Dende o pasado venres 3 de maio e até o 2 de xuño poderemos desfrutar da exposición de pintura Retrospectiva, obra do taragoñés e xa falecido Manuel Lesende Iglesias.
Manuel Lesende Iglesias, naceu en Taragoña no ano 1952. E finou na Coruña no 2006. Cursou Artes e Oficios na escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela: cidade da que se quedou prendado (como ben quedou plasmado en gran variedade das súas obras) e da que, moitos anos despois, voltou ser absorvido. Como a pintura enchía o seu espíritu pero non os seus petos, decideu comezar unha aventura: buscar progreso xunto á sua recén aliada e muller, María, nun lugar que emanaba un progreso artístico polos anos 80, como era a cidade de Barcelona.
Integrado na cultura da pintura ao aire libre (abolida) e tras unha etapa de arte abstracto, que o arrastrou dende óleo, ao carboncillo, sufriu, posiblemente, un dos peores intres, a destrución de máis da metade das súas obras nun incendio. Acto que sumiu nun bloqueo durante un tempo, pero do que (agradecidamente) volcou na que hoxe en día é a mais grande exposición permanente da súa carreira: A recreación da cidade e curiosidades da cidade universitaria de Heidelberg (Alemaña) nas paredes que o retiveron. Os murais plasmados pódense ollar a día de hoxe na cervexaría Alt Heidelberg, local tradicional de Barcelona dende os anos 60.
A recompensa a ese golpe de efecto abriron un camiño de volta á sua terra natal 14 anos despois. Xa de novo en Santiago de Compostela, e respirando vellos aires, iniciou un destacado troco nas súas obras. Volcou un brillo extra a cada cadro novo que creaba, xa que aplicaba barnices moi brillantes no que algúns consideran un novo tipo de técnica.
En galicia comezou a década dourada para o pintor. Múltiples exposicións polo territorio, bienais e sobre todo tempo libre, achegaron a este artista a acadar varias metas persoais e profesionais que elevaron máis aínda o seu prestixio persoal e a súa firma. Xusto neste momento cume da súa carreira, todo isto viuse truncado pola enfermidade.
Durante os seus 53 anos, pintou preto de 500 cadros (entre diversidade de estilos), 20 murais e infinidade de bocetos: traxectoria que foi freada de súpeto.
Non obstante, na exposición que hai agora en Rianxo, podemos achegarnos a parte da súa obra, en concreto á obra abstracta do pintor, que abarca dende 1997 até 2005.
María Lesende, filla do pintor e que nos pasou toda esta información, xunto á súa familia, desexa que os rianxeiros “desfruten detidamente da obra e mostramos a nosa gratidude, moi agradecidamente aos grupos e asociacións culturais do concello de Rianxo”.
Á inauguración, cargada de emoción, asistiron numerosos familiares, así como unha ampla representación do concello.
A propia filla do pintor, María, notablemente emocionada non foi quen de pronunciar o discurso de apertura, que correu a cargo do alcalde Adolfo Muíños, quen se afanou en resaltar o traballo deste rianxeiro, do que moi pouco se coñece e que ten tanta e tan extensa obra pictórica.
Queremos deixarvos tamén aquí unha crónica da súa obra:
“A obra de Manuel Lesende -a pertencente ao seu último período creativo- ademais do sólido dominio técnico dun artista maduro, amosa todo un despregue de elementos e símbolos e oníricos que, de modo inevitable, fascinan e inquietan o ánimo do espectador. A visión da súa pintura evoca a contraditoria ingravidez do aire sustentando a existencia, aprestada na madeira, na pedra, nos ladrillos, mesmo nas árbores cortadas que flotan nun espazo agora escuro, agora lánguido, sempre matizado polas paisaxes icónicas (Monte Louro, Castelo de San Antón, Torre de Hércules, o Pórtico da Gloria, Rianxo).
O peso destes materiais (seccións de molduras, perpiaños, fustes, vigas, taboleiros) sacralízase erixindo altares, tabernáculos, aras onde o artista deposita a súa identidade (os pinceis, as paletas, o tabaco,…), se cadra querendo dar fe de que todo ha quedar inerme e sen finalizar. A árbore fendida, pese a botar raiceiras, secará sen remedio. O tempo exprésase en piramidal transparencia. As vizosas mazás inmobilízanse abeiradas ao bacío ou enmarcadas nos ocos de medio punto. E sobre os lenzos ou na propia pedra ou nos sollados que flotan ou no aparador que se abre ao mar coñecido e amado, a crucifixión constate, a presenza dos dolorosos cravos de ferro negro que manteñen xuntos os elementos, que atravesan punzantes os anacos da vida, pode que a sucesión dos recordos, sen dúbida as fías da esperanza. Lesende cohabita, dialoga e interroga pertinaz ao sagrado e á morte.
A crucifixión, home e muller atados ao sufrimento, ven ser a constatación de que a existencia, inscrita nun anaco de cartón, cravada nun bastidor ou suspendida en media botella de plástico, vaise apagando consciente e inevitablemente. E se algunha espiritualidade queda, se hai un punto de apoio, será o que ofrece o punto de fuga, a elongación cara o horizonte, as liñas invisibles que conteñen o laconismo da vida. A un parécelle que Manuel Lesende foi quen de transformar o íntimo debate, a angustia do ser humano ante a levidade e a constrición da existencia -desveladas nas súa propia carne-, en agónicas preguntas, en surrealistas dicires, en oníricas e inquietantes proposicións, tan imposibles como certas”. Fonte: F.R.L.
Seguramente que esta obra non deixará indiferente as olladas que se lle poidan botar.
A nós, cando menos, impresionounos!!!
Deixar unha resposta