Estas “Criaturas” cumpren un aniño

20 Feb

Se algo transmiten os integrantes do grupo teatral “Criaturas” é enerxía, positividade e moitas ganas de pasalo ben. O 20 de febreiro están de aniversario. Nin máis nin menos que 12 meses demostrando que en Rianxo hai talento de sobra.

Estes mozos, de entre 13 e 17 anos, prometen espectáculo e moitas risas. Non obstante, abordan obras nada sinxelas, como o demostra o feito de que a peza teatral que realizaron o ano pasado duraba arredor de 1 hora e 45 minutos. Iso si, as 200 persoas que foron ata o Auditorio para ver a súa representación quedaron máis que sorprendidas polo nivel e polo bo facer dos seus actores. Tamén representaron no instituto, “pero fíxonos máis ilusión facelo no Auditorio porque nos sentimos más importantes”, comenta Elisabet. Iso si, recoñecen que no instituto de Rianxo tiveron máis presión “porque había máis amigos e coñecidos”, así que a responsabilidade de facelo ben era maior.

Félix Muriel e Fogo Fatuo

Criaturas naceu froito dunha colaboración entre o Félix Muriel de Rianxo e a asociación Fogo Fatuo. Antes de montar o grupo fíxose no instituto un obradoiro no que traballaron temas como a vocalización, o movemento no escenario, a expresión corporal… Parte dos que fixeron o taller forman parte na actualidade do grupo, pero outros incorporáronse máis tarde. É o caso de Adri, que comezou cubrindo unha baixa. Comenta que a experiencia lle serviu para “perder o medo”, xa que “sempre me custou falar diante da xente”. Unha profesora recomendoulle que co teatro gañaría máis confianza e agora levanta risas facendo de Gertrudis.

Ángela tamén explica que entrou no grupo porque llo recomendaron en canto que ía ser unha boa actividade. “E a verdade é que moi ben”, confesa, “gústame”. Fai de ladroa na obra, pero tamén se puxo na pel dun zombie durante o Samaín. Porque Criaturas colaborou co Concello no Feirón Mariñeiro, animando as rúas; concienciando sobre a violencia de xénero e realizando contacontos co Apalpador este pasado Nadal, etc.

“Descubrimos facetas de nós mesmos que non sabiamos que estaban aí”, sentencia Maite, unha das máis animadas, e que non dubida en dicir que “me expreso que dá gusto”. Nada máis saber da existencia do grupo no instituto correu a apuntarse. A ela uniuse Miriam, que de pequena vira High School Musical e lle fixo ilusión a idea. Non obstante, tamén recoñece o duro do teatro, xa que un monólogo longo de máis fixo que se formulara deixar o grupo, aínda que agora volveu para facer de “pija asquerosa repelente”.

Bo ambiente

Vamos, que neste último ano fixeron un feixe de cousas. Alejandra, que se enterou da existencia do grupo polo instituto, di que se trata de algo “divertido”. O que máis lle gusta é representar comedia e facer rir á xente que os vai ver. Yaiza, que nunca antes fixera teatro, comezou este curso xunto con dúas amigas e sinala que o mellor de Criaturas é “o ambiente”. Da mesma opinión é Adrián, quen incide “no bo rollo” dos integrantes e que durante o último ano se xestou un bo grupo, no que “hai máis confianza”, o que tamén permite “traballar dun xeito máis fluído”.

“somos moi amigos, moito”, sentencia Alba. De feito, os ensaios en ocasións son tamén unha boa escusa para verse e falar dos temas máis variados. Iso si, tamén se dedican a traballar. Comezaron quedando no instituto e agora fano no auditorio unha vez por semana. Hai dous grupos, o dos veteranos e o dos máis novos. Cada un deles prepara a súa propia comedia e cada un deles ten ensaio de forma independente. O seu director, Juan, sinala que hai unha diferenza entre os dous porque “os pequenos comezan dende cero, polo que hai que darlle máis pautas”.

Custa ás veces distinguir ao director do resto de integrantes do grupo, porque todos son moi novos e el semella un máis. De feito, para Iria “o profe é unha das cousas que máis me gusta” dentro de Criaturas. Julia tamén fala da boa harmonía que existe con el ao explicar que lles propón vía correo electrónico as obras a representar e despois, entre todos, “decidimos se se fai ou non”. Ademais, “a personaxe escollémola nós” (agás nalgúns casos, como no de Ángela, que lle foi imposto).

Futuro

Coa ilusión que desbordan falando do grupo está máis que claro que en Rianxo hai canteira teatral para moito tempo. Maite di que este ano “foi moi bo e estamos máis unidos ca sempre”. Ademais, diante teñen moitos proxectos e ideas, como representar fóra do Concello, realizar un intercambio cos grupos da zona, etc. E tamén colaborar con Airiños, o grupo máis antigo de Galicia, co que hai “bo rollo”, pero tamén un pique san porque “nos obriga a facelo o mellor posible e a subir o listón cada vez máis”.

Non obstante, tamén queda decidir cal vai ser o futuro de Criaturas, porque parte dos seus integrantes rematarán este ano os seus estudos no instituto para incorporarse á universidade, e á maioría gustaríalles seguir co teatro. Atrás deixan un ano de ensaios, 54 semanas meténdose na pel de diferentes personaxes, 12 meses facendo rir e 365 días nos que viviron moitas horas para o teatro, pero por diante de seguro que lles quedan moitos telóns por abrirse e un feixe de aplausos por recibir.

>> Álbum de fotos do grupo Criaturas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: