“Sentíminos grandes e pequenos ao mesmo tempo”. Quen así falaba era Maruxa Miguéns, a metade de Os Rosales de Asados. Falaba en nome dela e do seu home, de Xosé Romero. Toda unha vida xuntos. Historia viva da música tradicional galega. Paixón e amor polo folclore, tal e como se recolle no libro que se presentou onte no auditorio, “Os Rosales. O son da festa”.
“Non teño palabras para agradecer este traballo”, dicía unha e outra vez Maruxa. Porque tal e como indicaba a autora da biografía do libro, Fina Fernández, as mellores homenaxes son as que se fan en vida. E o agradecemento, a fin de contas, é noso. Tanto dos desfrutamos nas festas, como dos que presumimos de veciños e tamén de cultura. Porque non se entendía unha celebración sen Os Rosales (no norte de Galicia arrastraban tanta xente como Panorama hoxe en día), porque levaron o nome de Rianxo por Galicia adiante (no bombo levaban a Virxe da Guadalupe e indicaban que eran de Asados – Rianxo) e porque deixan moitas e grandes composicións para as novas xeracións de músicos.
Por iso, insisto, onte era un día para darlles as grazas. E por iso onte, a xente, de pé, os aplaudiu con ganas e con emoción. Porque era un día especial, rodeados dos seus, presentando un libro que recolle parte da súa historia e da súa música. A pesar das medidas polo coronavirus e de que a asistencia estaba limitada, moitos foron os que se achegaron ata o evento para saudalos e desmostrarlles o seu cariño.
Á presentación case non puido asistir Xosé Romero, que levaba uns días con problemas de saúde. Pero aos seus 91 anos deu mostras claras do seu carácter e do seu sentido do humor. De feito, cando Maruxa estivo explicando todas as escolas de gaitas nas que estiveron dando clase, Xosé especificou que polas súas mans pasaron máis de 450 gaiteiros, algún deles de só seis anos.
Certo que Os Rosales tocaban para gañar a vida. Pero non é menos certo que deixaron unha fonda pegada na música tradicional galega. Non só pola gran cantidade de alumnos cos que traballaron, senón polas composicións que deixaron e pola rigorosidade coa que afrontaron o seu traballo. Aínda hoxe Xosé afina as súas seis gaitas cada día e busca a perfección na música. Foi un gaiteiro autodidacta, facía composicións incluso cunha gaita fabricaba por el cunha vexiga e dende os 10 anos levaba o instrumento na cabeza. Saibamos ou non de música, de seguro que todos escoitamos a súa “Camposa”, porque non falta en ningunha peza. Xosé, que quería facer algo á altura da muiñeira de Chantada, dende logo conseguiu crear cancións imperecedeiras.
Pola súa banda, Maruxa abriu camiños para a muller na música tradicional, nunha época na que as bandas de gaitas estaban compostas exclusivamente por homes. Onte Maruxa indicaba que se sentía “apesarada” por non ter feito “máis como muller” e o primeiro en aplaudir foi o seu home, Xosé.
Son, sen dúbida, un dúo unido e compenetrado, aos que nin a idade os detén. Ata tal punto e así, que Maruxa incluso aseguraba que por ela marcharía mañá mesmo a Madrid de xira se facía falta. Iso si, a voz faltoulle despois da gran sorpresa que lle deron tres dos seus fillos e un neto, que subiron ao escenario para homenaxealos tocándolles unha mazurca.
Sandra, Pepe e Mario acompañáronos dende moi novos a todas as festas, formando parte da banda. “O máis bonito foi estar con eles. E aínda agora, despois de tantos anos, aquí os temos”, indicaba Maruxa.
Tras este marabilloso momento, Xosé intentou que Maruxa se arrincase a cantar e incluso a acompañou, deixando claro que con ou sen instrumentos o deles é a música.
Por último, sinalar que no evento tamén estiveron o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; a autora da biografía, Fina Fernández; o autor dunha análise compositiva de Xosé Romero, Christian Castrelo; os integrantes da escola de música sénior da UNED (dirixida por un dos fillos dos Rosales) e outros músicos que tocaron diferentes pezas durante o evento.
Precioso ártico, sintético pero xeneroso e veraz, obrigado en da familia “Rosales”