O ano pasado, xunto aos compañeiros do Foto Club Sálvora, movemos unha exposición fotográfica por distintos concellos, entre os que non podía faltar Rianxo. Nese momento xurdiu a idea de poder facer unha mostra exclusivamente centrada no noso concello. Así que puxemos a traballar dende finais do ano pasado e, despois de darlle voltas, chegamos a unha idea: combinar un proxecto no que mesturar retratros fotográficos coas vivencias persoais dos rianxeiros.
Foi así como naceu Ruando Rianxo, un proxecto no que queremos fotografar e entrevistar a xente de todas as parroquias, coma vós e coma nós. Moitas veces temos pequenas grandes historias ao noso lado, na casa do veciño e pásannos totalmente desapercibidas. Por iso lle queremos poñer rostro aos traballadores do mar, aos artistas, ao agro, á hostalería, á música… que vive e medra en Rianxo.
Queremos aproveitar o post para darlle as grazas á área de Cultura do Concello, onde presentamos a idea e foi moi ben acollida. Temos o seu patrocinio, o seu apoio e tamén a reserva do Auditorio para finais de ano. Así que agardamos contar coa vosa visita, que de seguro que vos gustará o que vedes. E se non gusta, pois a turrarnos das orellas 😉
Na exposición é imposible recoller as historias dos máis de 12.000 habitantes que ten o noso municipio, pero do que se trata é de que boa parte das persoas que aparezan en Ruando Rianxo sexan a voz e o sentir de moitos outros rianxeiros. De que cando se realice a mostra no Auditorio saibades que de seguro tedes un veciño, un amigo ou un familiar alí retratado e que descubrades, ao igual que Xoán Antón e máis eu, a outros rianxeiros cos que de seguro vos cruzastes moitas outras veces sen saber a súa historia.
Porque Rianxo é un concello rico en persoas, en historias e en vivencias. E nós queremos plasmar parte desa riqueza. De feito, se coñecedes alguén interesante (e vivo) na vosa parroquia, podedes contactar con calquera de nós para valorar a súa inclusión na exposición:
Xoán Antón Castro: a.rosagz@gmail.com
Eu (Óscar): oscar.reboiras@gmail.com
Magnífica iniciativa Xoan, xa cho dixen no seu momento. Paréceme que dentro dun tempo esto será a memoria dunha Terra. Sería bo que os Concellos promovesen ideas como esta, cada certo tempo para recopilar imaxes e historias das xentes que viven na zona. Porque en definitiva, cada pobo é dos que o disfrutan e o sufren cada día… dos que nel traballan, se namoran, ou morren.
Parabéns amigo. Deséxovos o mellor.
Moitísimas grazas Ana, un pracer que che guste a idea, que vindo de ti é unha honra amiga.