Adrián Gómez Ramos, 1º Premio Xuventude Crea coa súa novela “Cando sangren os lobos”

12 Out

O mes que vén, Adrián Gómez Ramos (1994) presentará a súa novela Cando sangren os lobos na túa terra, en Rianxo. Adrián vén de estrearse por todo o alto no mundo da literatura, xa que o fai tras gañar o Premio Xuventude Crea na categoría de novela. Neste cuestionario falamos de como recibiu a noticia e sobre a obra que vén de publicar en Xerais.

– O ano pasado gañaches 1º Premio Xuventude Crea 2020 na categoría de Novela Curta por Cando sangren os lobos, que se acaba de publicar. Como foi recibir a noticia do premio?

– Foi bastante estraño, a verdade. Ó principio non acababa de crelo, e moito menos cando me dixeron que fora o primeiro. Sendo sinceros creo que non o asimilei ata o acto de entrega de premios e puiden coñecer os demais participantes das outras categorías. 

– O libro xa o tiñas escrito ou foi a raíz do certame que decidiches animarte?

– Non estaba escrito. O único que tiña era unha idea moi xeral da historia e dos personaxes, pero naquel momento estes últimos nin sequera tiñan nome.

A túa novela vén de publicarse agora en Xerais. Contaremos con alguna presentación en Rianxo?

– Por suposto! O día 5 de novembro presentarei o libro no auditorio de Rianxo ás 20:30 horas, onde tamén estará o editor da novela. A maiores estiven falando ca dirección do I.E.S. Félix Muriel para facer unha presentación no instituto e falarlle ó alumnado tanto do libro como do programa Xuventude Crea, pero aínda non temos data concretada.

– A obra titúlase Cando sangren os lobos e nela non é só que haxa sangue a nivel físico senón tamén emocional. Como é traballar toda esa parte emocional e psicolóxica dos personaxes?

– É algo bastante interesante. Á hora de escribir hai que ter en conta que, aínda que parecidas, cada persoa ten unha personalidade única, polo que hai que pararse e pensar ben como reacciona cada un a unha mesma situación.

En ocasión tamén pode ser algo duro, sobre todo á hora de escribir personaxes que fan cousas horribles ou mesmo cando algún dos protagonistas toma unha decisión moralmente cuestionable, pero esas son as cousas que fan a historia interesante polo que nunca hai que ter medo a traballar cas emocións, por alleas que nos resulten algunhas delas.

– Teño que confesar que me sorprendeu a mestura de xéneros que fas. Por un lado temos a parte da novela policial ou novela negra e, por outra, unha parte de novela fantástica. Como xurdiu a idea?

– Dende cativo son un obseso da fantasía. Xa sexa épica, como O señor dos aneis, ou urbana, como Buffy Cazavampiros. Ese amor polo sobrenatural e fantástico está moi presente no que consumo como lector ou espectador, polo que para min foi natural que se filtrase no que escribo. A novela negra, ademais, creo que se presta moi ben a mesturarse ca fantasía, ó fin e ó cabo, a motivación principal segue a ser un misterio, o cal se acrecenta aínda mais engadindo un pouco das lendas sobrenaturais que todos coñecemos.

– Ademais, hai unha parte moi importante da novela vencellada coa mitoloxía. É un tema que che gusta ou no que tiveches que afondar para construír a novela?

– Encántame a mitoloxía, creo que a literatura fantástica e as lendas (xa sexan as da mitoloxía da Grecia clásica ou as lendas urbanas actuais) comparten tantas cousas en común que ben poderían ser a mesma cousa.

Dentro do meu gusto pola mitoloxía sempre sentín un gran apego polas historias de monstros, sobre todo aqueles que tamén podían vivir como persoas, como é o caso dos licántropos… así que non tiven que afondar demasiado, a verdade, aínda que si fixen algo de investigación para saber que había sobre lobishomes ó largo do mundo.

– Outra parte que me sorprendeu foi que abordases a discriminación social que aínda sofren moitas persoas pola súa orientación sexual. Cres que este tipo de temas deberían ter máis cabida na literatura actual?

– Completamente! Pero non só as situacións de discriminación. Necesítanse mais historias con protagonistas que se saian do establecido, xa sexa para criticar a discriminación, coma neste caso, ou simplemente porque as persoas LGBT+ existen.

Con isto quero dicir que tamén hai que deixar a estes personaxes existir en historias que non xiren puramente en torno á súa sexualidade ou identidade de xénero e, por suposto, todo isto esténdese tamén a protagonistas que non sexan brancos ou mesmo a protagonistas que non sexan homes. Durante moito tempo o papel protagonista estaba reservado a un arquetipo moi concreto que era o de home branco heterosexual, pero isto está cambiando cada vez máis, algo do que me alegro de formar parte.

A verdade é que sobre este tema case podería poñerme e escribir unha nova novela.

– Din que un bo escritor é, antes de nada, un mellor lector. Que tipo de libros e de autores che gustan?

Como comentaba antes son un grande admirador do xénero fantástico e da mitoloxía, polo que non sorprenderá que o meu libro favorito sexa La canción de Aquiles de Madeline Miller, que conta a historia de Aquiles e Patroclo.

– Actualmente tamén estou moi enganchado ás novelas de Brandon Sanderson, que escribe fantasía épica, concretamente á saga de El archivo de las tormentas, moi recomendable para os lectores pacientes.

– Rianxo dise que é terra de escritores. Non só temos aos clásicos, senón autores contemporáneos como Iago Hermo, Esther Carrodeguas, Maite Mosconi, Xosé Duncan, Xosé Ricardo Losada… Dá gusto saber que a nómina vai medrando. Non sei se hai autor rianxeiro en particular que leas ou que teñas como referente?

– Durante moitos anos estiven na Agrupación Teatral Criaturas de aquí de Rianxo, polo que é inevitable que coincidísemos co grupo Airiños no escenario, así que coñezo ben o traballo de Esther Carrodeguas.

Tamén teño pendente Mnemea, de Xosé Duncan dende hai unha tempada, pero aínda non cheguei a el. Teño unha lista de lecturas pendentes mais alta do que me atrevo a recoñecer.

– Creo que les dende moi pequeno e que para iso foi moi importante tamén o exemplo que che daba na casa a túa nai e as súas irmáns. Cóntanos como xurdiu ese gusto pola lectura. 

– Sendo sincero non podo recordar realmente como xurdiu. Teño un libro entre as mans dende que teño uso de razón e sempre imaxinei que ver a miña nai e as súas irmás intercambiar libros e comentalos entre elas foi un factor moi importante, pois quería formar parte e entender aquelas conversas.

Outro motivo foi que eu sempre fun un cativo moi tranquilo, polo que para min ir á biblioteca, mesmo durante os recreos na escola, resultaba moi agradable. Alí atopaba unha calma que eu agradecía e podía atopar mundos interesantes e novidosos nas páxinas dos libros.

– No acto de entrega dos Premios Xuventude Crea 2020 definíaste como unha “persoa moi normal en público, pero moi rara cando estou só”. Tes que explicarme algo mellor iso, senón vou pensar que tamén che pasa como ao protagonista da túa novela, Fernán Malvís, que igual te convertes en licántropo. 

– O meu tipo de rareza non é tan interesante coma o de Fernán, moito me temo. Como che dicía eu son unha persoa moi tranquila, o cal implica que tamén son moi calado cando estou con outras persoas, de aí que todo o mundo pense que son bastante normaliño. Pero mesmo neses momentos na miña mente están ocorrendo mil historias fantásticas ó mesmo tempo. De feito, foi nun deses remuíños de ideas onde naceron Fernán e Xandre Malvís.

Cando estou só podo deixar fluír esas historias, ben sexa escribíndoas ou, aquí vén a parte rara, actuándoas (buscando bandas sonoras de fondo e todo), para meterme na pel dos personaxes e saber como reaccionan ante as distintas situacións que me poida imaxinar.

– A novela vén podería dar para unha segunda parte. Existe esa posibilidade?

– Pola miña parte a resposta é un si rotundo. Mentres escribía Cando sangren os lobos, collinlle moito cariño a todos os personaxes polo que, gañase ou non o Xuventude Crea, tiña pensado volver a este mundo aínda que fose só para o meu desfrute.

Con sorte, espero que esta novela teña unha boa acollida e poder contar de novo co apoio de Xerais e lanzar mais aventuras destes dous irmáns ó público.

– E, por último, estás a traballar en algún novo proxecto?

– Nestes momentos teño varias ideas, unha delas sendo unha nova entrega dos irmáns Malvís, pero aínda non foi mais alá de algunhas ideas xerais para a trama. 

Ademais diso, teño entre mans unha novela fantástica moi centrada no mar e nas aventuras que poderían vivir os mariñeiros dun mundo máxico, que espero rematar ó longo do que queda de ano e, con sorte, interesar a algunha editorial.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: