda confunda talento e creatividade coa loucura, pero aínda que así fora, bendita loucura. Algunhas persoas aprovéitanse da extravagancia para disimular a súa mediocridade e a mellor virtude que pode ter un artista e a sinxeleza, a simplicidade… e obra. O hábito non fai o monxe.

– Como xorde a idea de crear un museo?
– Comecei a facer esculturas e a contalas, o día que non souben cantas tiña díxenme a min mesmo: chegou a hora de ter un museo, eis o Museo de Nós Nuco.

Podedes visitar gratis o Museo de Nós Nuco de luns a sábado de 18.00 a 21.00 horas, ou ben concertar previsamente visita para outros horarios no teléfono 981.86.02.85 ou no correo riodexeixos@hotmail.com