Certamente en Rianxo temos un festival de música espectacular e impagable que realiza xente de aquí con moito traballo. Xa están movéndose de cara a este ano (27 e 28 de xullo), adiantando algúns grupos que van participar e promovendo todo que ten este evento único en Galicia e parte do universo 🙂
Pero ademais, xa convocaron tamén o concurso Teloneiros 2012. Nel poden participar os grupos de música ou cantautores galegos que queiran, enviando un correo a festivalantrospinos@gmail.com co nome completo, cos datos do grupo, o estilo musical que se toca e un vídeo para que poidan ver como dominas o escenario. Haberá dous gañadores, que poderán actuar no festival e aos que tamén lles pagarán os desprazamentos. O prazo para enviar solicitudes remata o 5 de xuño.
Por outra banda, teñen en marcha outro concurso, o do cartel do festival. Tamén se participa enviando un correo a festivalantrospinos@gmail.com e remitindo a proposta en PDF xunto cos datos do autor (nome e teléfono de contacto). Neste caso o último día para enviar deseños é o 10 de xuño ás 00.00 h. O requisito que poñen é que o cartel conteña o seguinte texto: “Festival Antrospinos 2012. Capítulo 5. 27 e 28 de xullo. Taragoña, Rianxo”. Iso si, a orde é o de menos. O gañador recibirá un agasallo de recoñecemento na tarde do sábado, durante o festival.
Máis información en www.festivalantrospinos.es
Deixar unha resposta