Todo listo para o Festival Antrospinos 2012

20 Xul

Nuns días celebrarase en Rianxo e, máis en concreto, en Campo Maneiro un dos festivais de música máis importantes da comarca e que, pouco a pouco, vai medrando en importancia e en afluencia. Falamos cos seus organizadores para que nos conten como se presenta este ano.

– Este é o quinto festival que organizades, pensabades hai cinco anos que tería esta continuidade e este éxito?

– Non, en absoluto! O certo é que hai cinco anos, máis ca un festival era unha festiña de aldea, apenas se contaban no Campo Maneiro un cento de persoas. Pero comezamos a organizar con moita ilusión, e como non tiñamos grandes pretensións todo nos facía mérito, unha parella que subía pola costa arriba para achegarse ao campo xa nos parecía un suceso!

– Que cousas foron cambiando dende as primeiras edicións?

– Practicamente cambiou todo, chegamos a un punto no que o festival precisaba de máis medios, máis infraestruturas, máis persoal na organización (aínda que iso non o acadamos) e moitas outras cuestións á hora de formularse o xeito de financiar a festa, dado que o festival se autofinancia case na súa totalidade. O Antrospinos deu un xiro radical e estamos orgullosos porque todo foi xurdindo a base de moito esforzo, a costa do noso tempo de lecer e boas doses de optimismo.

– Como xurdiu nos seus comezos a idea de organizar o festival máis importante de música de todo o Barbanza?

– O festival xurdiu da maneira máis anecdótica: nunha voda dunha rapaza taragoñesa, Violeta, un grupo de xente comezamos a falar da posibilidade de montar un pequeno festival de música folk, entre risas e caralladas a cousa finalmente saíu adiante, xuntáronse máis persoas e naceu o I Festival Antrospinos. A clave foi o feito de que desde había dous ou tres anos non se celebraban as festas do verán e a parroquia mostrouse participativa. A organización do encontro foi tan divertida que tiñamos necesariamente que repetir a experiencia en 2009, a II edición. E ata aquí chegamos…

– Cales son as grandes novidades deste ano?

– Por primeira vez cobramos entrada, unha cantidade simbólica pero que para o festival significa a súa permanencia ou, cando menos, seguir no nivel acadado nos dous últimos anos. E a nivel musical chegamos a novos países en busca da mellor música, contamos novamente cos nosos veciños portugueses a través de Kumpania Algazarra, a nivel español Alamedadosoulna ou os premiados Canteca de Macao, autores da banda sonora de Habitación en Roma de Julio Médem; e traemos un grupo húngaro, Bohemian Betyars, entre outros. E como non podía ser doutro xeito, coma cada ano seguimos a apoiar a música do país, con grupos insignia do panorama musical galego como Os Cempés, Quempallou, Dakídarría ou Ataque Escampe. Estas son as principais novidades da V edición do Festival Antrospinos.

– É doado organizar un festival nun momento económico tan complicado? Outros festivais teñen patrocinadores moi importantes (Estrella Galicia…), pero vós entendo que tedes que tirar de moita imaxinación e esforzo, non si?

– En realidade e sendo sinceros o festival nunca foi doado de organizar, aquí traballamos todos a tope, sexa para ir pedir ás empresas, para facer socios, montar cantinas, traballar detrás da barra, contactar con grupos, montar valados, pegar carteis, plantar árbores, montar os decorados ‘cutres’ das nosas festas, enviar notas de prensa, actualizar as redes sociais, contactar con distribuidores… Pero é certo que cos tempos que corren a cousa complícase a nivel económico e hai que dar moitas máis voltas para conseguir o que queremos, debemos intentar ser enxeñosos para atraer público e tamén para atopar as mellores alternativas económicas. Baixou o nivel de colaboracións tanto pola parte de empresas coma de particulares, aínda que temos colaboradores fieis como son os nosos socios, que desde 2011 contribúen decisivamente tanto coa súa cuota anual coma coa súa participación en todos os eventos organizados desde o FAP, e os nosos patrocinadores que por segundo ano consecutivo se comprometeron cunha inestimable colaboración económica.

– Este ano cóbrase entrada, credes que vai respostar a xente ou que se vai notar este feito?

– Temos boas espectativas neste senso dado que a pesares de sermos novos no eido cremos que isto acadou unha gran repercusión desde hai un par de anos para atrás. Estamos convencidos de que moita xente xa sabe da matraquillada e do ambiente de Antrospinos e non se vai botar atrás por unha entrada de 10€ os dous días. Se un se para a pensar, saír unha noite de copas sen ningún espectáculo que ver xa significa gastar bastante máis.

– Vós como asociación non tedes como fin ningún lucro, xa que os cartos gañados van para reforestar os montes de Taragoña. Como organizades isto?

– Primeiramente recadamos cartos non só para a plantación de castiñeiros e carballos, tamén para o propio festival. O resultado final das contas do ano é o que permite facer a inversión para a reforestación. Isto xurdeu hai uns anos con motivo das queimas que arrasaron o monte taragoñés, mais aparte desta motivación, partimos da base de que no século XXI a ecoloxía é clave, e o noso país, poboado masivamente de eucaliptos, o cancro forestal dos últimos trinta anos, e maltratado polos numerosos incendios, precisa dun apoio firme aínda que sexa a través de pequenos xestos coma o noso. Se todos facemos un pouquiño a cousa mellora sempre. Non desbotamos nun futuro poder levar a cabo esta actuación noutros montes do concello rianxeiro. En fin, o medio natural está presente en Antrospinos, non só coa plantación de árbores autóctonas, senón tamén con outras medidas adoptadas nas nosas festas coma o xa famoso FAPvaso.

– Se alguén quere facerse socio da vosa asociación, como o podería facer?

– Tan só ten que enviarnos nome e apelidos, data de nacemento, enderezo-e e un número de tlf a festivalantrospinos@gmail.com ou ben a través do noso facebook. Quen coñeza a calquera dos organizadores pode pórse directamente en contacto. Este ano os socios poden gozar do privilexio da entrada de balde ao festival e recibirán tamén un agasallo. E coma no ano anterior terán unha festa exclusiva ademais de contar con descontos en comercios do concello rianxeiro e outros limítrofes. Hai máis información sobre esta cuestión en www.festivalantrospinos.es

– Un dos maiores atractivos do festival é a matraquillada, na que se volca moita xente de Rianxo. Pensabades que participaría tanta xente?

– A verdade foi espectacular a resposta da xente con esta actividade! Consideramos a día de hoxe que isto xa se converteu nunha tradición na zona. Comezou sendo algo montado con vistas á xuventude e agora ten moita repercusión entre a xente de todas as idades, converténdose xunto co xantar e as actuacións da tarde no palco Carballo, nunha auténtica romaría popular. A diversión e o bo rollo da matraquillada marcan o carácter de Antrospinos. Con ela quixemos imprimir ese carácter das festas populares da aldea e cremos que o conseguimos. O matraquillo, elemento indispensable no rural agrario que hoxe xa non vemos tan de contino coma hai uns anos, convértese no elemento estrela, unha especie de atracción total para a xente de aquí e a de fóra. Ten un atractivo grande ir de carallada polas pistas de Taragoña dirección á praia montado nun chimpín e con música en directo amenizando a singular viaxe.

Fotos sacadas do facebook do Festival Antrospinos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: